Borja Oubiña Meléndez, nado en Vigo o 17 de maio de 1982, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.

Traxectoria Aínda que de moi neno xogou no Moledo CF, formouse no Gran Peña FC e nas categorías inferiores do Celta de Vigo, ascendeu ao primeiro equipo en 2003. Licenciouse en Empresariais na Universidade de Vigo.

Debutou co Celta nun partido contra o Valencia CF na tempada 2003–04 da man de Miguel Ángel Lotina. Esa campaña xogou doce partidos de liga e dous da UEFA Champions League, o primeiro deles contra o Arsenal FC londiniense, no estadio de Highbury Park.

Logo do descenso do equipo, Oubiña liderou o conxunto como titular habitual, ata o ascenso. Ao ano seguinte, xa en primeira, foi determinante para que os celestes acadaran a sexta praza e se clasificasen para a Copa da UEFA. Destaca pola súa capacidade para recuperar balóns.

miniatura|esquerda|Borja Oubiña en 2009. Co descenso a Segunda División do equipo vigués en xuño de 2007 o xogador expresou o seu desexo de abandonar o club. Despois de que varios equipos se interesasen polo futbolista sen chegar a acordos co Celta, este cedeu a Oubiña ao Birmingham City inglés o mesmo día que pechaba o mercado de fichaxes (31 de agosto de 2007).

No minuto 11 de xogo na sexta xornada da Premier League, no seu segundo encontro co seu novo club, o primeiro como titular, fronte ao Liverpool FC, bateu contra Dirk Kuyt o que produciu a rotura dos ligamentos do xeonllo esquerdo. A partir de aí comezaron os problemas e as presións por parte do Birmingham City que fixeron que finalmente rescindiran o contrato que lles unía. Así, Oubiña regresou a Vigo para continuar a súa recuperación e incorporarse ao Celta de Vigo, club co que aínda tiña contrato. 438 días despois de ser operado do xeonllo, o xogador galego volveu atar as botas para disputar un encontro oficial. O 6 de decembro de 2008, Oubiña saltou ao campo no Nuevo Insular de Las Palmas. O partido perdeuno o Celta (2–0).

O 22 de maio de 2015 anunciou a súa retirada do fútbol profesional ao non recuperarse das recorrentes lesións de xeonllo, quedando vinculado ao club integrado na secretaria técnica dirixida por Miguel Torrecilla.

Selección nacional Non chegou a debutar coa selección galega durante a súa recuperación despois de décadas de prohibición, a causa de sucesivas lesións. Internacional tamén coa selección española, onde debutou nun partido contra Liechtenstein (2 de setembro de 2006). Con España xogou 2 partidos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial do xogador

Categoría:Nados en 1982 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Birmingham City FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de España Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo