Pedro Luis Castañón Escalera, nado en Santiago de Compostela c.1961, é un ex piloto galego de rallys.
Competiu de xeito habitual no Campionato de Galicia de Rally, do que se proclamou subcampión na tempada 1996. É pai do tamén piloto Pedro Castañón López.
Traxectoria Comezou nos rallys nos anos 80 na Escudería Compostela pilotando un Citroën Visa e en 1991 quedou terceiro na Copa Seat Marbella do Campionato de Galicia de Rally. En 1992 usou un Peugeot 205 Rallye, co que quedou segundo na Copa Mabor e nos seguintes tres anos correu sobre Citroën AX Sport, co que quedou segundo no Rally de Noia de 1994, por detrás de Javier Piñeiro. Ese ano proclamouse campión da Challenge Citroën, dentro da cal conseguiu tres vitorias, dous segundos postos e dous terceiros, superando ao segundo clasificado, Benito Carballido. Na tempada 1996, conducindo un Renault Clio Williams, conseguiu outro segundo posto absoluto, no Rally Botafumeiro, e a súa regularidade permitiulle proclamarse subcampión galego, só por detrás de Germán Castrillón. Durante os seguintes anos os problemas co Clio e cun novo Seat Ibiza Cupra impedíronlle obter tan bos resultados, mais aínda así logrou outro podio no Rally Botafumeiro de 1998. O seu copiloto habitual estes anos era Miguel Ángel Vilas.
No ano 2000 pasou a disputar o Campionato de Galicia de Montaña cun Citroën ZX, proclamándose gañador da Copa Galicia de Prototipos no seu primeiro ano, título que revalidou nos catro anos seguintes. No 2004, cun Seat León Cupra, foi ademais campión galego de montaña entre os vehículos carrozados. Disputou tamén de xeito interrompido o Campionato de España de Montaña, rematando en 2001 como sexto do seu grupo (A2), e décimo en 2005 e 2006. A principios de 2007 estreou un Nissan Primera Superturismo no nacional de montaña, co que competiu de xeito máis esporádico nos seguintes anos.
O seu fillo Pedro tomou o seu relevo, competindo dende pequeno en karting e logo en subidas, e gañando en 2014 o Campionato de Montaña de Portugal.
Notas
Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes