As Illas Atlánticas son un parque nacional galego que abrangue os arquipélagos das Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, todas elas nas Rías Baixas, e as súas augas. As illas de Sálvora e Cortegada atópanse na ría de Arousa, as Ons na boca da ría de Pontevedra e as Cíes pechando a ría de Vigo. Todas elas están nos exteriores das rías, agás a de Cortegada.

Este parque declarouse o 1 de xullo do 2002 co nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza, o que o converteu no primeiro e único parque nacional de Galiza e no décimo terceiro a nivel estatal. Con esta declaración inténtase protexer o litoral, a paisaxe e os ecosistemas terrestres e mariños destas illas, que forman unha barreira natural na plataforma continental eurosiberiana. Namentres que no medio terrestre destacan os sistemas dunares e cantís das illas, nas augas destacan a biodiversidade das formacións rochosas e os areais, que contan con bosques de algas pardas e múltiples especies de peixes e bivalvos. A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade paisaxística, xeomorfolóxica e cultural deste territorio e coa finalidade de protexer unha mostra representativa dos sistemas costeiros atlánticos. O valor deste parque vai desde o científico e educativo ata o recreativo.

No ano 2017 o parque recibiu 440 mil visitas turísticas.

Xeografía miniatura|300px|Extensión do Parque Nacional das Illas Atlánticas As illas que forman o parque atópanse na plataforma continental das rías baixas galegas: as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Na primeira está o arquipélago de Cortegada, no seu interior, e o arquipélago de Sálvora, no seu exterior. O arquipélago das Ons, formado principalmente polas illas de Ons e Onza, está no exterior da ría de Pontevedra. Por último, as illas Cíes pechan a ría de Vigo. Este arquipélago fórmano as illas de Monteagudo, do Faro e de San Martiño.

A superficie de 8.480 hectáreas do parque distribúese do seguinte xeito:

Arquipélago hamarítimas haterrestres Arquipélago das Cíes 2.658 433 Arquipélago de Cortegada 147,2 43,8 Arquipélago de Ons 2.171 470 Arquipélago de Sálvora 2.309 248

Arquipélagos integrantes Arquipélago de Ons: as illas Ons forman un arquipélago situado na boca da Ría de Pontevedra, nas coordenadas 42°22′50″N, 8°56′00″O. O arquipélago forma a parroquia de San Xoaquín da Illa de Ons de Bueu. Componse da illa de Ons, a única illa do parque nacional habitada durante todo o ano, a illa de Onza ou Onceta, e outros pequenos illotes, entre os que destacan O Centolo, O Gaiteiro ou As Freitosas. A maior das illas, Ons, é de 5,5 km de longo e 0,88 km de ancho. Chega a unha altitude de 119 metros, onde se localiza o seu faro. Namentres que a costa oeste está formada por cantís con múltiples furnas, como O Buraco do Inferno, a costa leste ten dunas e areais, como a praia e duna de Melide ou a praia das Dornas. Destacan da illa de Ons os asentamentos e etnografía das súas poboacións. A illa de Onza, máis pequena ca Ons, está deshabitada.

Arquipélago de Cíes: as illas Cíes forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo. Pertencen á parroquia de San Francisco de Fóra de Vigo, e atópanse nos 42°15' de latitude norte, e nos 8°54' de latitude oeste. Este arquipélago fórmano as illas de Monteagudo (ou do Norte) e do Faro (ou do Medio), que están unidas por un dique artificial e pola praia de Rodas, e a illa de San Martiño (ou do Sur). As illas varían en lonxitudes de 1,5 a 3 km e chegan a un máximo de altitude de 197 m, no Alto das Cíes, no norte da illa de Monteagudo. A vertente oeste das illas ten cantís acusados e praias e chairas cara ao leste. As agora despoboadas illas contan con ruínas de castros, mosteiros ou fábricas de sal.

Arquipélago de Cortegada: a illa de Cortegada e as illas de Malveira Grande e Chica, Briñas e o illote de Con son un arquipélago interior da ría de Arousa, na desembocadura do Ulla, no concello de Vilagarcía de Arousa. Cortegada é unha illa de 1 km de longo de 0,5 km de ancho que non supera os 19 m de altitude. Destaca pola súa densidade arbórea, en particular polo seu bosque de loureiros, de especial interese botánico: é o maior dos peninsulares e dos maiores europeos. Ademais posúe unha gran diversidade micolóxica. Na illa de Malveira destaca o bosque de cerquiños.

Arquipélago de Sálvora: a illa de Sálvora, e outras múltiples illas pequenas e illotes como os de Vionta, Noro, Herbosa ou Sagres, atópanse preto da entrada da ría de Arousa, e pertencen ao concello coruñés de Ribeira. Está separado da terra firme por unha distancia duns 3 km polo norte, onde aparecen os outros illotes. Posúe unha extensión de preto de 190 ha, unha lonxitude de 2,5 km e 1 de ancho, e ten unha altitude máxima de 73 m. A illa de Sálvora ten praias de area, cantos graníticos arredondados e un relevo orográfico suave. A súa costa oeste é máis rochosa e a leste máis areosa, con praias como as do Almacén, dos Bois ou dos Lagos. Conta cun lugar abandonado e un faro aínda en uso.

Arquipélagos e illas aspirantes Á parte das xa declaradas como parte do conxunto do parque nacional, existen outras illas galegas en proceso de valoración ou que diferentes colectivos reclamaron que se incluísen dentro do parque. É o caso das illas Lobeiras, as Sisargas, a de San Simón e a de Tambo.

Nalgúns casos, esa inclusión viuse dificultada pola titularidade deses territorios insulares. Foi o que aconteceu coas illas Sisargas e as Lobeiras, e tamén coa illa de Tambo.

No caso desta última, a máis próxima ás demais illas declaradas, ademais da cuestión da titularidade pesou tamén na súa contra a falta de continuidade co resto do parque, xa que se atopa no interior da ría pontevedresa. Con todo, o Goberno chegou a negociar a compra de terreo da illa para incluíla no parque. Ao non callar este proceso, avaliouse a posibilidade de incluír Tambo dentro dun novo espazo natural protexido diferente ao parque nacional, pero esa hipotética declaración da illa como protexida baste coa relativa sucidade das augas no interior da ría, provocada pola fábrica de celulosas de Marín. A isto hai que engadir o feito de que fose durante décadas un espazo de uso militar ata a súa recente desocupación.

Os organismos locais tamén reclamaron a inclusión das illas Sisargas de Malpica ou as Lobeiras de Corcubión dentro do parque. Do mesmo xeito, a titularidade privada dos terreos e a distancia coas demais illas atlánticas impediron a súa inclusión dentro do parque. De feito, as illas Lobeiras son de propiedade municipal e o consistorio local reclamou na década de 1990 a súa inclusión dentro do futuro parque nacional. Con todo, as illas Sisargas forman parte do ZEC Costa da Morte e da ZEPA Costa da Morte (Norte) e as illas Lobeiras están dentro do ZEC Carnota - Monte Pindo.

Orografía miniatura|300px|As Cíes desde o Alto do Príncipe, onde se pode observar a diferenza de alturas entre a costa exterior e interior do arquipélago. As illas atlánticas teñen un relevo e orientación determinada pola súa formación xeolóxica, que estivo ligada á aparición das rías e ás fallas variscas de orientación N-S e NE-SO da costa atlántica galega.

No caso dos arquipélagos das Cíes e Ons as illas son de morfoloxía suave, de pouca altitude, mais cunha diferenciación entre as pendentes das vertentes leste e oeste. As maiores altitudes das illas danse na costa que mira a augas abertas. Nesa face os cantís son elevados e están máis expostos ás ondas do exterior das rías. A vertente que mira ao interior das rías posúe rochedos de pouca pendente e praias. A maior elevación da illa de Ons é o Alto de Ons, a 116 m sobre o nivel do mar, e en Onza, o punto máis alto acada os 71 m. No caso das Cíes, na illa de San Martiño chégase aos 172 m de altitude, no monte do Faro aos 172 m, na illa de Monte Maior acádanse os máximo de 183 m e de 197 m no Alto das Cíes.

As illas dos arquipélagos de Sálvora e Cortegada son de pendentes miúdas e de contornas arredondadas e planas. No caso de Sálvora as maiores altitudes danse pola presenza de cons e formacións graníticas. Cortegada está no interior da ría e o seu relevo é case de chaira, cun litoral de chairas e rochedos. A máxima altitude en Sálvora é de 69 m e en Cortegada, de 19 m.

Hidroloxía miniatura|Lavadoiro no rego das Ons ao seu paso polo Cano, preto da Area dos Cans. A escasa superficie das illas e a súa posición no exterior das rías fan que, con algunhas variacións entre elas, a súa hidroloxía sexa superficial, de poucos acuíferos e bacías pequenas. As correntes dos regos son ocasionais, en particular despois de choivas.

No arquipélago das Ons só existen na illa de Ons. Alí atópanse 11 fontes e mananciais estacionais. No arquipélago das Cíes existen 6 mananciais na illa do Faro, 2 na e Monteagudo e 4 na de San Martiño. En Sálvora coñécense 4 mananciais e en Cortegada só 1, onde estivo a poboación da illa.

Clima As rías baixas, onde están situadas as illas atlánticas, contan cun clima oceánico de altas precipitacións e unha estacionalidade moderada; isto é, a variación de temperatura e choivas non é acusada. En particular, as illas atlánticas teñen un clima determinado en esencia pola latitude e a oscilación do Atlántico Norte (a "NAO"), e definido polas altas presións das illas Azores e as baixas de Islandia.

No inverno os ventos do sur dominan e traen consigo humidade e unha temperatura morna. A auga do litoral, pobre en nutrientes, afunde no exterior da plataforma continental. Ademais, o aumento de choiva durante o inverno aumenta a entrada de auga fluvial desde o interior ao exterior das rías, bañando as illas. Na primavera e outono dominan os ventos do norte, que son secos e fríos. Este proceso regula o afloramento das augas árticas. A comezos da primavera e no outono prodúcense fenómenos de afloramento desas augas frías, que achegan nutrientes ás augas superficiais e estimulan o afloramento de algas. Entre eses dous períodos dáse un proceso de estratificación das augas por quecemento da auga superficial, o que comporta o esgotamento dos nutrientes na augas superficiais.

As precipitacións nas illas son menores que no litoral continental, xa que a súa baixa altura non impide o paso das nubes. Por mor disto os veráns nas illas son máis secos e escasea a auga. A temperatura terrestre das illas está entre os 13 e 15 °C, e é máis moderada que no litoral próximo. Chega a máximos de 20º de xullo a agosto e a mínimos de 10º de decembro a xaneiro. As súas augas están en temperaturas superficiais de arredor 14 °C.

Os ciclos da NAO crean un ciclo de entre 3 e 7 anos de invernos cálidos, con máis humidade e tormentas, e invernos fríos e secos. De feito, estes períodos da NAO afectan á intensidade dos afloramentos de auga.

Xeoloxía miniatura|300px|Sistema de barreira-lagoa costeira entre a illa Monteagudo e do Faro das Cíes: a praia de Rodas pechando o lago do Neno Formación Os arquipélagos do parque forman parte do macizo Hespérico, que se formou durante a oroxénese herciniana. Este territorio do macizo erosionouse durante o mesozoico e distendeuse durante o pérmico, cando o continente Panxea comezou a separarse e o océano Atlántico a formarse. A oroxénese alpina do terciario e a posterior distensión deu lugar aos bloques orientados de N-S e N-L da actual costa galega na placa Ibérica. Os movementos da placa, os procesos de erosión fluvial derivada da formación da cordilleira cántabra-pirenaica e os montes de León, e a baixada do nivel do mar do cretáceo superior acentúan os vales dese litoral. Foi a última glaciación e a posterior suba do nivel do mar, que comezou no cuaternario hai 2,6 millóns de anos, a que formou as rías galegas e estas illas nas súas bocas. Igual que as rías, as illas están aliñadas en dirección NO-SE na plataforma continental. Antes da súa inundación foron cumes do litoral galego.

Composición O substrato de rochas do parque atópase dentro do dominio xistoso da zona de Galicia-Tras Os Montes do macizo Hespérico.