miniatura|350px|Mapa das Sete Provincias.En azul pálido, as Terras da Xeneralidade (territorios católicos baixo o control dos Estados Xerais).En amarelo pálido, os Países Baixos españois (despois, austríacos).En beixe claro, o Sacro Imperio Romano Xermánico. A guerra dos oitenta anos ou guerra de Flandres foi unha guerra de secesión, entre os actuais estados dos Países Baixos e España, iniciada en 1568 e que finalizou en 1648, co recoñecemento da independencia das sete Provincias Unidas, hoxe coñecidas como Países Baixos (ou "Holanda").
Os países que hoxe se coñecen como Bélxica e Luxemburgo formaron parte das dezasete provincias que permaneceron leais aos Habsburgo hispanos. As Provincias Unidas emerxeron da guerra como unha potencia mundial grazas á súa poderosa armada e frota mercante, e experimentaron un importante auxe económico e cultural.
Para a coroa castelá a independencia das Provincias Unidas representou unha gran perda de prestixio e o mantemento económico da guerra contribuíu en gran parte a provocar as sucesivas bancarrotas da coroa castelá ao longo dos séculos XVI e XVII, e o afundimento da súa economía.
Antecedentes da guerra Os intereses españois Carlos V naceu en Gante en 1500 e creceu no condado de Flandres do cal era o titular polo que era visto polos seus súbditos neerlandeses como un rei da súa terra. Carlos V abdicou en 1556 no seu fillo Filipe II, criado en Castela e cuxos intereses sempre estiveron máis na liña dos intereses da coroa de Castela, era visto como un rei estraño e estranxeiro. Esta impresión púxose de manifesto o día da abdicación de Carlos V en Bruxelas, onde en contraposición ao emperador, flamengo, cosmopolita e políglota, o novo rei era incapaz de dirixirse aos seus súbditos flamengos na súa lingua.
A situación de Flandres, a un paso de Inglaterra, Francia e Alemaña, tiña unha grande importancia estratéxica para a coroa española. Ameazaba a Inglaterra cunha invasión, pechaba o cerco de Francia xunto con Castela e Italia, e era a porta de entrada a Alemaña desde o norte, sacudida polas guerras de relixión.
A relixión
Xa durante o reinado de Carlos V, o calvinismo fixera acto de presenza nos Países Baixos e fora reprimido polo emperador, intentado ata implantar un tribunal da Inquisición. Esta política foi continuada polo seu fillo Filipe II que, en 1565, implantou os decretos tridentinos, causando un gran malestar xa que impedían a liberdade de culto á que aspiraban os nobres e os calvinistas.
Doutra banda, a reorganización dos tres grandes bispados existentes nos Países Baixos en dezasete máis pequenos, topou coa oposición da alta nobreza, xa que os segundóns das familias nobres aspiraban usualmente ao cargo de bispo, e non tiña o mesmo prestixio (nin ingresos) unha grande diocese, que unha das dezasete pequenas dioceses previstas. Finalmente a énfase posta polo calvinismo na honestidade, a modestia, a frugalidade e o traballo duro encaixaban moi ben coa mentalidade dos industriosos holandeses, o máis emprendedor dos reinos de Filipe II, e chocaban fortemente co luxo da nobreza católica. As comparacións eran demoledoras para o prestixio do catolicismo.
A incapacidade de Filipe II para aceptar gobernar sobre herexes calvinistas e a crenza de que a súa misión nos seus reinos era ser o gardián do catolicismo en Europa, facían imposíbel unha solución de compromiso.
A economía
A economía xogou un papel importante no estalido da rebelión nos Países Baixos. A guerra entre Suecia e Dinamarca pechou o comercio e as importacións de trigo procedentes do mar Báltico, provocando unha queda do comercio e dos salarios, unha carestía de alimentos e a suba do prezo destes, o que facilitaba a tarefa dos calvinistas de criticaren a riqueza e o luxo da Igrexa cando a poboación comezaba a sentir a fame. Esta situación acadou o seu cénit en agosto de 1566 cunha brusca suba do prezo dos alimentos.
Cómpre facer notar a coincidencia no tempo entre a suba dos prezos e o estalido das desordes iconoclastas dese mesmo mes que provocaron o envío do III duque de Alba. A perda dos subsidios enviados pola coroa en 1568 para pagar o exército, a mans de corsarios ingleses, obrigaron o duque a impoñer impostos para pagar o exército (alcabala). Isto foi demasiado para os holandeses, obrigados a manteren un exército estranxeiro empregado para reprimilos, en época de recesión económica, e en contra dos usos e costumes da súa terra.
A rebelión
O 5 de abril de 1566 a pequena nobreza maniféstase ás portas do palacio de Margarida de Parma, gobernadora dos Países Baixos e irmá de Filipe II. Posteriormente o 15 de agosto, día da Asunción un incidente deriva en disturbios provocados polos calvinistas no que asaltan as igrexas para destruíren imaxes de santos que eles consideran heréticas.
Ante a clara rebeldía de parte da poboación e a nobreza, Filipe II decide enviar a Fernando Álvarez de Toledo, terceiro duque de Alba, á fronte dun exército para reprimir os rebeldes, como primeira medida dun plan de pacificación, que prevé a viaxe de Filipe II aos Países Baixos. Durante o ano que tarda o duque de Alba en chegar aos Países Baixos, a través do Camiño Español, a princesa Margarida conseguiu facerse co control da situación dominando a insurrección e informado ao seu irmán, polo que a chegada do duque de Alba á fronte dun exército provocan a súa dimisión en desacordo coa política do rei. O duque chega a Bruxelas o 28 de agosto de 1567, o 5 de setembro crea o Tribunal dos Tumultos, coñecido polos neerlandeses coma o tribunal do sangue, e que condenará a morte a centenares de flamengos e confiscará as súas propiedades, o 8 de setembro cita os nobres neerlandeses coa escusa de informalos sobre as ordes do rei. É unha trampa na que se detén aos condes de Egmont e Horn, dous dos principais nobres flamengos que prestaran importantes servizos ao rei, e que serán decapitados na Gran Praza de Bruxelas o 5 de xuño de 1568.
O príncipe Guillerme de Orange, outro dos principais nobres flamengos e moi prezado polo pai de Filipe II, refuxiárase nas propiedades da súa familia materna en Alemaña. Desde alí financia aos esmoleiros do mar e alza un exército de mercenarios alemáns do seu propio peto e pono ao mando dos seus irmáns.
A guerra
O duque de Alba
O inicio oficial das operacións bélicas deuse na batalla de Heiligerlee o 23 de maio de 1568 coa vitoria das tropas de Luís de Nassau sobre as castelás, que sería posteriormente derrotado polo duque de Alba na batalla de Jemmingen onde esnaquizaría o exército holandés a cambio dun centenar de mortos no seu exército, obrigando a Guillerme de Orange a refuxiarse de novo en Alemaña.
Con Guillerme fóra de Holanda e sen moitos apoios e os principais líderes decapitados parecía que o duque de Alba terminara coa rebelión e urxiu o rei a poñer en práctica a segunda parte do plan, a viaxe do rei a Flandres exercendo o papel de rei clemente cos seus súbditos. O rei non puido, ou non quixo, viaxar a Flandres deixando o duque de Alba só no seu papel de represor. A falta de diñeiro para pagar os seus exércitos levou o duque a impoñer un imposto (alcabala) do dez por cento sobre todas as compravendas, medida que foi vista como un castigo colectivo, e que volveu poñer na súa contra á poboación.
En 1572 o duque de Alba debe facer fronte a varios intentos de invasión. Os esmoleiros do mar capturan en abril a cidade portuaria de Brielle e desde alí os portos de Vlissingen e Enkhuizen, pechando a saída ao mar co fin de evitaren o comercio das cidades de Brabante e Holanda, as provincias máis ricas dos Países Baixos. O éxito dos esmoleiros do mar foi a mecha que volveu acender a rebelión pola rexión. As cidades das provincias de Holanda, Zelandia, Frisia, Güeldres e Utrecht reclamaban a presenza de Guillerme que volve polo norte á fronte dun exército e o seu irmán Luís que ataca desde o sur á fronte doutro.
O duque de Alba reacciona e pacifica o sur vencendo as tropas dos rebeldes que cercaban Mons, mentres no norte o seu fillo Don Fadrique asalta e saquea as cidades de Malinas, Zutphen e Naarden matando os seus habitantes. Após o asedio de Haarlem que finaliza o 11 de xullo de 1573, os seus habitantes pagan 250.000 floríns para fuxiren do saqueo. Posteriormente o duque decide poñer en sitio a cidade de Alkmaar que ante a disxuntiva de se render, e seren saqueados e asasinados, ou resistiren e seren saqueados e asasinados igualmente, os habitantes deciden romper os diques que protexen os seus campos do mar, provocando a ruína da cidade, pero obrigando o duque de Alba a levantar o sitio.
Namentres, Filipe II optara por substituír o duque de Alba como gobernador para intentar unha solución negociada ao conflito.
Luís de Requesens
Luís de Requesens foi nomeado gobernador dos Países baixos en 1573 co obxectivo de buscar unha saída negociada ao conflito cos sectores máis moderados dos rebeldes. Suprimiu o Tribunal dos Tumultos e iniciou conversacións cos rebeldes en Breda sen resultado ningún, xa que Filipe II pretendía a volta á situación anterior ao estalido da rebelión sen aceptar tipo ningún de liberdade relixiosa nin de autonomía política nos seus dominios, algo inaceptable para os rebeldes como demostraba a resistencia de cidades como Alkmaar e Leiden.
Paralelamente, a falta de recursos económicos facían inviable a vitoria militar pese a algúns éxitos conseguidos neste campo, como a batalla de Mook na que perderon a vida outros dous irmáns de Guillerme de Orange. A falta de pagas levaba os terzos a amotinárense, impedindo que tras esta batalla, despois da cal non ficaba ningún exército rebelde que puidese opoñerse aos españois, Luís de Requesens puidese aproveitarse diso para ocupar o territorio rebelde. A morte de Luís de Requesens o 5 de maio de 1576 foi aproveitada por Guillerme de Orange para que as provincias de Holanda e Zelandia formasen un estado federal do que foi nomeado gobernante.
Xoán de Austria
Trala morte de Luís Requesens, Filipe II nomea o seu medio-irmán Xoán de Austria gobernador dos Países Baixos co mesmo obxectivo de negociar un acordo. Á súa chegada prodúcese o famoso saqueo de Anveres por tropas castelás amotinadas que puxo a todas as provincias en contra da coroa e que se comprometen mediante a pacificación de Gante a loitaren unidas para expulsaren as tropas castelás.
Para acougar a poboación, Xoán asina o 12 de febreiro de 1577 o Edito Perpetuo polo que se compromete a retirar os terzos vellos dos Países Baixos, eliminaba a Inquisición e recoñecía as liberdades flamengas a cambio do recoñecemento da soberanía da coroa castelá. Xoán insta entón ás provincias a que o recoñezan como gobernante. Guillerme de Orange non pode cumprir o asinado pola súa banda, o retorno ao catolicismo das provincias rebeldes e entra en Bruxelas onde o nomean gobernador da provincia de Brabante e aceptan, como gobernador dos Países Baixos, o arquiduque Matías de Austria. Xoán chama de regreso aos terzos que chegan a finais de 1577 ao mando de Alexandro Farnesio terceiro duque de Parma. A comezos de ano enfróntanse ao novo exército rebelde na batalla de Gembloux, ao que destrúen completamente.
Xoán de Austria morrerá en Namur ao contraer o tifo en outubro de 1578. Nomeará como gobernante dos Países Baixos a Alexandro Farnesio, decisión máis tarde confirmada por Filipe II.
A Unión de Arras e a Unión de Utrecht Coa maior parte dos Países Baixos ocupado polos rebeldes, os calvinistas lanzáronse á persecución dos católicos, co asasinato de relixiosos e encarceramento daqueles católicos partidarios do rei. A independencia dos Países Baixos identificábase cada vez máis co calvinismo, polo que as provincias católicas do sur se viron obrigadas a se reconciliaren co rei para contaren coa súa protección contra a intolerancia que agora mostraban os protestantes.