Baltar é un concello da provincia de Ourense, que pertence á comarca da Limia. Segundo o IGE en 2018 tiña 968 habitantes (1002 en 2015, 1149 no 2006, 1177 no 2005, 1180 no 2004, 1189 no 2003). O xentilicio é baltarés. Demografía
Censo total 968 (2018) Menores de 15 anos 50 (5.19 %) Entre 15 e 64 anos 513 (53.27 %) Maiores de 65 anos 405 (42.06 %)
Xeografía Baltar é un concello de interior, cun relevo suave encaixado entre os Montes de Montecelo e os Montes de Boullosa e a Serra de Larouco ao sur que, chegando aos 1300 m, constitúe o límite natural con Portugal. Está regado por dous afluentes do río Limia, o río Faramontaos e o río Salas; o primeiro descorre cara ao norte e logo cara ao oeste e o segundo cara ao sur.
O terreo é granítico, areoso e pouco fértil. Hai bosques de frondosas e coníferas nos vales e pradairos principalmente na Serra de Larouco.
O concello está atravesado pola estrada que leva a Xinzo de Limia, a OU-1110.
Dáse unha oscilación térmica acusada (14 °C), con temperaturas medias anuais baixas (10 °C).
Historia O territorio estivo poboado polos límicos até o século I, en que foi invadido por tribos bárbaras. É posíbel que no lugar de Dourique se disputase unha batalla entre o rei de Portugal e os mouros. En época medieval, era posesión da Casa de Monterrei.
Parte do concello ―o lugar das Maus― constituíu até 1868 o Couto Mixto. Ese ano, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, todo o Couto Mixto foi incorporado a Baltar, mais os lugares de Rubiás e Santiago pediron ser integrados no concello de Calvos de Randín, solicitude que foi aprobada pola Deputación de Ourense en 1870 e se fixo vixente o ano seguinte.
A partir de 1950 a emigración foi unha das causas polas que na actualidade diminuíu a súa poboación ata límites nunca vistos.
Economía Predomina o sector primario de autoconsumo (50 % da poboación), seguido da construción (20 %), os servizos (20 %) e a industria (5 %). O 45 % do chan é forestal e o 20 % son pradairos e o 35 % dedícase a sementar patacas, centeo, millo, verzas da horta etc. Críanse porcos, vacas , ovellas e coellos.
Cultura
Toponimia Baltar provén de BALTARII, o xenitivo de Baltarius, un nome de orixe xermánica.
Patrimonio Na zona comprendida entre os ríos Salas e Faramontaos atópanse as ruínas dun lugar coñecido como Saler, do que se di que provén o nome do río.
O sivo é o traxe típico da zona e facíase con liño.
Na parroquia de Santa María de Tixós atópase un dos fornos mais antigos do concello así como un cruceiro e un peto de animas.
Baltar na literatura popular Blandeaivos, blandeaivos,/ costureiriñas das Maus,/ blandeaivos, blandeaivos/ de Gustós para Meaus Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 53. Blandearse é combarse, alabearse a madeira do piso, dun moble, etc. As Maus de Salas é parroquia do concello de Muíños; Gustós era, segundo Xaquín Lorenzo “un lugarciño preto de Calvos de Randín”, aínda que hoxe non figura no Nomenclátor; e ese Meaus é lugar da parroquia de San Lourenzo de Tosende, no concello de Baltar, que figura no Nomenclátor como As Maus..
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Baltar Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Baltar vexa: Lugares de Baltar.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Couto Mixto
Categoría:Baltar Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía