Asunta Yong Fang Basterra Porto, nada como Fang Yong o 30 de setembro de 2000 e finada o 21 de setembro de 2013, era unha nena galega de orixe chinesa cuxo cadáver apareceu nunha pista forestal do concello de Teo o 22 de setembro de 2013, pouco antes de que cumprise trece anos. O forense determinou que morreu por asfixia e que consumira unha dose alta de Lorazepam o día da súa morte, máis de nove veces a dose máis alta para un adulto. A investigación sobre o seu asasinato coñeceuse como Caso Asunta Basterra, ou simplemente Caso Asunta. O caso atraeu un grande interese dos medios en España e no mundo, así como unha "declaración de preocupación" por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores da República Popular da China.

No xuízo, os pais adoptivos de Asunta, Alfonso Basterra Camporro e Rosario Porto Ortega, foron declarados culpables da súa morte o 30 de outubro de 2015. Segundo os documentos do tribunal, a parella drogou a súa filla con Lorazepam durante tres meses e finalmente asfixiouna antes de desfacerse do corpo. Finalmente, o veredicto foi corrixido e o pai foi condenado por colaborar e planificar co mesmo grao de responsabilidade. Os pais, que mantiveron a súa inocencia, foron sentenciados a 18 anos de prisión.

O 18 de novembro de 2020, a nai de Asunta, Rosario, foi atopada aforcada na súa cela do cárcere de Brieva (provincia de Ávila), onde cumpría condena por asasinato.

Antecedentes Asunta Basterra Porto naceu como Fang Yong en 2000 en Yongzhou (Hunan). Aos nove meses, foi adoptada por unha parella acomodada de Santiago de Compostela, a avogada María del Rosario Porto Ortega (18-12-1969—18-11-2020) e o xornalista Alfonso Basterra Camporro (02-08-1964). Asunta foi a primeira nena chinesa adoptada na cidade de Compostela e unha das primeiras de Galicia. Asunta era unha nena con talento. Saltara un curso no colexio e facía ballet, ademais de tocar o violín e o piano. Estaba moi achegada aos seus avós maternos, que faleceran o ano antes da súa morte.

A nai adoptiva de Asunta, Rosario Porto, proviña dunha destacada familia galega. O pai de Rosario, o avogado Francisco Porto Mella (finado en 2012), fora cónsul honorario de Francia. A súa nai María do Socorro Ortega Romero (finada en 2011) era unha reputada historiadora da arte e profesora universitaria. Porto estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu no despacho do seu pai despois de se licenciar.

Alfonso Basterra (1964), era un xornalista orixinario de Bilbao, aveciñado en Santiago de Compostela dende hai 20 anos e especializado en temas económicos. Porto coñeceuno en 1990. Tras perder unha posición estable, dedicouse a colaboracións puntuais con algúns medios e a xestionar o gabinete de comunicación dalgunhas empresas turísticas.

Casaron en 1996 e vivían nun gran piso que os pais de Porto deran á súa filla. Rosario sufriu brotes de lupus eritematoso, que levou aos médicos a desaconsellar o embarazo; por iso decidiron iniciar un proceso de adopción na China. En 2001, viaxaron á China e adoptaron a Yong Fang, de nove meses e á que chamaron Asunta, no Instituto do Benestar de Guiyang.

Ruptura matrimonial O 6 de xaneiro de 2013, Alfonso descubriu a infidelidade da súa muller ao revisar os seus correos electrónicos. O día 8 discutiron e produciuse a separación. Nun principio houbo escenas desagradables, Rosario sentíase acosada pois Alfonso enviáballe constantes mensaxes con reproches e acusacións. A sentenza de divorcio chegou o 14 de febreiro de común acordo. Alfonso Basterra acudiu a un psicólogo e co paso do tempo a parella chegou a un equilibrio: Alfonso coidaba da nena e de Rosario, que ademais da súa enfermidade, lupus, sufría episodios depresivos, e a cambio Rosario axudábao economicamente. Tamén vivía nunha casa próxima e podía estar coa súa filla cando quixer.

O 26 de xuño, Rosario ingresou no servizo de Neuroloxía no Hospital Clínico de Santiago por un empeoramento da súa enfermidade, con mareos, inestabilidade ao camiñar e pálpebra caída. Permaneceu ingresada ata o 1 de xullo. O seu ex-marido chegou a un acordo con ela: el coidará dela e da filla, pero impón a condición de que tiña que cortar a relación co seu amante o que foi aceptado por ela.

Asalto no domicilio Na noite do 4 ao 5 de xullo, ocorreu un estraño suceso que non se puido explicar. Entre as 02:30 e as 04:30 un home tentou estrangular a Asunta no seu cuarto. Rosario asegurou que deixara as chaves na porta por descoido e que, mentres durmía, escoitara ruídos polo que se levantou e se dirixiu ao cuarto da súa filla, onde un home forte e baixo que levaba luvas de látex tiña as mans no seu pescozo. Este home foi descrito pola prensa como "o home de negro". Rosario agarrouno, o home deulle un empurrón e fuxiu. Porén, Rosario non chamou a ninguén para que as axudase.

Hai diferentes interpretacións deste incidente. Uns cren que foi un invento puro da nai, outros que foi un primeiro intento de asasinato realizado pola nai ou os pais, ou que foi unha escusa para lle dar orfidal. No xuízo, a veciña do terceiro piso de Rosario asegurou que esa noite ninguén entrou na casa porque os seus cans non ladraron.

A nai non presentou denuncia. Asunta díxolle á súa mellor amiga a través de WhatsApp que alguén intentara matala esa noite, pero entón non volveu falar con ela. Nunha excursión con outra amiga, Asunta contou a historia con sinais de angustia e a nai da amiga púxose en contacto con Rosario e instouna a denuncialo. Rosario foi preguntar á comisaría de Santiago pero finalmente decidiu non presentar denuncia, aínda que lle comunicou á nai da amiga que a presentara.

En xullo, Asunta asistiu a clases de música. O 9 de xullo o pai levou a súa filla con signos de somnolencia ou mareo. O pai afirma que a filla tiña unha alerxia e que lle deran un antihistamínico que provocou esa reacción. O día 22 volveu ocorrer un incidente semellante: a nena non era capaz de xogar ben, estaba medio durmida, tiña problemas para camiñar. Ante as preguntas da directora da academia de música, Asunta afirmou que lle estaban a dar un po branco que sabía moi mal e que a deixaba durmida durante horas. Preguntada pola directora, a moza afirmou que era a súa nai quen lle facía tomar o po; e que fora unha amiga da súa nai a que llos proporcionara á súa nai.

No mes de agosto Rosario sofre unha depresión acompañada de ansiedade, e Alfonso coidou dela. Asunta pasou o mes lonxe dos seus pais, primeiro coa súa madriña, do 30 de xullo ao 22 de agosto, en Vilanova, e despois, o 28 de agosto, marchou ao campo coa súa coidadora, a muller que axudaba a Rosario nas tarefas domésticas. Durante a súa ausencia, os seus pais chamárona a diario, mais non a visitaron. A rapaza semellaba alegre, feliz e despreocupada.

Asasinato e investigación O 21 de setembro de 2013, ás 22:17, os pais adoptivos de Asunta denunciaron a súa desaparición. Asunta xantara na casa paterna ese mediodía. Na madrugada do día seguinte, dúas persoas descubriron un cadáver nunha pista forestal da parroquia de de Cacheiras, no municipio de Teo (a só 5 km da casa de campo de Rosario Porto en Montouto, tamén en Cacheiras), alertando aos Servizos de Emerxencia, que identificaron o corpo da nena desaparecida. A investigación sobre a morte de Asunta foi chamada Operación Nenúfar polos detectives, que pensaron nunha flor cando no luar viron o corpo cunha camisa branca.Lo que la verdad esconde: Caso Asunta, parte 3

Asunta foi gravada pola cámara de seguridade dun banco ás 14:00 camiñando cara á casa do seu pai, e apareceu de novo na mesma cámara ás 17:21 volvendo á casa materna. Rosario Porto foi vista na mesma cámara camiñando cara á casa ás 17:28. Porto inicialmente dixo ao presentar a denuncia de desaparición na comisaría que saíra da casa arredor das 19:00, deixando a Asunta facendo os deberes. Dixo que conducira soa á casa familiar de Teo, situada a vinte minutos do centro de Compostela, e que cando volveu ao piso ás 21:30 Asunta desaparecera. Porto dixo que chamou ao pai de Asunta e a moitos dos seus amigos, mais ningún a vira.

Os investigadores posteriormente recuperaron o vídeo doutra cámara de seguridade en que se vía a Porto e Asunta nunha gasolineira de camiño a Teo ás 18:20, contradicindo a cronoloxía e a historia de Porto de que deixara a Asunta na casa pola tarde. Tras saber do vídeo, Porto cambiou a historia, dicindo que Asunta fora con ela á casa de Teo, mais leváraa de volta a Compostela porque a nena quería facer os deberes. Dixo que tras deixar a Asunta na casa foi a unha tenda de deportes para comprar cousas para a clase de ballet da súa filla, mais finalmente non foi ao darse de conta de que deixara a carteira en Teo. Dixo que entón volveu aló para buscala, despois foi a botar gasolina, mais non o fixo porque non levaba a tarxeta de desconto.

A policía examinou os vídeos de 33 cámaras de seguridade nos arredores de Compostela, sen atopar vídeos do coche de Porto en ningunha das estradas polas que dixo que pasou esa tarde. Os investigadores pasaron a pensar que Porto e Asunta chegaran á casa de Teo pouco despois das 18:00 e que Porto deixou a casa arredor das 21:00.

A policía comezou a sospeitar de Porto por un incidente que tivo lugar nas horas seguintes ao descubrimento do corpo de Asunta. Porto e os investigadores foron xuntos á casa de Teo. A policía dixo a Porto que non tocase nada, xa que a casa podía ser o escenario do crime. Porto dixo á policía que precisaba ir ao baño, polo que un oficial a seguiu arriba, onde en lugar de ir ao baño entrou no dormitorio e intentou recuperar o contido dunha papeleira. O policía puido interceptala e coller a papeleira antes ca ela. Contiña unha sección do mesmo tipo de corda laranxa coa que foran atadas as extremidades de Asunta, mais os forenses non foron quen de determinar se procedían ou non do mesmo rolo.

O día 24 de setembro a nai, Rosario Porto, foi detida e investigada por un presunto delito de homicidio. Un día despois tamén o pai, Alfonso Basterra, foi detido e investigado.

De acordo cos datos recollidos durante a investigación, a mesma xirou en torno a unha serie de pistas, entre as que se atopan:

Unhas cordas atopadas na propiedade da nai semellantes ás empregadas para atar o cadáver da menor; A presenza do medicamento ansiolítico lorazepam en cantidades tóxicas no sangue da nena; O ordenador portátil e o teléfono móbil do pai desapareceron ao iniciarse a investigación, pero alguén os colocou no seu piso máis tarde, despois de manipular o disco duro.

Reconstrución Grazas a testemuños, as cámaras de vixilancia e aos rexistros dos teléfonos e dispositivos dixitais, puideron reconstruírse as actividades dos pais nas horas próximas á desaparición e morte da súa filla:

13:55 Asunta deixa a súa casa. 14:00 Pasa diante da cámara dunha sucursal bancaria, camiño do piso de seu pai, con quen xanta; 16:59 O primeiro móbil do pai rexistra unha chamada desde o seu piso; 17:21 Asunta pasa diante da mesma cámara, de volta ao piso da súa nai; 17:28 Pasa camiñando tamén de volta Rosario Porto cara ao seu piso; 17:38 O móbil de Asunta, situado no piso da súa nai en Santiago, rexistra unha conexión; 18:12 Rosario Porto volve a aparecer noutro foco entrando no garaxe da súa vivenda; De 18:00 a 19:00 A nena é vista por unha coñecida en compañía de seu pai nas proximidades da vivenda de Porto; Aínda que a testemuña afirma que isto ocorreu entre as 18:00 e as 19:00, o recibo de compra indica unha hora de compra ás 18:21 e unha hora de pago ás 18:23. Isto contradí a foto tomada en Galuresa (18:21:23). Segundo o xuíz instrutor, debido a que o testemuño de Clara Baltar se recibiu dous meses despois, a caixa rexistradora non foi auditada para confirmar que a hora estaba correctamente configurada no dispositivo.Guscin (2024), pp. 154–156