Antonio José González Fernández, nado na Coruña o 1 de febreiro de 1928 e finado na mesma cidade o 24 de novembro de 2001, foi un futbolista, pelotari, xogador de hóckey a patíns e dirixente deportivo galego.

Grande impulsor do hóckey a patíns en Galicia foi xogador do Deportivo da Coruña, tanto na súa desaparecida sección de hóckey como na de fútbol. Destacou especialmente como dirixente deportivo, sendo presidente do Deportivo (1965-1973), da Federación Galega de Patinaxe, da Real Federación Española de Patinaxe (1972-1984), fundador e primeiro presidente da CERS (1975-1982) e presidente durante case 50 anos da Unión Sportiva (1952-2001).

Formou xunto a seu irmán Pepe a primeira xeración dunha saga familiar de xogadores de hóckey, entre os que están os seus tres fillos Antonio Nonito, Ignacio e Jorge González, antigos xogadores do AA Dominicos, e os seus netos Jorge González, Antonio González e Ignacio Alabart, este último campión do mundo coa selección española.

Traxectoria

Como deportista Naceu na Coruña, fillo de Antonio González e Otilia Fernández, e realizou estudos mercantís, obtendo matrícula de honra. Practicou numerosos deportes na súa xuventude: cesta punta, tenis, billar, tenis de mesa, atletismo, fútbol e hóckey a patíns. Os seus primeiros equipos como futbolista foron o Varela Silvari SD e a Unión Sportiva de Santa Lucía. Foi varias veces campión galego de cesta punta formando parella con seu irmán José Benito "Pepe", e en 1950 disputou o Campionato de España, ao mesmo tempo que militaba no equipo de hóckey do Deportivo da Coruña, do que era o capitán e onde tamén xogaba seu irmán, e no Deportivo Xuvenil de fútbol.

A súa faceta futbolística espertou o interese de varios equipos como o Celta de Vigo ou o Atlético de Madrid, fichando finalmente polo Deportivo da Coruña na tempada 1950-51. Xunto a el o club coruñés fichou a Corcuera, Oswaldo, Guillermo Gómez, José Millán e Juananco. Tras algúns problemas co club, foi apartado do equipo e enviado de volta ao Xuvenil, volvendo ao Deportivo pouco despois. Debutou en Primeira División o 14 de xaneiro de 1951 no derbi contra o Celta en Balaídos, que acabou con vitoria deportivista por 1-2. Xogou un total de 19 partidos coa camisola branquiazul e en setembro de 1953 fichou polo Real Avilés, de Segunda División. Xogou dúas tempadas en Avilés e outra no Sporting de Gijón, antes de retirarse do fútbol.

Como dirixente deportivo O 12 de xaneiro de 1952 converteuse no presidente da Unión Deportiva Santa Lucía, club que uns días despois recuperou o seu nome orixinal, Club Unión Sportiva. Ocupou ese cargo ata a súa morte 49 anos despois. En xaneiro de 1958 foi nomeado presidente da Federación Galega de Patinaxe. Foi tamén directivo e secretario do Deportivo da Coruña e a comezos de 1959 actuou como adestrador provisional despois do despedimento de Ernesto Pons e ata a chegada de Hilario Marrero. En 1962 o Trofeo Teresa Herrera estaba en perigo de desaparición e o alcalde da Coruña, Sergio Peñamaría de Llano, encargoulle a González a súa salvación. Este foi a Portugal e conseguiu que o Benfica, campión de Europa tras derrotar ao Real Madrid, cancelase a súa xira por Suíza e xogase en Riazor. O trofeo, onde venceu o Deportivo, foi todo un éxito e a recadación paliou as perdas anteriores. Uns anos antes, González impulsara tamén a creación do Trofeo Teresa Herrera de hóckey a patíns.

Presidía tamén o Deportivo Xuvenil no momento no que este se fusionou co Fabril.

Ademais de presidir a Federación Galega de Patinaxe, foi dende 1962 vicepresidente da Federación Española. En 1964 conseguiu para a Coruña a celebración do Campionato de España de hóckey a patíns e anos despois faría o mesmo co Campionato do Mundo. En abril de 1965 presentou a súa candidatura ás primeiras eleccións á presidencia do Deportivo da Coruña, que estaba pasando unha mala época tanto económica como deportivamente, tras descender á Segunda División despois dunha pésima tempada. Na Xunta de Compromisarios, obtivo 55 votos, 12 máis que Pío García-Tizón e 44 máis que Manuel Sánchez-Candamio, e converteuse aos seus 38 anos no primeiro presidente electo do club coruñés. Durante a súa presidencia o Deportivo conseguiu tres ascensos a Primeira e sufriu outros tantos descensos a Segunda. Creou ademais o Trofeo Conde de Fenosa, e conseguiu a participación nel do FC Torpedo Moscova da Unión Soviética, nun momento no que non había relacións diplomáticas entre os dous países.

A finais de 1972 foi nomeado presidente da Federación Española de Patinaxe, converténdose no primeiro presidente non catalán do ente. Debido a este nomeamento deixou a presidencia do Deportivo ao remate da tempada 1972/73. Durante o seu mandato na Federación a selección española conquistou dous Campionatos do Mundo e tres subcampionatos e contribuíu a popularizar o hóckey a patíns fóra de Cataluña. Ocupou o cargo ata o 29 de setembro de 1984. En 1975 impulsou a creación da CERS, e converteuse no seu primeiro presidente, sendo reelixido en 1980 e dirixindo a institución ata 1982.

Foi tamén presidente da Asociación de Ex Xogadores do Deportivo da Coruña e en 1987 foi nomeado presidente da nova Asociación de Fútbol Afeccionado. Faleceu o 24 de novembro de 2001, seis días antes de data na que estaba prevista unha homenaxe da cidade da Coruña á súa traxectoria, e un mes e medio antes de cumprir 50 anos como presidente da Unión Sportiva.

Vida persoal Casou o 30 de abril de 1955 con María Rosa Pereira Revuelta, coa que tivo catro fillos: Antonio Nonito, Ignacio, Jorge González e Dori. Os seus tres fillos varóns foron xogadores do AA Dominicos, sendo o segundo deles vicepresidente da FEP e o CERS, mentres que a súa filla casou con Quico Alabart, xogador do HC Liceo. Tamén son xogadores de hóckey os seus netos Jorge González, Antonio González e Ignacio Alabart, este último internacional coa selección española.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do futbolista en bdfutbol.com

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1928 Categoría:Xogadores de pelota vasca Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Galicia Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña Categoría:Presidentes de clubs de fútbol de Galicia