miniatura|180x180px|Anverso dun contorniato anepigráfico co busto de Xuliano (361-363), coas letras P E incusas. Peso: 23,09 gr. miniatura|180x180px|Reverso da mesma peza, coa escena dun carpentum tirado por dúas mulas (Gabinete de Medallas da BNF). O contorniato (palabra italiana; pl. contorniati; en galego: "contornado") é un tipo de medallón ou ficha monetiforme de bronce de época romana, propio dos séculos IV e V d. de C., caracterizado pola gran grafila ou contorno que rodea as figuras principais representadas, tanto no seu anverso como no reverso."Contorniato". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. Páxina 53. ISBN 978-84-8181-405-7Frey, A. R. (1916).Martinori, E. (1915) .

Existe controversia acerca do seu uso como moeda e son un asunto de grande interese dentro da arqueoloxía romana.

Caracterización O termo italiano contorniato comezou a ser utilizado polos anticuarios no século XVII, para se referir aos obxectos de bronce con forma de moeda fabricados (cuñados ou fundidos) en Italia entre os séculos IV e V, con trazos moi diferenciadores con respecto ás grandes moedas de bronce da época, non só tendo en conta que o seu diámetro sexa superior, senón tamén pola súa finura, que lles outorga un peso moi inferior.Cesano, S. L. (1931).

A súa tipoloxía é moi variada e con frecuencia relaciónase coa propaganda pagá da aristocracia senatorial. Puideron ser utilizados como agasallos, talismáns etc. Con frecuencia presentan graffiti incisos con motivos como palmas, follas ou letras. En opinión de Gnecchi, a recorrente aparición das letras P E incusas podería facer referencia á expresión latina PRAEMIA EMERITA.

O motivo principal dos seus anversos adoita ser o busto dun personaxe ilustre (unha divindade, un emperador, un filósofo, un atleta etc.), en tanto que nos reversos se representan escenas cotiás da vida romana, entre elas os xogos e espectáculos máis habituais. Eses motivos poden estar acompañados de lendas relativas en latín ou en grego.

Interpretación Malia a súa forma, os contorniati non deberon ser concibidos para seren utilizados como moeda: consonte unha opinión xeneralizada entre os investigadores, era habitual que se intercambiasen antes dos xogos. No entanto, semella posible que no período que vai desde o reinado de Flavio Honorio ata o de Anastasio I, cando a moeda en circulación escaseaba, fosen utilizados tamén como substitutos dela nos intercambios comerciais.

Para Santo Mazzarino, os contorniati serían "medallóns distribuídos co gallo das grandes festas e dos xogos romanos, unha celebración da cultura tradicional" a modo da pecunia spectaculis citada nun edicto do Baixo Imperio, destinados á súa distribución entre os cidadáns romanos como un dereito de entrada a eses espectáculos.Mazzarino, S. (1959).

Consonte a interpretación do numismático húngaro Andreas Alföldi, os contorniati serían "un medio da propaganda senatorial contra o imperio cristián", unha especie de amuletos pagáns distribuídos entre os senadores durante as festas de Saturnalia para revitalizar os valores da relixión tradicional.Alföldi, A. (1942-1943). Alföldi, A. (1970-1990).

Esta tese foi retomada por Riccardo di Giuseppe, que concibe os contorniati como recordos do pasado pagán romano, un signo de loita contra os avances dos novos valores cristiáns.Di Giuseppe, R. (2000). "Sugli dèi, il mondo e gli affari umani". En Salustio, Sugli dèi e il mondo. Adelphi, Milán. Páxinas 11-63. ISBN 9788845915192

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Alföldi, A. (1942-1943). Die Kontorniaten. Ein verkanntes Propagandamittel der stadt-römischen heidnischen Aristokratie in ihrem Kampfe gegen das christliche Kaisertum. Festschrift der Ungarischen numismatischen Gesellschaft zur Feier ihres vierzigjährigen Bestehens. Vol. I: 1942; Vol. 2. 1943. Magyar Numizmatikai Társulat, Budapest. Alföldi, A. (1970-1990). Die Kontorniat-Medaillons (con Elisabeth Alföldi-Rösenbaum). De Gruyter, Berlín. Vol. I: 1976, ISBN 3-11-003484-0; Vol. II: 1990, ISBN 3-11-011905-6 Cesano, S. L. (1931). "Contorniati". En Enciclopedia Italiana. Frey, A. R. (1916). "Contorniates". En A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50. Páxina 58. Gnecchi, F. (1895). "Cos'erano i contorniati". En Rivista italiana di numismatica. Società numismatica italiana. Milán. Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale. Istituto italiano di numismatica, Roma. Páxina 75. Mazzarino, S. (1959). "Contorniati". En Enciclopedia dell'Arte Antica, Classica e Orientale. Vol. II. Roma. Páxinas 784-791. Sabatier, J. (1860). Description générale des médaillons contorniates. Pillet, París.

Categoría:Moedas da Roma antiga Categoría:Arte da Roma Antiga