Latvijas Radio (LR) (en galego: Radio Letonia) é o servizo público de radiodifusión de Letonia. A súa sede central está na capital, Riga. Comezou a emitir o 1 de novembro de 1925, é membro activo da Unión Europea de Radiodifusión (EBU-UER) dende 1993, e hoxe en día mantén varias emisoras de FM e dixitais. Historia miniatura|Sede de Latvijas Radio na Praza da Catedral, Riga Nada en 1925 foi a pioneira da radio letoa e unha das 20 primeiras de Europa. Inicialmente emitía un par de horas diarias, mais a programación foise ampliando durante os primeiros anos combinando información, música (clásica e doutros xéneros) e contidos educativos e culturais. Dos pouco máis de 300 suscritores iniciais, pasou a máis de 155 000 en 1940. Empregada como un medio de propaganda durante a ocupación nazi e soviética, comezou a liberarse do control da censura a finais da década de 1980 ao abeiro das reformas da Glasnost. No proceso de independencia de Letonia, en 1991, xogou un papel destacado na información e na organización das protestas pacíficas.
Mantivo o monopolio nas ondas letoas ata 1991, cando se abriu a primeira emisora privada. Logo da anexión rusa de Crimea, Latvijas Radio reforzou a súa presenza na rexión de Latgalia, fronteiriza con Rusia, coa apertura duns estudios en Rēzekne en 2016. Ata 2021, a organización financiábase de forma mixta entre os ingresos da publicidade e as dotacións a conta do Estado, máis a partir dese ano, Latvijas Radio abandonou o mercado publicitario. miniatura|Antigo logotipo
Emisoras
Latvijas Radio 1 (LR1): foi a primeira emisora do grupo e hoxe ten unha programación xeneralista centrada na cobertura informativa. Latvijas Radio 2 (LR2): emite música en lingua letoa. Latvijas Radio 3 - Klasica (LR3): especializada na música clásica, no aire dende 1996. Latvijas Radio 4 - Doma Laukums (LR4): emisora en ruso. Latvijas Radio 5 - Pieci.lv (LR5): radio para a mocidade centrada na emisión musical, conta cunha emisora de fm a nivel nacional e varias canles de streaming segundo o xénero musical, incluíndo un en latgalo. Comezou a emitir en 2013 no medio de polémica polo seu custo. No Nadal, desenvolve un maratón benéfico no que emite peticións musicais dos oíntes a cambio dunha doazón de 5€ para un proxecto de axuda social. Esta iniciativa chámase "Dod pieci!" (en galego: dáme cinco). Latvijas Radio 6 - Radio NABA (LR6): emisora universitaria en colaboración coa Universidade de Letonia centrada na retransmisión de música non comercial dende 2002.
Ademais, Latvijas Radio conta cunha popular sección de teatro radiofónico e, en 1940, fundou o Coro da Radio Letoa, que participa nos máis prestixiosos festivais.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Sitio oficial de Latvijas Radio (en letón)
Categoría:Membros da Unión Europea de Radiodifusión Categoría:Cultura de Letonia