miniatura|Bailadora dun grupo de baile tradicional coa regueifa. A regueifa era unha rosca ou bolo de pan tradicional das vodas galegas. Elaborado preferentemente con fariña de trigo, adoitaba repartirse despois do banquete nupcial entre os veciños non convidados ao casamento.

Características A regueifa podía facerse con centeo ou millo, se ben era máis valorada a que se elaboraba con fariña branca de trigo, un alimento de luxo durante os séculos do antigo réxime. O bolo enfeitábase segundo as posibilidades económicas da familia que o presentaba e o uso e costume do lugar xeográfico. Tíñanse en consideración o seu tamaño, canto máis grande mellor,Sobrado Correa (2000). pp.667-668 e os seus adobios, que podían ser ovos, azucre, fitas, lambetadas, garrafas de licor,etc. Nalgunha zona recibía o nome de "rosca da señora madriña", pois era a madriña da voda a encargada de elaborala.Sobrado Correa (2000) p.666 Da súa calidade dependía en boa medida o éxito do casamento e o prestixio da casa, que de non cumpriren as expectativas, era satirizada polos asistentes.

Cerimonia miniatura|Baile da regueifa en Noia a finais do século XIX Era tradicional que polo serán, despois do banquete nupcial, os veciños acudisen á casa onde tiña lugar o convite e comezasen a solicitar a regueifa con cantigas festeiras. Estes cantos, chamados tamén regueifas, eran respondidos polos convidados ao banquete nun intercambio de coplas enxeñosas. Concluídas estas, sacábase da casa o pan da voda para entregalo os asistentes. Antes de "rendelo" era tradicional que os noivos, ou os padriñosPadriños de voda bailando a regueifa. Foto Ramón Caamaño (1956)., ou outra parella escollida para a ocasión, bailase unha muiñeira vella (denominada tamén regueifa) coa rosca da voda sobre a cabeza.

A entrega da regueifa posterior ao baile facíase de xeito diferente segundo as zonas do país. Nalgúns lugares existía a tradición de "voltear a regueifa". Metíase esta nun pano que agarraba unha parella coa boca, cada un por un extremo. Así sostida dabaselle voltas, gañando o premio a parella que máis xirase o pano sen lle caer. Noutros entregábase a regueifa como trofeo a quen mellor improvisara no canto, sendo o vencedor o encargado de efectuar o repartimento entre a concorrencia. Tamén se podía facer un concurso de baile arredor da regueifa gañandoa o mellor bailador.Sobrado Correa (2000). pp. 670-671 Existen mesmo referencias á chamada "carreira da regueifa", unha corrida entre a mocidade na que gañaba o pan o mozo máis veloz.

A entrega da regueifa, xunto con outros convites cerimoniais, facía partícipe da celebración a toda a comunidade e servía para integrar os mozos foráneos, nunha época na que os pretendentes alleos non adoitaban ser ben recibidos.Sobrado Correa (2000). p. 664-666

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Regueifa (cantar) Regueifa (baile de voda)

Ligazóns externas

Desde Mazaricos cóntannos a orixe das Regueifas (A.C. Retrouso de Cela) - A revista (22/01/2019) - TVG. Fragmento do espectáculo "Hoxe hai regueifa - Voda Rianxeira" (A.C. Fogo Fatuo) - Luar (06/2018) - TVG - Youtube. Grupo de baile Xacarandaina [..] - Le Grand Spectacle - Festival Interceltique Lorient (08/2019) - Youtube.

Categoría:Cultura de Galicia Categoría:Etnografía galega Categoría:Pans de Galicia Categoría:Gastronomía de Galicia Categoría:Tradicións Categoría:Tradicións gastronómicas Categoría:Tradición oral