Bibiana Manuela Fernández Chica, nada en Tánxer o 13 de febreiro de 1954, é unha actriz, cantante, presentadora de televisión e modelo española. Foi coñecida como Bibi Andersen e posteriormente como Bibiana Fernández.
Traxectoria Fernández naceu en Tánxer, filla de malagueños. O seu pai, Manuel, era taxista e a súa nai, Francisca, traballaba de costureira no Barrio de la Victoria. Ao nacer asignóuselle o sexo masculino e o nome de Manuel Fernández Chica, mais desde moi nova sentiuse unha muller. Os seus pais separáronse cando tiña seis anos, o que provocou que vivise numerosas pelexas e discusións ao seu arredor.
Viviu os seus primeiros anos en Málaga. En 1961 comezou a súa transición física e someteuse ao tratamento hormonal con estróxenos. Posteriormente someteuse a unha vaxinoplastia en Londres. Marchou de Málaga a Barcelona co propósito de ver cumprido o soño de converterse en artista. Os seus inicios foron duros, mais a mediados da década de 1970 era a principal estrela da Cadena Ferrer, que xestionaba diversos locais en Barcelona. Foi entón cando debutou no cinema da man de Vicente Aranda no filme Cambio de sexo, onde compartiu elenco con Victoria Abril. O éxito do filme fixo de Fernández unha personaxe popular en España grazas ás súas aparicións na televisión.
En 1980 publicou un disco chamado Bibi Andersen, co que obtivo un grande éxito coas cancións "Call me lady Champagne" e "Sálvame". Participou en distintos programas de televisión e presentouse en teatros continuando o seu traballo como vedette de revista.
A principios da década de 1980, xa establecida en Madrid, traballou en Trailer para amantes de lo prohibido de Pedro Almodóvar, amigo co que continuou a colaborar en filmes como Matador, La ley del deseo, Tacones lejanos e Kika. En 1984 protagonizou a fita de Manuel Gutiérrez Aragón, La noche más hermosa, xunto a Victoria Abril, José Sacristán e Fernando Fernán Gómez. En 1985 participou na comedia de Fernando Trueba, Sé infiel y no mires con quién, ao lado de Ana Belén, Carmen Maura e Antonio Resines.
Despois de debutar como presentadora de televisión no programa La tarde, Pilar Miró propúxoa como compañeira de Carlos Herrera no espazo musical e de variedades Sábado noche (1988-1989). A boa química que xurdiu entre a parella e a naturalidade de ambos fixeron que o programa fose un éxito. A principios da década de 1990 continuou a compaxinar o seu traballo na televisión coas súas intervencións no cinema.
En 1998, coincidindo coa estrea do filme Atómica, decidiu cambiar o seu nome artístico polo seu verdadeiro, pasando a chamarse Bibiana Fernández. En 2000 contraeu matrimonio polo rito tailandés co modelo cubano, Asdrúbal Ametller González, do que se separou en 2003.
Filmografía 2015: Solo química 2004: Rojo sangre 1998: Atómica 1996: Más que amor, frenesí 1995: La terraza de Miguel 1993: Kika 1993: Acción mutante 1991: Tacones lejanos 1988: Remando ao vento 1987: La ley del deseo 1986: Matador 1985: Sé infiel y no mires con quién 1985: Tráiler para amantes de lo prohibido 1984: La noche más hermosa 1977: Cambio de sexo
Discografía 1980 – Bibi Andersen (álbum) 1980 – "Call Me Lady Champagne" (sinxelo) 1980 – "Sálvame" (sinxelo) 1982 – "Canto" (sinxelo)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Bibi Photo Gallery Tribute
Categoría:Nados en Tánxer Categoría:Nados en 1954 Categoría:Actores de cinema de España Categoría:Actores de teatro de España Categoría:Actores de Andalucía Categoría:Cantantes de Andalucía Categoría:Presentadores de televisión de Andalucía Categoría:Persoas trans