O Estadio Santiago de Compostela, máis coñecido como Parque Santiago ou PST, é un estadio de fútbol situado na cidade brasileira de Salvador.
Situado no barrio de Brotas, ten capacidade para 2000 espectadores e é propiedade do Galícia Esporte Clube.
Historia Comezou a ser construído na década de 1980 polo Galicia, que ata entón tiña utilizado outros estadios como o antigo Campo da Graça, o Fonte Nova ou o Pituaçu. Inaugurouse o 11 de febreiro de 1995, despois de rematar a primeira fase de construción.
Uns anos antes de inaugurarse, na preparación para a Copa América de 1989, foi o campo de adestramento oficial da selección brasileira de fútbol.
Debido ás dificultades económicas do Galícia, o estadio foi construído cunha capacidade de só 2.000 espectadores. Debido aos criterios do Estatuto do Torcedor, á súa capacidade relativamente baixa e a que unha tormenta danou parte das bancadas, non se puido empregar para partidos profesionais. No seu lugar, o Galícia ten utilizado outros estadios de Salvador, principalmente o estadio Roberto Santos e, en menor medida, o Manoel Barradas, e o Octávio Mangabeira (antes da súa demolición). Con todo, o estadio usouse para adestrar e disputar partidos amigables, partidos do equipo feminino, de fútbol base e de rugby.
En 2020, durante o mandato na presidencia do Galícia de Manolo Muiños, iniciouse unha reforma do estadio, demoléndose as vellas bancadas.
Debido á orixe galega do club, no estadio hai unha capela dedicada ao Apóstolo Santiago.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina de Galícia Esporte Clube Información na páxina web "Templos do fútbol"
Categoría:Estadios de fútbol do Brasil Categoría:Galícia Esporte Clube