Os dez mandamentos (en ) é un filme épico e relixioso estadounidense de 1956 producido, dirixido e narrado por Cecil B. DeMille rodado en VistaVision (cor de Technicolor), e estreado por Paramount Pictures. Baséase na novela de 1949 Prince of Egypt de Dorothy Clarke Wilson, a novela de 1859 Pillar of Fire de J. H. Ingraham, a novela de 1937 On Eagle's Wings de A. E. Southon, e o Libro do Éxodo. Os dez mandamentos é unha versión dramatizada da historia bíblica de Moisés, un príncipe exipcio adoptado que se converte no libertador do seu verdadeiro pobo, os hebreos, e lidéraos no Éxodo cara ó monte Sinaí, onde recibe de Deus os Dez mandamentos. O filme está protagonizado por Charlton Heston no papel principal, Yul Brynner como Ramsés, Anne Baxter como Nefertari, Edward G. Robinson como Datán, Yvonne De Carlo como Séfora, Debra Paget como Lilia e John Derek como Xosué; ademais tamén aparecen Cedric Hardwicke como Seti, Nina Foch como Bithiah, Martha Scott como Iochabel, Judith Anderson como Memnet e Vincent Price como Baka, entre outros.
Filmado en localizacións de Exipto, como o monte Sinaí e a península do Sinaí, o filme foi unha das derradeiras e máis exitosas obras de DeMille. É un remake parcial do filme mudo homónimo de 1923, e conta cun dos meirandes escenarios xamais creados para un filme. Estreouse nos cinemas dos Estados Unidos o 8 de novembro de 1956, e no momento da súa estrea, foi o filme máis caro xamais feito.
Sinopse Moisés, acabado de nacer, é recollido do río pola filla do faraón, Bitia. Ela adóptao e críao na corte real. Cando Moisés medra, gaña o aprecio do faraón Seti, pai de Nefertari, e de Ramsés, o que desgusta a este, o futuro Ramsés II. Mais Moisés un día descobre a súa orixe hebrea e coñece a súa verdadeira familia, o que o leva a deixar a súa vida como príncipe, converténdose en escravo.
Moisés salva da morte outro escravo, Xosué, ao matar o cruel e abusivo arquitecto Baka, e é expulsado de Exipto polo faraón. Ten que cruzar o deserto para chegar a terras dos pastores de Madián, e convértese en pastor e forma unha familia con Séfora, filla de Xetró, un dos xeques de Madián.
Mais o desexo de Deus é que libere os hebreos da escravitude, e un día chama a Moisés por medio dunha matogueira ardendo e revélalle a súa palabra. Moisés regresa a Exipto, onde Ramsés, casado con Nefertari, se converteu no faraón trala morte do seu pai. Moisés pídelle que libere o seu pobo, mais ante a negativa do faraón fai caer as dez pragas preparadas por Deus. Só a última, que provoca a morte dos primoxénitos de Exipto e polo tanto o seu, fai que Ramsés ceda.
Cando os xudeus de Exipto escoitan a revelación de Deus, Moisés guía o seu pobo cara ao deserto despois da noite en que o Anxo da Morte quitou a vida dos primoxénitos. Porén, Ramsés vese influído pola súa esposa Nefertari, que endurece de novo o seu corazón e decide acabar cos hebreos. Mais grazas ao poder divino, Ramsés perde todo o seu exército no mar Vermello, cubríndoo coas augas. Ramsés comprende entón que o Deus de Moisés é o verdadeiro Deus.
Nas chairas do Sinaí, Moisés ascende á montaña sagrada para recibir os Dez Mandamentos que rexerán a vida do pobo de Israel agora liberado. Con todo, ao ver que se demora 40 días e 40 noites na montaña, os hebreos desespéranse e caen na tentación de construír un becerro de ouro ao que adorar. Ao regresar Moisés e descubrilos, desátase a súa ira e lánzalles as táboas da lei, ademais de seren condenados por Deus a vagar durante corenta anos polo deserto.
Moisés termina a súa vida en Moab proclamando a liberdade da Terra e dos seus habitantes.
Personaxes
Charlton Heston como Moisés (e a voz de Deus na silveira en chamas) Yul Brynner como Ramsés II Anne Baxter como Nefertari Edward G. Robinson como Datán Yvonne De Carlo como Séfora Debra Paget como Lilia John Derek como Xosué Cedric Hardwicke como Seti I Nina Foch como Bithiah Martha Scott como Iochabel Judith Anderson como Memnet Vincent Price como Baka John Carradine como Aharón Olive Deering como Miriam Douglass Dumbrille como Xanes Frank de Kova como Abiram Henry Wilcoxon como Pentaur Eduard Franz como Xetró Donald Curtis como Mered Lawrence Dobkin como Hur Ben Caleb H. B. Warner como Amminadab Julia Faye como Elisheba Lisa Mitchell, Noelle Williams, Joanna Merlin, Pat Richard, Joyce Vanderveen e Diane Hall como as fillas de Xetró Abbas El Boughdadly como condutor de carro de Ramsés Fraser Heston como Moisés de neno John Miljan como o cego Francis J. McDonald como Simón Ian Keith como Ramsés I Paul De Rolf como Eleazar Woodrow Strode como o rei de Etiopía Tommy Duran como Gershom Eugene Mazzola como fillo de Ramsés (Amun) Ramsay Hill como Coré Joan Woodbury como muller de Coré Esther Brown como princesa Tharbis Babette Bain como Miriam de pequena (front page newspaper story with video, Sarasota, Florida) Photo as Miriam .
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Ficha en BoxOfficeMojo Ficha en RottenTomatoes
Categoría:Filmes de 1956 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Cecil B. DeMille Categoría:Filmes sobre cristianismo Categoría:Filmes sobre xudaísmo Categoría:Filmes de Paramount Pictures Categoría:Filmes ambientados no Antigo Exipto Categoría:Filmes baseados no Antigo Testamento Categoría:Filmes sobre a escravitude Categoría:Filmes preservados no National Film Registry Categoría:Filmes de 1956 con versión en galego