Luís Jorge Rivera Herrera, nado en Porto Rico en 1972, é un activista ambiental boricua que recibiu o Premio Ambiental Goldman en 2016 polo seu labor de protección da Reserva Natural Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN).

Primeiros anos de vida e estudos universitarios Luís Jorge Rivera Herrera viviu toda a súa vida en Porto Rico, naceu e medrou en Río Alto (barrio próximo a San Xoán). A súa determinación en contribuír activamente na protección do medio ambiente remóntase aos seus primeiros anos de vida, cando con tan só oito anos de idade presenciou como as escavadoras destruían a granxa que pertencera á súa familia desde había catro xeracións, pois o terreo fora expropiado polo Goberno de Porto Rico coa intención de construír unha depuradora, a Planta Rexional de Tratamento de Augas Sanitarias de Carolina.

Nas súas propias palabras, “tomei a decisión de que cando fose grande ía estudar e a traballar en algo relacionado á protección do medio ambiente”, polo que estudou mantemento ambiental na Universidade de Porto Rico, Recinto de Río Piedras (UPRRP) e posteriormente cursou o máster de planificación ambiental na Escola de Planificación.

Activismo ambiental Desde a súa temperá concienciación aínda sendo neno, Luís Jorge Rivera Herrera estivo implicado na loita ambiental. Na universidade, organizaba visitas á Reserva Natural de Las Cabezas de San Juan. Despois de graduarse, traballou en San Xoán para a Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos. Posteriormente, cofundou unha organización chamada Iniciativa para un Desenvolvemento Sostible. A partir de 1999 até a actualidade, levou a cabo a súa contribución máis seguida polos medios de comunicación e significativa como activista, xogando un papel chave no liderado da campaña para a conservación do Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN).

Protección do Corredor Ecolóxico do Nordés

Importancia ecolóxica do Corredor O Corredor é unha zona de recoñecido valor ecolóxico que á súa vez constitúe a franxa costeira do Bosque Nacional de El Yunque, na costa norte de Porto Rico. Nese delicado ecosistema de áreas húmidas e pantanosas, atópanse máis de 50 especies raras, ameazadas ou en perigo de extinción, moitas delas endémicas. De especial relevancia resulta a tartaruga de coiro (en perigo de extinción), que atopa no Corredor a súa zona de aniñamento. En palabras do especialista Ariel Lugo, científico director do Instituto Internacional de Bosques Tropicais, “Os portorriqueños empezan a entender. Antes comiámolas, agora protexémolas porque representan a un tipo de biodiversidade que non che pertence a ti, perténcelle ao mundo”.

Desenvolvemento e logros da campaña A pesar de que o Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN) fora proposto como reserva natural polos gobernos locais e federais desde 1978, e desde entón o Departamento de Recursos Naturais e Ambientais (DRNA) de Porto Rico recoñeceu a importancia ecolóxica do Corredor, en 1996 aprobouse o Plan de Turismo de la Costa Noreste de Desarrollo Conceptual, dividindo en zonas a área para permitir grandes desenvolvementos residenciais e turísticos e campos de golf.

Non foi até 1999 que Luís Jorge Rivera Herrera tivo coñecemento dos dous megaresorts proxectados na zona, o Dos Mares e o San Miguel Four Seasons constituídos por máis de 3000 unidades residenciais e turísticas con 3 campos de golf. O desenvolvemento destes proxectos implicaría a destrución irreparable da biodiversidade da zona, ademais de empeorar significativamente a grave situación de falta de auga. A todo iso, como consecuencia da privatización de terreos públicos, limitaríase o acceso público ás praias.

Desde entón Luís Jorge Rivera Herrera implicouse activamente na loita para a protección do Corredor. Cando se deu conta de que o goberno non modificaría a súa postura a pesar do coñecemento dos datos científicos da importancia ambiental do Corredor, organizou unha campaña que combinaba a estratexia legal e a procura do apoio da cidadanía mediante a mediatización do tema. Neste último punto, é relevante a celebración anual do Festival do Tinglar, grazas ao que espertou o interese de moita xente até entón desinformada. Tratábase de introducir o tema no debate público, mobilizando a opinión pública en apoio da causa, para exercer presión política.

En realidade, non foi até o ano 2005 que a campaña cobrou un verdadeiro impulso. Entón estableceuse un capítulo do Sierra Club en Porto Rico e reforzouse a colaboración con outros grupos locais, como asociacións de pescadores e organizacións ambientais. O Sierra Club contribuíu enormemente á capacidade organizativa e ao deseño estratéxico da campaña. Ademais, en 2004 forxouse a Coalición pro Corredor Ecológico del Noreste, cuxos principais obxectivos eran a designación do CEN como reserva natural e o impulso do ecoturismo ou turismo de natureza. Por iso, presentouse un proxecto de lei para que todo o Corredor fose declarado reserva natural. Este proxecto de lei foi bloqueado por algúns senadores, sendo un deles posteriormente acusado de corrupción e suborno, escándalo que revertería nun clamor popular de apoio á Coalición pro CEN. Finalmente en abril de 2008, o gobernador Aníbal Acevedo Vilá aprobou un decreto que declaraba o Corredor reserva natural. Con todo, en novembro do mesmo ano celebráronse eleccións e o gobernador electo foi Luís Fortuño (o único candidato que non asinara un compromiso respecto da protección da reserva). Ademais, os desenvolvedores dos megaresorts colaboraran significativamente na campaña e no seu programa electoral figuraba a reactivación da economía mediante a creación de empregos na construción. En consecuencia, en outubro de 2009, o gobernador Fortuño reverteu o decreto. A pesar diso, posteriormente presentouse novamente un proxecto de lei que Fortuño viuse forzado a aceptar a causa do grande apoio popular nun contexto preelectoral. Finalmente, en 2013, o novo gobernador electo Alejandro García Padilla expandiu a área da reserva natural coa inclusión de terreos privados.

Premio Ambiental Goldman Luís Jorge Rivera Herrera foi galardoado en 2016 co Premio Ambiental Goldman na categoría “illas e nacións insulares” en tanto que “axudou a liderar unha exitosa campaña para o establecemento dunha reserva natural no Corredor Ecolóxico de Porto Rico, unha zona de aniñamento para a tartaruga de coiro que está en perigo de extinción, e para a protección do patrimonio natural da illa contra os proxectos daniños de desenvolvemento”.

Recibe o premio, tamén coñecido como premio Nobel Verde, tras case 20 anos de loita. Así como declara o activista, “este recoñecemento valida o esforzo de moitísimas persoas”, en referencia non tan só á Coalición pro CEN e ao Sierra Club, senón tamén á axuda recibida da Clínica de Asistencia Legal da Escola de Dereito da UPRRP, a Facultade de Ciencias Naturais, a Escola de Arquitectura da UPR, a Universidade Interamericana e a Universidade Metropolitana de Porto Rico. Ademais, o activista puntualiza que a ciencia deu a base, o dereito forzou a intervención noutras esferas do goberno, pero foi realmente a participación cidadá a que fixo que esas dúas ferramentas cobrasen forza”.

Respecto da administración monetaria do premio, $175 mil serán destinados a apoiar aos proxectos do CEN e a organizacións ambientais en Porto Rico. A todo iso, Rivera Herrera está a preparar unha campaña de recadación de fondos para colaborar na compra do goberno dos terreos privados restantes no Corredor. Ao mesmo tempo, preténdese estimular a participación cidadá para que se desenvolva o ecoturismo na zona, pois isto contribuiría ao financiamento das iniciativas de protección da biodiversidade e natureza á vez que revitalizaría a economía local.

Rivera Herrera é o terceiro portorriqueño premiado, sendo os seus antecesores Alexis Massoi, pola súa loita no Bosque del Pueblo en Adjuntas, e Rosa Hilda Ramos, activista na conservación da zona húmida Las Cucharillas en Cataño.

Notas

Categoría:Ecoloxistas de Porto Rico Categoría:Nados en Porto Rico Categoría:Nados en 1972 Categoría:Personalidades de Porto Rico Categoría:Premio Medioambiental Goldman