Vicente Cucarella Borrás, nado en Barcelona o 12 de xuño de 1908 e finado na Coruña o 8 de outubro de 1983, foi un atleta e masaxista español. Fíxose célebre na Coruña, onde foi masaxista do Deportivo da Coruña durante máis de tres décadas, así como director técnico das diferentes seccións deportivas do club.

Traxectoria Nacido en Barcelona pero criado dende pequeno en Valencia, practicou deporte dende novo, destacando no atletismo e formando parte da sección de atletismo do Valencia CF. En 1926, xunto a dous compañeiros do Valencia, Luis Archelós e Manuel Lora, emprendeu unha volta a España a pé, partindo dende Valencia pola costa mediterránea ata Andalucía, continuando logo en dirección norte pola fronteira con Portugal ata Galicia, e de aí cara ao leste polo litoral cantábrico ata chegar ao punto de partida. Despois de chegar de volta a Valencia, continuaron ata Madrid, onde foron recibidos polo xeneral Primo de Rivera e o rei Afonso XIII. Trala Guerra Civil foi mobilizado e destinado na Coruña.

Coa creación en 1941 da sección de atletismo do Deportivo da Coruña, Cucarella foi nomeado preparador físico e primeiro director técnico das seccións deportivas do club que foron nacendo nos seguintes meses. En 1942 conseguiu fichar para a sección de ciclismo a Julián Berrendero, que gañaría ese ano a Volta a España. Tamén en 1942 a Federación Galega de Atletismo nomeouno preparador da selección galega de atletismo, e no Deportivo converteuse en masaxista do equipo de fútbol, labor que realizou durante os seguintes 32 anos. A súa figura con chapeu e fumando puros fíxose célebre entre os afeccionados que asistían a Riazor, que coreaban o seu apelido durante os partidos.

Faleceu na Coruña o 8 de outubro de 1983, despois de dous anos con graves problemas circulatorios, e foi soterrado no cemiterio de Feáns.

Vida persoal Casou con Carmen Mateo Capilla e tiveron un fillo, Braulio.

Notas

Categoría:Nados en 1908 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Finados en 1983 Categoría:Atletas de España Categoría:Preparadores físicos Categoría:Historia do Deportivo da Coruña