Federico Fernández-Amor Calvet, nado na Coruña c. 1871 e finado o 5 de setembro de 1933, foi un perito, deportista e mestre de ximnasia galego. Impartiu clases de numerosos deportes no seu propio ximnasio, a Sala Calvet, onde fundou en 1906 o Deportivo da Coruña.
Traxectoria Foi o máis novo dos catro fillos de Ramón Fernández Amor e Francisca María Calvet Bello, sendo seus irmáns Ramón, Teresa e Doroteo. Perito mercantil e practicante de esgrima, foi alumno do tirador florentino Attilio Pontinari (mestre entre outros de Valle-Inclán), e formou parte do Círculo de Artesáns, participando nalgúns dos seus espectáculos. Chegou a ser o presidente do Colexio de Peritos Mercantís da Coruña.
En 1901 fundou a Sala Calvet, un ximnasio situado na rúa Galera da Coruña, no que comezou dando clases de esgrima, ximnasia e halterofilia, ampliando despois a máis disciplinas. Deu clases gratuítas de esgrima aos bombeiros da cidade e instruíu no uso da espada ao exército, sendo condecorado coa Cruz de Primeira Clase do Mérito Militar con distintivo branco.
En 1906 fundou no seu ximnasio, xunto a varios dos seus alumnos, o Club Náutico da Sala Calvet e máis tarde o Club Deportivo da Sala Calvet, que en 1911 pasaría a chamarse Real Club Deportivo da Coruña. Dito club participou en competicións de numerosos deportes durante os seus primeiros anos, como esgrima, traiñeiras, tenis ou ciclismo, pero destacou especialmente pola súa sección de fútbol. En 1909 construíu o Campo de Riazor, onde xogou o Deportivo ata 1944.
Suicidouse o 5 de setembro de 1933, aos 62 anos de idade, disparándose no peito cunha escopeta.
Familia Casou con Marcelina Sar Varela e tiveron tres fillos, Federico, Doroteo e Carolina Fernández Sar, esta última falecida en 1905 aos 10 anos de idade. O seu fillo Federico foi presidente da Real Federación Galega de Fútbol durante 18 anos.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Finados en 1933 Categoría:Suicidios en 1933 Categoría:Suicidas de Galicia Categoría:Mestres de armas Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Ximnastas de Galicia Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Esgrimistas de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos