A Orquestra Gaos é unha orquestra da cidade da Coruña, Galicia. Está formada por aproximadamente 80 persoas, principalmente estudantes, e tamén profesores de conservatorios galegos. O proxecto da Orquestra Gaos está integrado, ademais de pola orquestra, por un coro, un coro novo, e coros infantís.
Historia A Orquestra Gaos fundouse en abril de 2009. Ese mesmo ano colaborou na fase final do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol, repetindo na edición seguinte. En 2010 ademais chegou o primeiro traballo discográfico da formación, un disco no que interpretou, xunto coa soprano chilena Cristina Gallardo-Domâs, temas galegos orquestrados polo compositor vigués Juan Durán.
En 2011 a orquestra realizou unha xira de concertos na que interpretou o Requiem de Wolfgang Amadeus Mozart nas catedrais de Ourense, Tui e Santiago de Compostela con Borja Quiza, Carmen Subrido, Nuria Lorenzo e Francisco Corujo como solistas. Dende ese ano ofrece xunto co Coro Gaos un concerto de Nadal a beneficio do IBS Padre Rubinos, contando coa presenza de figuras como Ainhoa Arteta, Borja Quiza ou Celso Albelo.
En 2013 participou no LXI Festival de Ópera da Coruña baixo a dirección de Ramón Tébar cunha gala lírica a cargo do tenor Gregory Kunde e o barítono Juan Jesús Rodríguez no Palacio da Ópera. Ese mesmo ano e no mesmo escenario, a Orquestra Gaos baixo a batuta do seu director titular tocou xunto coa banda de pop rock madrileña Los Secretos.
En 2015 ofreceu un concerto xunto co cantante andaluz Raphael no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Un ano despois o cantante volveu actuar coa orquestra coruñesa nas cidades de Vigo, no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, e da Coruña, no Palacio da Ópera, dentro da xira "Raphael Sinphónico". En 2019, con motivo da xira "ReSinphónico", ofreceron un novo concreto na cidade herculina, desta vez no Coliseum.
Nos seus primeiros dez anos de historia pasaron pola agrupación uns 500 músicos e máis de 40 solistas, como David Grimal (2015), Ainhoa Arteta ou Celso Albelo.
Coro O Coro Gaos naceu en 2010, presentándose ante o público na inauguración da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web da orquestra
Categoría:Orquestras de Galicia Categoría:Cultura na Coruña