Isaac "Bouji" Herzog (en ), nado o 22 de setembro de 1960 en Tel Aviv, é un político israelí. Militante laborista, foi varias veces ministro entre 2005 e 2011, presidente da Axencia Xudía para a Terra de Israel e elixido pola Knesset para ser Presidente do Estado en xuño de 2021.

Traxectoria persoal

Familia Procede dunha familia vencellada á vida política israelí. O seu pai foi Chaim Herzog, militar e político laborista que foi presidente do Estado de Israel de 1983 a 1993. O seu avó, Yitzhak HaLevi Herzog, natural de Irlanda, foi rabino xefe asquenací do Mandato Palestina e logo de Israel entre 1936 e 1959. Tamén foi sobriño do diplimático e ministro Abba Eban e o seu irmán, Michael, é xeneral das Forzas de Defensa de Israel. Todo isto redundou en que sexa percibido como parte dunha minoría privilexiada, cualificada ás veces como unha "aristocracia".

Esta casado e é pai de tres fillos. Reside en Tel Aviv. Fala hebreo, árabe e inglés.

Infancia e educación

O seu alcume "Bouji" púxollo a nai e é o resultado dunha mestura entre a verba hebrea para boneca (booba) e a francesa para xoia (bijou). Pasou parte da súa adolescencia nos Estados Unidos, pois o seu pai exerceu como embaixador de Israel ante as Nacións Unidas entre 1975 e 1978, razón pola que estudou nalgúns colexios de elite americanos. Logo de cumprir co servizo militar como oficial de intelixencia, estudou Dereito na Universidade de Tel Aviv e na Universidade Cornell de Nova York. Traballou no bufete Herzog, Fox & Ne'emann, do que o seu pai foi fundador, antes de crear o seu propio bufete.

Traxectoria política

Inicios Isaac Herzog comezou a súa carreira política en 1988, como secretario do Consello Económico e Social durante dous anos.

Afiliado ao Partido Laborista israelí o seu primeiro cargo de relevancia pública foi a secretario do gabinete do goberno de Ehud Barak ata 2001. Ata 2003 foi presidente da Autoridade Antidroga. Nas eleccións lexislativas de 2003 foi escollido membro da Knesset cargo que revalidaría ata 2018.

Funcións ministeriais En 2005 incorporouse ao goberno de Ariel Sharon como ministro de Construción e Vivenda. Continuou cos cargos ministeriais nos gobernos de Olmert sendo o responsable de Turismo (2006-2007) e Diáspora, Sociedade e Loita contra o Antisemitismo que compatibilizou coa de Benestar e servizos sociais (2007-2009). Á fronte deste ministerio coordinou unha campaña de axuda humanitaria á Franxa de Gaza en 2009. Tras as eleccións lexislativas de 2009, Benjamin Netanyahu, do partido conservador Likud, recibiu a confianza da Knesset para formar un goberno, e Herzog proseguiu á fronte de Benetsar e servizos sociais ata 2011.

Líder da oposición a Netanyahu En xaneiro de 2011, o Partido Laborista retirou o apoio a Netanyahu e Herzog, xunto cos outros ministros dese partido, abandonou o cargo ministerial. Reelixido como deputado nas eleccións lexislativas de 2013, foi escollido o 22 de novembro dese mesmo ano presidente do Partido Laborista. Xa como líder laborista visitou o presidente palestino, Mahmoud Abbas, respaldando un acordo de paz que recollese a solución dos dous estados no conflito árabe israelí.

Para as lexislativas de 2015, Isaac Herzog propuxo ás formacións centristas e seculares Kadima e Hatnuah (excisión da anterior) unha coalición xunto cos laboristas. A proposta foi aceptada e Herzog e a líder de Kadima, e exministra de xustiza, Tzipi Livni, fixeron público o acordo: a Unión Sionista, nome da coalición, tiña como albo evitar un novo triunfo de Netanyahu. Durante a campaña a Unión Sionista procurou atender o descontento polos problemas sociais (aumento da pobreza, carestía da vivenda, por exemplo) fronte a Netanyahu, centrado na seguridade. As enquisas parecían apoiar a estratexia da Unión Sionista abrindo posibilidades a un cambio político. Con todo, o resultado electoral saldouse co Likud de Netanyahu en primeira posición, por diante do bloque dirixido por Herzog. Algúns analistas consideraron que a falta de carisma de Herzog limitou as súas opcións fronte un popular Netanyahu.

Como líder da oposición, Isaac Herzog xulgou con dureza ao goberno na Knesset sinalando a Netanyahu como responsable da deterioración das relacións entre os Estados Unidos e Israel, criticou a súa negativa a acoller refuxiados sirios que fuxían da guerra civil e cuestionouno polas sospeitas de corrupción.

En xullo de 2017, no proceso de renovación da dirección do laborismo, Herzog foi eliminado en primeira rolda, uns meses despois dimitiu do seu cargo como deputado da Knesset. O seu posto como xefe da oposición foi ocupado por Tzipi Livni.

Presidente da Axencia Xudía para a Terra de Israel En xuño de 2018, Isaac Herzog foi nomeado presidente da Axencia Xudía, organización histórica centrada na integración e desenvolvemento dos inmigrantes xudeus en Israel. Electo, malia a oposición de Netanyahu, o seu mandato expira en 2022. Dende esa institución alertou contra o auxe do antisemitismo nos Estados Unidos e Europa.

Eleccións presidenciais de 2021 De cara ás eleccións para designar o presidente de Israel do 2 de xuño de 2021, Herzog presentouse como candidato tendo como contrincante a Miriam Peretz. Segundo algúns círculos xornalísticos, Herzog contaba con vantaxe, por ser un punto de equilibro entre os distintos sectores políticos do país fronte Peretz, habitante dun asentamento en Cisxordania.

A escolla foi vista como unha representación da pugna entre dous dos grupos da sociedade israelí: dunha parte, Herzog, representante dunha elite de orixe asquenasita que dominou a política do Estado de Israel dende a súa fundación, máis aliñada cun pensamento liberal ou progresista; fronte Peretz, inmigrante mizrahí (denominación para os xudeus procedentes do norte de África) que encarnaba aos grupos sociais e étnicos máis aliñados co pensamento conservador e relixioso.

Finalmente, o 2 de xuño de 2021 a Knesset fixo as eleccións e Herzog contou con 87 votos fronte os 27 da súa contrincante. Herzog foi electo co maior respaldo parlamentario ata o momento polo que sucederá a Rivlin ao termo do seu mandato o 9 de xullo de 2021. É o primeiro presidente fillo doutro presidente.

Notas

Categoría:Nados en Tel Aviv Categoría:Alumnos da Universidade de Tel Aviv Categoría:Alumnos da Universidade de Nova York Categoría:Nados en 1960

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha de Isaac Herzog como membro da Knesset (en inglés) Biografía recollida pola Axencia Xudía para a Terra de Israel (en inglés)