Xuacu Amieva, nado en El Mazucu (Llanes) o 12 de outubro de 1954, é un gaiteiro asturiano. Mestre de gaiteiros, distínguese polo traballo de recuperación do patrimonio cultural e musical asturiano, fundando un gran número de bandas e grupos folclóricos. Destaca tamén a súa creación musical, recoñecida mundialmente con prestixiosos premios como o Trofeo Macallan no Festival Intercéltico de Lorient ou os Premios Grammy.

Traxectoria A súa vocación musical vén de familia, xa que a súa nai era cantante e tiña parentes que tocaban a gaita. En 1974 entrou a formar parte do grupo «Urogallos». Interesado pola música tradicional asturiana, participa en varios grupos folclóricos como "Raigañu", "Urogallos" e "Andecha Folklor d'Uvieu". Neles, realiza unha importante tarefa de recuperar tanto música como instrumentos populares como a rabel ou a bandurra asturiana, a [zanfona]] ou gaita de rabil, a trompa ou arpa de boca, a frauta traveseira de madeira, tarrañolas, castañolas vaqueiras, pitos, o "pandeiru cuadrau", a xipla, o tambor...

No seu afán por manter vivas as tradicións, creou en 1980 en Oviedo a «Escola de música tradicional», da que máis tarde abriu delegacións noutras partes da rexión debido á gran demanda. Nestas escolas naceron algunhas bandas de gaitas asturianas pioneiras, como a "Banda de los LLumerinos" ou a "Banda Gaites Naranco".

Ao mesmo tempo que mantivo viva a tradición musical de Asturias mediante a docencia, seguiu activo fundando grupos folk como "Beleño" e "Ubiña". En 1990 formou o grupo folk "Xuacu Amieva". En 1995 colaborou cos irlandeses The Chieftains no seu álbum "Santiago" tocando a canción "El besu". Esta obra gañou un premio Grammy en 1997.

Obra

Discografía Método de gaita (1984) Onde l'agua ñaz (1986) Ubiña (1988) Xostrando (1989) Colaboración en Las cornamusas de Europa (1991) Lluna caldeá (1992) La gaita asturiana (1993) Colaboración coa canción El besu no álbum Santiago de The Chieftains (1995) Tiempo de mitos (1999) Al son del fueu (2003) Seis (2006)

Bibliografía Método de gaita (1984) Método de gaita asturiana (1998) La gaita asturiana. Método interactivo de enseñanza (2003)

Curtametraxes Mitos astures (1997)

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio web oficial Xuacu en Wordpress

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Llanes Categoría:Gaiteiros de Asturias