miniatura|475x475px|Esquema do asasinato de Samuel Luiz na zona de Riazor, A Coruña O asasinato de Samuel Luiz foi un caso de asasinato por unha malleira en grupo e abandono de Samuel Luiz Muñoz, un mozo galego, de orixe brasileira, de 24 anos, ocorrido na Coruña na madrugada do 2 de xullo de 2021, nun contexto de presumíbel homofobia. O crime, ocorrido en plena semana do Orgullo LGBT, motivou a reacción de moitas figuras públicas e líderes de movementos LGBT+, sendo organizadas manifestacións en decenas de cidades de España, levando á rúa milleiros de persoas en protesta contra o asasinato de Samuel e outros recentes ataques a persoas LGBT con motivación homofóbica. Logo de que se detivesen tres persoas, o día 7 de xullo detívose unha cuarta persoa sospeitosa de estar relacionada co crime.
Antecedentes Samuel Luiz, coñecido como "Samu", naceu no Brasil, fillo de Maxsoud Luiz, e chegou a España cos pais cando contaba un ano de idade. Polos 18 anos iniciou os estudos no CIFP Ánxel Casal da Coruña, onde se formou como auxiliar de enfermaría, comezando a traballar aos 20 anos na residencia de persoas maiores da Fundación Padre Rubinos. En 2021 moraba no barrio de Meicende (Arteixo), sendo coñecido polo seu temperamento calmo e personalidade pacífica. Con 24 anos estudaba para conseguir o grao de técnico de odontoloxía, dedicando moito do seu tempo á carreira universitaria. Debido ao seu traballo na Fundación Padre Rubinos, Samuel foi un dos profesionais da saúde que enfrontara a pandemia de COVID-19 na primeira liña, con impacto especial nas institucións de acollida e tratamento de anciáns. Segundo os compañeiros de traballo, era moi querido polos usuarios da institución. Cando Galicia reabriu os establecementos de lecer nocturno, o xoves, 1 de xullo de 2021, após un peche de 10 meses e medio por mor da pandemia, Samuel aproveitou a apertura para saír cun grupo de amigos no Andén, un pub do paseo marítimo da praia de Riazor, na Coruña.
Samuel volveu repetir o día seguinte, noite de venres, 2 de xullo, con outro grupo de amigos: Lina, compañeira de estudos e de traballo, Diego e Andrea. Quedaron ás 22 horas na casa de Diego, para iren xuntos en coche até á praia de Riazor, e de aí ao Andén, onde estiveron até preto das 3 da mañá, hora límite de abertura decretada polas autoridades nas medidas adoptadas contra a COVID-19. Polas 2:50, Lina e Samuel saíron do pub para fumar e facer unha videochamada con Vanesa, compañeira de Lina, afastándose apenas uns metros, nas inmediacións da avenida de Bos Aires, deixando as outras dúas amigas no interior do establecemento.
Crime esquerda|miniatura|Paseo marítimo e praia de Riazor. Á esquerda, o pub Andén. No centro, preto das árbores, o lugar onde Samuel Luiz foi golpeado, morrendo pouco despois. Segundo o relato de Vanesa, Samuel estaba divertido e tan animado coa posibilidade de poderen novamente saír á noite que tentou convencela a se xuntar a el, e saír novamente na noite seguinte, un sábado. A conversa decorreu animadamente, con Lina e Samuel relatando a Vanesa episodios que sucederan durante a noite, até que decidiron mostrar a Vanesa onde se atopaban, xirando o móbil. Nese momento pasou onda eles unha parella, rapaz e rapariga, de idades aproximadas á de Samuel, que lles berraron que deixasen de os gravar. Segundo unha das versións, o equívoco ocorreu por pensaren que Samuel gravaba as raparigas que acompañaba o grupo en que se encontraba esa parella.
Samuel e Lina explicaron ao mozo que se trataba dun malentendido, e que estaban soamente facendo unha videochamada, coa colaboración de Vanesa, que continuaba en liña. Sen atender as explicacións, o rapaz dirixiuse exclusivamente a Samuel, dicíndolle: "O paras de grabar o te mato, maricón". Segundo o relato de Vanesa, que coincide co de Lina, Samuel, que nunca escondera a súa orientación sexual LGTB, só tivo tempo de responder "¿Maricón de qué?" levando inmediatamente un golpe moi forte do rapaz. Lina comezou a gritar. O vídeo da chamada bloqueouse, mais o son continuou a funcionar, permitindo que Vanesa escoitase os ruídos de golpes e agresións, e os gritos de Lina "¡déjalo, es mi amigo, por favor, déjalo!". Segundo Lina, a rapariga que acompañaba o rapaz tentou separalos nun primeiro momento, mais cando Lina interveu, mandouna afastarse, agresivamente. Nese momento, un mozo que se atopaba nas inmediacións da discoteca meteuse na liorta, conseguindo rescatar a Samuel do agresor, despois de que se afastase un primeiro momento.
Samuel, golpeado e con contusións visíbeis na cara, suplicou a Lina que tentase encontrar o móbil, que caera mentres era agredido. Tentando calmalo, Lina comezou a procurar o aparello, deixando a Samuel co rapaz que o axudara a se librar do agresor. Mentres procuraba o móbil, no espazo de cinco minutos, o agresor retornou, desta vez acompañado doutras doce persoas, que aproveitaron a ocasións para acurralalo e mallar nel até deixalo inconsciente. Cando Lina viu aquela cantidade de xente movéndose rapidamente na dirección de Samuel, con berros de "¡maricón de mierda!", correu para o local pedindo axuda gritando que o mataban. Segundo a investigación policial, após as agresións iniciais, un grupo de polo menos catro persoas continuou a golpear a Samuel no chan, até este deixar de se mover. Outra versión refire que os agresores serían sete. Cando Lina logrou chegar xunto de Samuel, o mozo xacía no chan, do outro lado da rúa, para onde tentara fuxir, inconsciente, a cerca de 260 metros do local da primeira agresión, na berma da avenida de Buenos Aires. Vendo a vítima sen reacción, os agresores fuxiron correndo.
Samuel presentaba moitas contusións, sobre todo na cabeza e no tórax. Foi inicialmente socorrido no lugar, despois de que a patrulla da Policía Local chamase a Policía Nacional e unha ambulancia. Os paramédicos tentaron reanimar no lugar o mozo, que presentaba lesións graves, durante case dúas horas, sen éxito. Samuel foi entón trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), falecendo durante o transporte, segundo algunhas fontes, ou ao chegar ao hospital, segundo outras. A morte foi confirmada á chegada a aquela unidade hospitalar, na madrugada de 3 de xullo de 2021.
Investigación Aínda que a investigación fose inmediatamente colocada polas autoridades baixo segredo, a 4 de xullo de 2021, fontes próximas á investigación informaron que algúns testemuños permitiran a identificación dos supostos autores das agresións. A Policía Nacional analizou vídeos capturados por persoas que se encontraban no lugar, así como de cámaras urbanas de vixilancia daquela céntrica zona da cidade. Para a identificación dos sospeitosos foron fundamentais as declaracións dunha testemuña, que minutos após a agresión fatal chamou o 092 e contou que vira un grupo de persoas escapar da escena do crime, deixando a Samuel moribundo no chan. O testemuño introduciu tamén as primeiras pistas sobre a identidade dos agresores, unha vez que o denunciante declarou á policía que estes eran do barrio de Elviña, na Coruña, dando detalles particulares sobre un deles, incluído o apelido polo cal era coñecido nesa zona. Adicionalmente, unha das raparigas que acompañaba a vítima conseguiu identificar a persoa que iniciou a agresión, ao visualizar un dos vídeos. As medidas decretadas polo goberno galego para facilitar o rastrexo en caso de gromo da COVID-19, esixindo a identificación de todas as persoas que entren nun local de diversión, facilitaron a tarefa aos axentes, unha vez que tanto a vítima como os presuntos autores da súa morte estiveran na discoteca Andén, deixando os seus datos.
O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña conseguiu estreitar o cerco sobre o grupo de agresores, sendo tomadas pola policía declaracións de quince persoas, sinaladas pola investigación como autores da malleira e abandono de Samuel que resultou na súa morte. Algúns dos sospeitosos eran menores de idade, e varios deles foron voluntariamente, segundo declaracións da Delegación do Goberno en Galicia.
O 6 de xullo a policía confirmou a detención de tres presuntos autores do crime. Os detidos eran dous homes e unha muller, con idades entre os 20 e os 25 anos, todos moradores na Coruña.
Reaccións miniatura|303x303px|Manifestación en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz O pai de Samuel, Maxsoud Luiz, deixou no lugar onde o fillo foi asasinado unha longa carta, na cal agradeceu o esforzo feito polos servizos de saúde na tentativa de salvar o fillo, expresando a súa dor e de toda a familia coas palabras “levaron embora a única luz que iluminou a nosa vida. Sabemos que aínda teremos un longo camiño que percorrer; seremos apoiados pola nosa familia, amigos e compañeiros que nos axudarán a saír deste camiño tenebroso”.
Na residencia en que Samuel traballaba, a consternación foi xeral. Segundo Eduardo Aceña, presidente da institución, os residentes que coidaba queríano tanto, que os traballadores preferiron agochar a verdade sobre a súa fin a algúns deles, debido ao seu feble estado de saúde.
A pesar de que a versión oficial inicialmente descartase o carácter homofóbico das agresións, o testemuño dunha das amigas de Samuel, dando conta do carácter homofóbico do crime, patente no uso repetido da expresión "maricón" incendiou as redes sociais, sendo inmediatamente moi difundida. Após a difusión destes testemuños, a representación do goberno galego abriu a posibilidade de se tratar dun crime homófobo.
O presidente do goberno Pedro Sánchez declarou esperar que a investigación da policía atopase en breve os autores do asasinato de Samuel e esclareza os feitos, afirmando que "Foi un acto salvaxe e cruel. Non imos dar un paso atrás en dereitos e liberdades. España non vai tolerar iso".
O Bloque Nacionalista Galego esixiu que se investigase se o crime foi un delito de odio por homofobia. Os dous outros integrantes do parlamento galego, o Partido Socialista e o PP, condenaron tamén a violencia contra Samuel.
Manifestacións de protesta miniatura|Cartel na manifestación da Coruña A organización Avante LGBT+ convocou para luns 5 de xullo unha serie de concentracións en cerca de 50 cidades e vilas de toda Galicia como forma de demostrar a repulsa pola morte de Samuel, e reclamar que se esclareza a relación do crime coa orientación sexual da vítima. Tamén foron marcadas manifestacións en cidades de toda España para as 20 horas, hora das manifestacións en Galicia.
Na Coruña, onde poucos días antes unha parella LGBT fora agredida, a pesar da copiosa choiva, a manifestación encheu a praza de María Pita, destacando os carteis das amigas de Samuel Luiz, presentes na manifestacións, e dos seus amigos máis achegados, levando camisetas coa cara do mozo asasinado. O colectivo Avante LGBT+, organizador da concentración, afirmou, nun breve discurso, estar seguro do carácter homófobo do asasinato. O pai de Samuel, a través da voceira do mesmo colectivo, pediu que fose esta a última morte violenta por este motivo, desafiando os agresores a dar a cara. Unha amiga de Samuel pediu aos medios de comunicación social que tivesen respecto cos pais de Samuel, duramente acosados durante todo ese día.