Otilia Lux de Cotí, nada en Santa Cruz del Quiché en 1949, é unha educadora e política maia-quiché guatemalteca. Activista a prol dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres, está considerada como unha das figuras máis importantes en Latinoamérica na esfera política e o movemento civil. Dende 2000 até 2004 foi Ministra de Cultura e Deportes de Guatemala (2000-2004) durante o período de goberno do Presidente Alfonso Portillo. Tamén foi membro do Foro permanente sobre cuestións indíxenas das Nacións Unidas (2002-2004). Foi deputada ao Congreso da República por WINAQ e representante de Guatemala ante o Consello Executivo da UNESCO. Foi Directora Executiva do Foro Internacional de Mulleres Indíxenas e experta indíxena do Foro Permanente dos Pobos Indíxenas das Nacións Unidas.
Traxectoria A súa nai animouna a estudar e foi unha das poucas nenas indíxenas que puideron asistir á escola ao ser a sexta de sete irmás. Aos 19 anos trasladouse á zona rural para impartir clases. Logrou chegar á facultade onde se involucrou en organizacións político-estudantís. Licenciada en Administración da Educación, de 1997 a 1999 foi comisionada da Comisión do Esclarecemento Histórico sobre a violación dos Dereitos Humanos e Feitos de violencia en Guatemala.
De 2000 a 2004 foi Ministra de Cultura e Deportes e posteriormente membro do Congreso da República como líder do Movemento Político Winaq participando nas comisións da Muller, Extraordinaria Nacional pola Transparencia e os Pobos Indíxenas. Foi vicepresidenta do Foro Permanente para as Cuestións Indíxenas da ONU, entre 2001 a 2007, e ocupou o cargo de representante de Guatemala ante a Xunta Executiva da UNESCO entre 2004 e 2007.
De 1997 a 1999 foi representante da Comisión para o Esclarecemento Histórico sobre a Violación dos Dereitos Humanos e os Feitos de Violencia en Guatemala.
En 2006, outorgóuselle o Premio Bartolomé de las Casas pola súa destacada traxectoria no ámbito educativo e cultural de Guatemala destacando o seu traballo tamén como membro da Comisión para o Esclarecemento Histórico do Conflito Armado en Guatemala.
Dereitos das mulleres indíxenas Lux denunciou as dificultades das nenas e as mulleres indíxenas para poder acceder á educación e tamén para ser propietarias das terras, algo que as sitúa en condicións especialmente desfavorables. Mestra nos niveis primario, secundario e universitario, é ademais catedrática en diplomados para mulleres indíxenas e conferencista nacional e internacional.
En 2012 defendeu a iniciativa de lei sobre “consulta de pobos indíxenas” referida ao dereito dos pobos a ser consultados para que autoricen ou non que de desenvolvan actividades de explotación de recursos naturais nos seus territorios.
En 2016 o Ministerio de Relacións Exteriores de Guatemala presentou o nomeamento de Lux de Cotí ao Foro Permanente para as Cuestións Indíxenas da ONU no período 2017-2019.
Notas
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Pobo quiché Categoría:Políticos de Guatemala Categoría:Feministas de Guatemala Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas