José Luis Martínez Vázquez, nado en León o 2 de xullo de 1943 e finado en Madrid o 19 de abril de 2004, foi un atleta galego, especializado en lanzamento de martelo. Foi dúas veces campión de España, bateu o récord nacional en cinco ocasións e competiu nos Xogos Olímpicos de 1968.

Traxectoria Fillo de pais naturais de Portomarín, naceu en León por estar traballando seu pai naquel momento no aeródromo Virgen del Camino, e ao pouco tempo a familia instalouse en Lugo. Na capital lucense comezou a practicar lanzamento de martelo, adestrado no club por Gregorio Pérez Rivera, nunhas precarias instalacións deportivas.

En 1962 recibiu unha bolsa para estudar enxeñaría industrial e adestrarse na Residencia Joaquín Blume de Barcelona, na que estivo ata 1967, cando se trasladou a Madrid, onde foi adestrado por José Luis Torres​. En maio de 1965 bateu o récord de España de lanzamento de martelo, ata entón en posesión de Llorenç Cassi, cun lanzamento de 58,98 metros. Con todo, este récord estivo vixente só durante nove días, pois foi superado na semana seguinte polo atleta do Deportivo da Coruña, José Otero. Ese mesmo ano participou na Universíada celebrada en Budapest.

En xullo de 1966 recuperou de novo o récord, superando en case un metro a anterior marca de Otero, e ampliándoo tres veces máis nos seguintes dous anos ata os 64,62 metros que logrou en xullo de 1968 no Estadio de Riazor. Nos anos 1967 e 1968 proclamouse campión de España e conseguiu unha praza para os Xogos Olímpicos de Cidade de México, sendo un dos catro atletas galegos na cita olímpica xunto a Carlos Pérez, Ramón Magariños e Álvarez Salgado. Na capital mexicana só puido lanzar o martelo ata os 63,40 metros, quedando fóra dunha final na que o ouro foi para o húngaro Gyula Zsivótzky.

Nos Xogos Olímpicos coñeceu á que logo sería a súa esposa, Marta López, filla do ex-seleccionador español de baloncesto Anselmo López. Instalado dende 1967 en Madrid, onde iniciou varios negocios inmobiliarios e de venda de coches, faleceu o 19 de abril de 2004.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do atleta no sitio web do Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Nados en 1943 Categoría:Nados en León Categoría:Finados en 2004 Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1968 Categoría:Deportistas de Lugo