Julio Casas Regueiro, nado en Mayarí Arriba, Segundo Frente, Santiago de Cuba, o 16 de febreiro de 1936 e finado na Habana o 3 de setembro de 2011, foi un militar cubano, con rango de Xeneral de corpo do exército. Foi membro do Movemento do 26 de xullo durante a Revolución cubana e logo formou parte do Buró Político do Partido Comunista de Cuba. Ocupou o cargo de Ministro das Forzas Armadas Revolucionarias de Cuba dende 2008 ata a súa morte en 2011.

Era irmán de Senén Casas Regueiro, tamén xeneral e ministro cubano.

Traxectoria

Actividade revolucionaria Naceu en Bombí, Mayarí Arriba, o 16 de febreiro de 1936, nunha familia de orixe galega. Estudou na Escola Profesional de Comercio de Santiago de Cuba e uniuse ao movemento revolucionario despois do golpe de Estado de 1952, sendo arrestado dúas veces.

En xuño de 1957 abandonou o seu traballo como contable privado nun banco de Santiago de Cuba por mor da persecución que sufría por parte das forzas de Fulgencio Batista, regresando aos terreos de seus pais, onde coñeceu a integrantes do Movemento do 26 de xullo e colaborou co desenvolvemento das súas actividades.

Militar Coa creación da Segunda Fronte Oriental “Frank País” en marzo de 1958, incorporouse ás filas do Comandante Raúl Castro. Posteriormente, pasou á nova Columna Nº 6, participando en múltiples combates e na toma da cidade de Guantánamo o 1 de xaneiro de 1959.

Co triunfo da Revolución cubana comandou a Xefatura da Policía Nacional Revolucionaria, con cuxos efectivos participou na defensa de Praia Girón durante o intento de invasión de Cuba por parte dos Estados Unidos.

Desde 1961 ocupou diversos cargos loxísticos nas Forzas Armadas Revolucionarias. Foi ascendido en 1969 a Viceministro. Cursou estudos en diversas escolas militares, incluíndo a Academia Voroshilov do Estado Maior do Exército da URSS, e combateu na Guerra de Ogaden loitando por Etiopía como Substituto do Xefe da Misión Militar (o Xeneral de División Arnaldo Ochoa).

Desempeñou os cargos de Xefe do Exército Oriental, Xefe das Tropas da Defensa Aérea e Antiaérea e Forza Aérea Revolucionaria (DAAFAR), e substituto do Ministro para a actividade económica. En febreiro de 2008 a Asemblea Nacional elixiu a Raúl Castro como presidente do Consello de Estado, pasando Casas Regueiro a ocupar o posto de Ministro das Forzas Armadas Revolucionarias.

Recibiu diversas condecoracións nacionais e internacionais, entre as que destacan o título de Heroe da República de Cuba e a Orde Playa Girón que lle foi concedida o 16 de abril de 2001, en ocasión do 40 aniversario da batalla.

Política Foi un dos fundadores do Partido Comunista de Cuba en 1965 e delegado e membro do Comité Central desde o Primeiro Congreso até o seu falecemento. No IV Congreso foi elixido membro do Buró Político, condición ratificada polo V e o VI congresos. Desde 1981 foi Deputado á Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, membro do Consello de Estado desde 1986 e no ano 2008 foi elixido Vicepresidente do Consello de Estado.

Morte Faleceu na Habana, o 3 de setembro de 2011 como consecuencia dun paro cardiorrespiratorio. Os seus restos mortais foron cremados e depositáronse na Sala Granma do MINFAR até o seu traslado ao Mausoleo da II Fronte Oriental Frank País, onde recibiu as honras militares correspondentes. O luns 5 de setembro, entre as 8 a.m. e as 8 p.m. foi decretado Duelo Oficial.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Julio Casas Regueiro no PCC Falleció el General de Cuerpo de Ejército Julio Casas Regueiro

Categoría:Nados en 1936 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados na provincia de Santiago de Cuba Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Militares de Cuba Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Heroes da República de Cuba Categoría:Ministros de Cuba Categoría:Políticos do Partido Comunista de Cuba