Elisardo de la Torre Allariz, nado en Marín o 10 de outubro de 1971, é un exatleta galego. Foi campión de España dos 3000 metros obstáculos en 1996, cinco veces campión galego e competiu nesa mesma proba nos Xogos Olímpicos de 1996, nos que tamén competiu o seu irmán Carlos. Traxectoria Naceu en Marín, nunha familia de atletas, pois tres dos catro irmáns practicaron o atletismo: Carlos, Elisardo e Daniel. Iniciouse neste deporte con Carlos Landín como adestrador, e militou nos clubs San Miguel de Oia, Sociedad Gimnástica de Pontevedra e Universidad de Oviedo. En 1992 gañou o primeiro dos seus cinco campionatos galegos dos 3000 metros obstáculos, e revalidou o título nos anos 1993, 1994, 1995 e 1998.
En 1994 quedou terceiro no Campionato de España e participou no Campionato de Europa en Helsinqui, onde non puido meterse na final. O seu mellor ano deportivo foi 1996, cando se proclamou campión de España en Málaga despois de remontar contra Juan Ramón Moya na final, e logrou a clasificación para os Xogos Olímpicos de Atlanta. Na cita olímpica participou tamén o seu irmán Carlos, nos 10 000 metros, converténdose así na segunda parella de irmáns galegos en participar nuns Xogos Olímpicos, despois de que en Barcelona 1992 o fixesen os xemelgos Leopoldo e Jesús Centeno. Correu a súa serie nun tempo de 8'42"75, moito máis lento que as súas mellores marcas, entrando na meta no noveno lugar, polo que quedou eliminado e non puido avanzar nin ás semifinais. O ouro acabou sendo para o kenyata Joseph Keter.
Destacou especialmente nos Campionatos de España Universitarios, onde se coroou campión ata en oito ocasións (1993, 1994, 1995, 1996, 1997, 1999, 2000 e 2001). Participou na Universíada de 1995 e bateu o récord de España universitario en 1996, cun tempo de 8'29"97. Instalado en Oviedo, estudou Fisioterapia na Universidade de Oviedo, e trala súa retirada montou unha clínica na cidade. Ademais traballou como fisioterapeuta en varios clubs cantábricos como o Langreo, o Caudal, o Lealtad ou o Racing de Santander.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do atleta no sitio web oficial da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo . Datos do atleta en sports-reference.com . Arquivado o 18 de abril de 2020 dende o orixinal.
Categoría:Nados en 1971 Categoría:Nados en Marín Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Alumnos da Universidade de Oviedo