Emanuel Mariano Insúa Zapata, nado o 10 de abril de 1991 en Buenos Aires, é un futbolista arxentino que xoga como lateral esquerdo no Racing de Ferrol, da Segunda División. É irmán do exfutbolista Emiliano Insúa.
Traxectoria Naceu en Buenos Aires, sendo neto de emigrantes galegos, procedentes do concello de Carral e do lugar de Vilarbetote, no concello lucense de Trabada.
Formouse nas categorías inferiores do Boca Juniors, subindo ao primeiro equipo en xullo de 2011 para facer a pretemporada co club no Brasil. O 25 de abril de 2012 debutou oficialmente co primeiro equipo ante o Olimpo de Bahía Blanca, nun encontro correspondente á Copa Arxentina, no que o Boca Juniors gañou nos penaltis tras igualar 1 a 1. Con Julio César Falcioni como adestrador, Boca acabou gañando a Copa en agosto dese mesmo ano. Na tempada seguinte, para gañar experiencia e minutos de xogo, foi cedido ao Godoy Cruz de Mendoza, onde tivo grandes actuacións e consolidouse na titularidade. En total, xogou 34 partidos e marcou un gol.
No seu regreso ao Boca Juniors para a tempada 2012/13, consolidouse como titular. Porén, poucos días despois de marcar o seu primeiro gol, sufriu unha espondilose lumbar que o deixou fóra de competición durante 75 días. Volveu ao once inicial o 1 de decembro ante o Lanús na xornada 18 do Torneo Inicial 2014. Comezou o Torneo Final 2014 por detrás do xuvenil Nahuel Zárate, ao que lle quitou rapidamente a titularidade, converténdose de novo no principal lateral esquerdo do equipo.
Trala marcha de Carlos Bianchi, o novo adestrador, Rodolfo Arruabarrena, decidiu colocar a Nicolás Colazo na posición de lateral esquerdo, relegando a Insúa ao banco de suplentes. En total, xogou 15 partidos e marcou un gol ese semestre. A principios de 2015, tendo en conta que o club buscaba un lateral esquerdo, Insúa aceptou abandonar o club e emigrar ao fútbol europeo.
Fichou en xaneiro de 2015 polo Granada CF, co que debutou na Primeira División de España na xornada 20 da tempada 2014/15, fronte o Deportivo da Coruña en Riazor. Sen sitio no equipo para a tempada seguinte, foi traspasado ao Udinese italiano, a cambio de 2,5 millóns de euros. Xogou só un partido da Copa Italia antes de marchar cedido en xaneiro ao Newell's Old Boys, co que disputou 15 partidos da Primeira División Arxentina, marcando dous goles. En xullo de 2016, volveu saír cedido, desta vez ao Racing Club, onde disputou 20 partidos de liga e un da Copa Suramericana fronte ao Águilas Doradas. Ao final da tempada, regresou a Europa e en agosto de 2017 asinou por tres tempadas co Panathinaikos FC.Agreement with Emanuel Insúa - Panathinaikos FC official web site (en inglés).
En 2020, tras tres tempadas no Panathinaikos, fichou polo AEK de Atenas, co que debutou na Europa League nun partido contra o Leicester. Disputou un total de 19 partidos co club grego. En febreiro de 2021 foi cedido ao Aldovisi arxentino, e asinou contrato xunto co seu irmán Emiliano, coincidindo por primeira vez ambos no mesmo equipo. Xogou un total de 28 partidos co club adestrado por Fernando Gago, e en xaneiro de 2022 fichou por Vélez Sársfield.
Militou unha soa campaña no club bonaerense, co que disputou un total de 18 encontros oficiais. En xaneiro de 2023 anunciouse a súa fichaxe por Banfield. Nos seguintes dous anos xogou 68 encontros co equipo verde e branco, anotando 2 goles.
En febreiro de 2025 fichou polo Racing de Ferrol, da Segunda División.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1991 Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores do Godoy Cruz Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Udinese Calcio Categoría:Xogadores do CA Newell's Old Boys Categoría:Xogadores do Racing Club de Avellaneda Categoría:Xogadores do Panathinaikos FC Categoría:Xogadores do AEK Atenas FC Categoría:Xogadores do CA Aldosivi Categoría:Xogadores do CA Vélez Sarsfield Categoría:Xogadores do CA Banfield Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol