Fernán Ferreiroa López, nado en Nigrán o 10 de febreiro de 1995, é un futbolista galego que xoga de centrocampista no Sloga Doboj da Liga Premier de Bosnia e Hercegovina.
Traxectoria Nacido en Nigrán, formouse na canteira do Celta de Vigo, debutando co filial en Segunda B a finais da tempada 2011/12. Formou parte do Celta B na seguinte tempada, na que disputou 29 encontros, aínda que só 16 deles como titular, nun equipo no que xogaban destacados dianteiros como Borja Iglesias ou David Añón. Na segunda metade da tempada 2013/14 xogou cedido na SD Compostela ás ordes de Iñaki Alonso.
Xa desvencellado do Celta fichou en 2015 polo Choco de Marcos Montes, co que disputou toda a tempada na Tercera División. Na tempada 2016-17 fichou pola Gimnástica Segoviana CF, co que logrou o ascenso á Segunda División B. Seguiu un ano máis no club segoviano, pero non puido manter a categoría ao final da tempada.
Na tempada 2018/19 pasou ao Barakaldo, co que xogou 23 partidos na Segunda División B. En xuño de 2019 rescindiu o seu contrato co club antes de emprender a súa primeira aventura no estranxeiro.
No verán de 2019 asinou co Gabala FK da Premyer Liqasi de Azerbaidján. Debutou co equipo acerbaixano nun partido da fase de clasificación para a Europa League contra o Dinamo Tbilisi, e disputou 18 partidos de liga, nos que marcou tres goles. Na tempada 2020/21 xogou co Jagiellonia Białystok na Ekstraklasa polaca, antes de regresar en 2021 ao Gabala. Co Gabala disputou un total de 19 encontros na campaña 2021/22, anotando 3 goles.
En xuño de 2022 fichou polo Enosis Neon Paralimni da Primeira División de Chipre. Co conxunto chipriota xogou só 7 encontros. En abril de 2024 regresou á Gimnástica Segoviana para reforzar o equipo nas últimas xornadas da Segunda Federación e contribuíu ao ascenso do club á Primeira Federación. Continuou en Segovia na seguinte tempada, na que disputou 27 partidos e marcou un gol.
En 2025 recalou na República Serbia de Bosnia e Hercegovina, onde xogou primeiramente unha tempada no Rudar Prijedor, co que acabou na derradeira posición da Liga Premier de Bosnia e Hercegovina, perdendo así a categoría. No verán de 2026 asinou co Sloga Doboj.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Nigrán Categoría:Nados en 1995 Categoría:Futbolistas de Nigrán Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do CD Choco Categoría:Xogadores da Gimnástica Segoviana Categoría:Xogadores do Barakaldo CF Categoría:Xogadores do Jagiellonia Białystok Categoría:Xogadores do Gabala FK