Bianca Jagger, de solteira Bianca Pérez-Mora Macías, nada en Managua o 2 de maio de 1945, é unha activista e antiga actriz nicaraguana.
Traxectoria Primeiros anos Jagger naceu en Managua. O seu pai era un importador e exportador de éxito e a súa nai era ama de casa. Divorciáronse cando Bianca tiña dez anos e ela quedou coa súa nai, que tivo que coidar tres fillos cun pequeno soldo. Aos dezaseis anos cambiou o nome de Blanca a Bianca. Reciciu unha bolsa para estudar ciencias políticas en Francia no Instituto de Estudos Políticos de París. Foi influída polo éxito da non violencia de Gandhi e a filosofía oriental. Viaxou amplamente pola India.
Matrimonio e vida pública Bianca coñeceu a Mick Jagger nunha festa despois dun concerto de The Rolling Stones en Francia en setembro de 1970. Casaron en 1971 nunha cerimonia católica en Saint-Tropez, cando estaba embarazada de catro meses. Xuntos tiveron unha filla, Jade Jagger. Aínda que hai debates sobre a data exacta, a parella visitou Nicaragua despois do terremoto de 1972.
O matrimonio estivo rodeado sempre de rumores sobre adulterio e Bianca solicitou o divorcio en maio de 1978 debido a relación de Jagger coa modelo Jerry Hall. Bianca chegou a declarar: «O meu matrimonio finalizou o día da miña voda».
Activismo En 1979, Bianca Jagger visitou Nicaragua cunha delegación da Cruz Vermella e quedou impresionada coa brutalidade do réxime de Anastasio Somoza; isto persuadiuna para dedicarse a tarefas relacionadas coa xustiza e os dereitos humanos.
Durante os anos 1980, opúxose á intervención dos Estados Unidos en Nicaragua trala Revolución Sandinista. Opúxose á pena de morte e manifestouse a favor dos dereitos das mulleres e das minorías amerindias, especialmente do pobo ianomami no Brasil e Venezuela.
Colaborou con organizacións humanitarias como Amnistía Internacional e Human Rights Watch. En 2003 foi nomeada Embaixadora de Boa Vontade do Consello de Europa.
En 2013 realizou unha visita a Nicaragua, para a celebración do Festival de Poesía da cidade de Granada, onde foi homenaxeada por moitos artistas nacionais, como Gioconda Belli, entre outros.
En 2016 foi acusada de emitir mensaxes racistas en Twitter onde promoveu a web Metapedia coa listaxe de parlamentarios británicos que votaron a favor da intervención militar en Iraq; esa listaxe contiña termos despectivos e racistas. Aínda que intentou desculparse en Twitter sinalando que non sabía que colocara unha ligazón dunha enciclopedia de extrema dereita, o escándalo superou as súas desculpas.
En 2018, durante as manifestacións antigobernamentales en Nicaragua, Bianca Jagger visitou o país xunto con Amnistía Internacional. Durante esa visita, Bianca Jagger e Erika Guevara-Rosas (directora para as Américas de Amnistía Internacional) presenciaron o ataque dos paramilitares contra os estudantes que tomaron a Universidade Nacional de Enxeñaría (UNI); elas estaban reunidas na Universidade Centroamericana (UCA) co reitor José Alberto Idiáquez cando comezou o asedio. A visita deu lugar á publicación conxunta dun informe titulado "Disparar a matar", en que se expoñen as violacións aos dereitos humanos que estaba a levar a cabo o goberno de Daniel Ortega. Nese infrome destacábase que a "estratexia de represión" estivera caracterizada polo uso excesivo da forza, execucións extraxudiciais, control dos medios de comunicación e o uso de grupos parapoliciais para rebentar as protestas cidadás. O saldo desa violencia fora nese momento de 81 persoas asasinadas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Right Livelihood Award recipient Bianca Jagger Entrevista de 2003 con Logos
Categoría:Nados en Managua Categoría:Nados en 1945 Categoría:Activistas de Nicaragua Categoría:Actores de cinema Categoría:Actores de televisión