Xudit decapitando Holofernes é unha pintura de óleo sobre lenzo (158,8x125,5 cm) realizada entre 1612 e 1613 pola pintora Artemisia Gentileschi. A obra consérvase no Museo Nacional de Capodimonte, en Nápoles.

Descrición O lenzo aparece máis pequeno e de diferentes cores en comparación cunha segunda versión, gardada na Galería dos Uffizi, en Florencia. Dada a redución realizada a un lado deste lenzo, algúns pensan que a composición era máis equilibrada e semellante á versión de 1620, mentres que outros estudosos, como G. Papi, argumentan que se trataba dunha versión expresamente diferente. De tódolos xeitos, e grazas aos estudos con raios X realizados por Mary Garrard sobre a obra, está demostrado que esta é a primeira versión da Xudith de Artemisia debido aos diversos cambios que a pintora realizou no transcurso da obra.Garrard (1991)

O lenzo foi pintado inmediatamente despois do xuízo por violación no que Artemisia acusou a Agostino Tassi, colaborador do seu pai. Precisamente por esta proximidade cronolóxica, algúns historiadores da arte consideran que a violencia que expresa o episodio representado é froito do desexo de vinganza da propia Artemisia. De feito, a autora optou, atipicamente en comparación cos outros artistas da súa época, por representar a escena da decapitación de Holofernes con respecto ao momento da fuga das dúas mulleres. O episodio foi certamente máis difícil de pintar dun xeito realista, pero pódese ver a habilidade do artista para representar o esforzo físico nos movementos dos personaxes. A resistencia que o home opón á agresión tamén está expresado nas roupas da cama sen facer.

Pódese discernir a influencia de Caravaggio na obra de Artemisia: o cadro evoca non só na crueza da decapitación, senón na postura mesma da heroína bíblica, a Xudith de Caravaggio, que se expón no Palazzo Barberini, até o punto de que é difícil pensar que Artemisia non coñecese esta obra, a pesar das súas limitadas posibilidades de visitar e explorar Roma. A diferenza do cadro do pintor italiano, este, amosa a solidariedade entre Xudit e a criada, que só unidas poden imporse sobre o xeneral inimigo. Esta particularidade tamén podería ser unha referencia á historia persoal da pintora, quen tamén acusou a Tullia, quen naquela época era inquilina e coidadora da moza, de non prestarlle axuda no momento da violación sufrida.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Xudite decapitando Holofernes (Artemisia Gentileschi, Florencia) Xudite decapitando Holofernes (Caravaggio) Libro de Xudit

Categoría:Pintura do Barroco Categoría:Obras pictóricas de Artemisia Gentileschi