Uys Krige (nome cristianizado en Mattheus Uys Krige) nado o 4 de febreiro de 1910 e finado o 10 de agosto de 1987, foi un escritor, poeta, dramaturgo, tradutor, xogador de rugby, e correspondente de guerra surafricano. Na literatura afrikáans, Krige cóntase entre os Dertigers e segundo o seu amigo Jack Cope, unha excepción da súa xeración debido á súa hostilidade cara ao nacionalismo afrikáner extremo, o supremacismo branco e o seu papel na oposición interna ao apartheid.

Biografía

Naceu en Bontebokskloof, preto de Swellendam, na Provincia do Cabo. Cursou estudos superiores na Universidade de Stellenbosch. Desde 1931 até 1935 viviu en Francia e España, onde aprendeu a falar francés e castelán con fluidez. Durante esta época, Krige xogou tamén nun equipo de rugby de Toulon, no sur de Francia. En Barcelona descubriuse por primeira vez como prosista e en Madrid fixo as primeiras incursións no teatro.

Ao seu regreso a Suráfrica en 1935, comezou a súa carreira de escritor como correspondente do Rand Daily Mail. Traballou en Die Vaderland por un curto período antes de mudarse a Cidade do Cabo a finais de 1936 e ser empregado de Die Suiderstem. Coñeceu a Lydia Lindeque, unha prometedora actriz local, mentres estaba en Johannesburgo, e casaron o 27 de xaneiro de 1937. Krige observou a política internacional con crecente preocupación desde a súa casa.

O tempo de Krige no estranxeiro fixo que coñecese de primeira man a situación europea. De volta a Suráfrica, seguiu ansioso as noticias e discerniu a volátil situación en Europa. Inicialmente, opúxose apaixonadamente á participación de Suráfrica noutra guerra na que morrerían decenas de miles de surafricanos e ademais a poboación tería novos motivos para "agradecer" a Gran Bretaña e o colonialismo.

A guerra civil española alertou a Krige dos perigos que supoñía o fascismo, e simpatizaba moito coa poboación española. Tomou parte na guerra loitando no bando republicano. A través de España, viu que o fascismo podía levar á destrución dos valores occidentais que o futuro da democracia en Europa estaba sendo ameazado. Esta foi unha das súas principais motivacións para, despois de apoiar o bando republicano na guerra civil, involucrarse tamén na segunda guerra mundial.

Mentres en Suráfrica a prensa afrikáans describiu a Franco como un heroe nacionalista, Krige escribiu sobre o conflito sinalando os perigos do fascismo. En 1937, tamén pasou a formar parte dun comité que recadaba cartos para axudar aos nenos españois. A súa primeira filla, María-Eulalia, naceu o día de Nadal dese ano. Os esforzos de Krige por concienciar á poboación surafricana foron atendidos na súa maioría con apatía. Con todo, máis de dous millóns de surafricanos, de todas as clases sociais, participaron na segunda guerra mundial. A radio de propaganda nazi "Zeesan" tamén emitía en afrikáans e a súa oposición ao goberno e á poboación recordou a crueldade británica durante a guerra anglo-bóer. Tamén se deron instrucións sobre como a poboación podía sabotar o esforzo bélico e así axudar a Alemaña.

Durante a segunda guerra mundial, Uys Krige foi correspondente de guerra do exército surafricano en África do Norte. Capturado en 1941, foi enviado a Italia, onde estivo internado durante dous anos nun campo de prisioneiros de guerra, do que escapou en setembro de 1943; fuxido nos montes aínda ocupados polos nazis, foi axudado por campesiños italianos, o que contou en The Way Out. Regresou a Suráfrica en 1946.

Como escritor e poeta, Krige foi extremadamente versátil; a súa obra inclúe novelas, contos, poemas e obras de teatro, tanto en afrikáans como en inglés. En 1968 coeditou con Jack Cope “The Penguin Book of South African Verse”.

Obra Krige traduciu ao afrikáans a maior parte da obra de William Shakespeare. Tamén traduciu do castelán obras de Federico García Lorca, Pablo Neruda e Lope de Vega, e de Baudelaire, François Villon e Paul Éluard do francés.

O seu irmán foi o pintor e debuxante François Krige . As viaxes de ambos a España foron plasmadas no libro de Uys "Sol y Sombra" para o que François realizou provocativas ilustracións.

Todas as publicacións atópanse editadas en afrikáans excepto onde se indica outra cousa.

Coleccións de poemas:

Kentering (Cambio), 1935. Rooidag (Día vermello), 1940. Oorlogsgedigte (Poemas de guerra), 1942. Hart sonder hawe (Corazón sen porto), 1949. Ballade van die groot begeer (Balada do gran desexo), 1960. Vooraand (A tarde anterior), 1964.

Novelas:

Die palmboom (A palmeira), 1940. (en inglés) The dream and the desert (O soño e o deserto), 1953.

Libros de viaxe e correspondencia de guerra:

(en inglés) The way out (O camiño de saída), 1946. Sol y sombra, 1948. Ver in die wêreld (Lonxe do mundo), 1951. Sout van die aarde (O sal da terra), 1961.

Obras de teatro:

Magdalena Retief, 1938. Die goue kring (O círculo dourado), 1956.

Obras nun acto:

Die wit muur (O muro branco), 1940. Alle paaie gaan na Rome (Todos os camiños levan a Roma), 1949. Die sluipskutter, 1951 (traducida ao inglés polo propio autor como "The sniper" -O francotirador- en 1962).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Botha, Danie (2006). Voetligte en applous!: Die beginjare van die Afrikaanse beroepstoneel (en afrikaans). Pretoria: Protea Boekhuis. ISBN 978-1-86919-090-3-. Cope, Jack (1982). The Adversary Within, Dissident Writers in Afrikaans. Cidade do Cabo: David Philip. ISBN 978-0-90839-659-7. Coullie, Judith Lütge; Lyle, Anna Campbell; Campbell, Teresa (2011). Remembering Roy Campbell: The Memoirs of his Daughters Anna and Tess. Hamden, CT: Winged Lion Press. ISBN 978-1-93629-404-6. 

Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Alumnos da Universidade de Stellenbosch Categoría:Tradutores do francés Categoría:Tradutores do inglés Categoría:Escritores en lingua afrikaans Categoría:Poetas de Suráfrica