Lorenzo Sanz Mancebo, nado en Madrid o 9 de agosto de 1943 e finado na mesma cidade o 21 de marzo de 2020, foi un empresario español. Exerceu como o 14º presidente do Real Madrid, cargo que ocupou entre 1995 e 2000, e foi tamén propietario do Málaga CF.

Traxectoria Na súa mocidade xogou ao fútbol como porteiro en varios equipos modestos de Madrid, entre eles o Puerta Bonita. Como empresario fixo fortuna no sector inmobiliario e da construción. Estivo vencellado a Fuerza Nueva, partido de extrema dereita do que xestionaba a publicidade.

En 2018 foi condenado a tres anos de cárcere e ao pago dunha multa de 1,2 millóns de euros pola ocultación a Facenda de ingresos por valor de 6 millóns de euros.

Presidencia do Real Madrid Foi directivo do Real Madrid de 1985 a 1995. O 26 de novembro de 1995 converteuse no 14º presidente do Real Madrid despois de que Ramón Mendoza se vise obrigado a dimitir polos problemas económicos, sociais e deportivos do club. Sanz intentou darlle a volta ao club fichando estrelas como Davor Šuker e Predrag Mijatović. En 1998 o equipo volveu gañar a Liga de Campións 32 anos despois, e repetiu título no ano 2000.

Tras os dous triunfos na Liga de Campións, Sanz celebrou eleccións anticipadas para a presidencia do club en 2000, pero perdeunas ante Florentino Pérez. En 2006 presentouse unha vez máis ás eleccións para a presidencia do Real Madrid, quedando en cuarto lugar, por detrás de Ramón Calderón, Juan Palacios e Juan Miguel Villar Mir.

En xullo de 2006 comprou o Málaga CF e colocou como presidente ao seu fillo Fernando. Vendeu o club en 2010 a un investidor catarí por un importe de 50 millóns de euros.

Vida persoal Casou con María Luz Durán Muñoz, coa que tivo cinco fillos. O maior deles, Lorenzo, foi xogador de baloncesto e membro do Real Madrid, mentres que Paco e Fernando foron futbolistas, chegando a xogar ambos na Primeira División. A súa filla Malula casou co futbolista galego Míchel Salgado.

Faleceu por COVID-19 na noite do 21 de marzo de 2020 aos 76 anos de idade.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía no sitio web do Real Madrid. Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2013 .

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Finados pola COVID-19 en España Categoría:Presidentes do Real Madrid Categoría:Empresarios da construción Categoría:Empresarios de España