Yanko Daučík Ciboch, nado en Praga o 22 de marzo de 1941 e finado en Madrid o 13 de maio de 2017, foi un futbolista eslovaco, que xogaba de dianteiro. Fillo do futbolista internacional e adestrador Ferdinand Daučík, militou en numerosos clubs, a maioría deles españois e a miúdo adestrado por seu pai.
Traxectoria Nado en 1941 en Praga, capital entón de Checoslovaquia, en 1950 trasladouse coa súa familia a España, onde seu pai, Ferdinand Daučík, asinou como novo adestrador do FC Barcelona. Xogou no Indautxu mentres seu pai adestraba o Athletic de Bilbao, e cando este colleu as rendas do Atlético de Madrid finais da década de 1950, Yanko entrou na canteira do club madrileño. Tras xogar no filial atlético, na parte final da tempada 1958/59 foi cedido ao Salamanca. Na seguinte campaña volveu ir cedido, desta vez ao Rayo Vallecano, da Segunda División, co que disputou catro partidos da tempada 1959/60, marcando un gol no seu debut ante o Valencia Mestalla.
A continuación seguiu a seu pai ao Porto, no que xogou durante a tempada 1959/60, e ao Betis, polo que fichou en 1960. Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1960/61 ante o Mallorca, e completou a súa primeira campaña na elite do fútbol español con 9 goles en liga, incluído un triplete contra a Real Sociedad, e 6 na Copa do Xeneralísimo.
As súas actuacións en Sevilla atraeron o interese do Real Madrid, que o fichou en agosto de 1962. Con todo, no club branco tivo que afrontar a dura competencia de Alfredo Di Stéfano, Francisco Gento, Ferenc Puskás e Amancio Amaro, polo que nas súas tres tempadas no equipo só disputou 20 encontros entre liga e Copa. Marcou un total de 8 goles, entre eles un triplete contra o Indautxu na Copa. En 1964 tivo que trasladarse a Melilla para realizar o servizo militar, polo que xogou cedido ao Melilla, da Segunda División.
En maio de 1965 comprou a súa liberdade ao Real Madrid e fichou polo Atlético de Madrid. Debutou co equipo de Otto Bumbel nas semifinais da Copa de Feiras ante a Juventus e disputou tamén dous partidos da Copa do Xeneralísimo, competición que o seu equipo acabou gañando. A continuación regresou ao servizo militar e volveu xogar unha segunda tempada no Melilla.
No verán de 1966 xogou co Toronto Italia na Eastern Canada Professional Soccer League do Canadá. A continuación regresou a España para xogar a tempada 1966/67 co Mallorca na Segunda División, e logo volveu ao Toronto, onde se lle uniron o seu pai Ferdinand, o seu tío László Kubala e o seu curmán Branko Kubala. Na tempada 1967 marcou 20 goles en 17 partidos, sendo o máximo goleador da National Professional Soccer League. En 1968 marchou a Chile para xogar no Universidad de Chile, equipo adestrado por Alejandro Scopelli, amigo de seu pai, onde apenas tivo participación.
Pasou os seus últimos anos como xogador no fútbol español, militando en cinco clubs máis, en tres deles ás ordes de seu pai. Así, pasou polo Elche, o Rayo Vallecano e o Sant Andreu, antes de regresar en 1970 á máxima categoría, fichando polo Espanyol. Colgou as botas en 1972, tras unha última tempada no Xerez.
Trala súa retirada dedicouse aos negocios e tivo un breve paso polos bancos, adestrando o Moscardó. Morreu o 13 de maio de 2017 en Madrid aos 76 anos.
Vida persoal Era fillo do futbolista e adestrador Ferdinand Daučík e sobriño do matrimonio formado por Anna Viola Daučík e o tamén futbolista László Kubala. Tamén foron futbolistas os seus irmáns Ignacio e Javier Daučík e o seu curmán Branko Kubala.
Palmarés Real Madrid Primeira División (2): 1962/63, 1963/64.
Atlético de Madrid Copa do Xeneralísimo (1): 1964/65.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador cos Toronto Falcons
Categoría:Nados en Praga Categoría:Nados en 1941 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Futbolistas de Eslovaquia Categoría:Futbolistas de Checoslovaquia Categoría:Futbolistas de España Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do FC Porto Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Melilla CF Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Club Universidad de Chile Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do UE Sant Andreu Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Xerez CD