Marta Fernández Herraiz, nada en Santiago de Compostela en 1980, é unha consultora galega, fundadora de LesWorking, e Co-Directora Xeral de REDI. Abertamente lesbiana, está considerada unha das persoas do colectivo LGBT máis influentes de España.
Traxectoria Ten unha dobre licenciatura en Dereito e Empresas pola Universidade Carlos III e MBA polo Instituto de Empresa. Traballou durante máis de 10 anos en consultoría estratéxica e de negocio para empresas multinacionais como KPMG, desenvolvendo proxectos en España, Italia, os Estados Unidos de América, México e a Arxentina.
É fundadora de LesWorking, que é a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas, cuxo obxectivo é conectar e apoderar as mulleres lesbianas promovendo unha visibilidade integradora e positiva da comunidade lésbica. É ademais, Co-directora xeral da Asociación REDI, Rede Empresarial pola Diversidade e Inclusión LGBTI en España, que é á súa vez a primeira asociación inter-empresarial de profesionais e foro de referencia en materia de diversidade e inclusión dos empregados LGBTI+ e aliados en España.
Tamén é integrante do Board da European Lesbian* Conference (EL*C), unha rede de mulleres activistas lesbianas de Europa e Asia Central. Foi poñente en TEDx Valladolid e participou en foros nacionais e internacionais nos Estados Unidos, Europa e Latinoamérica.
É embaixadora de It Gets Better España, e alumni do Departamento de Estado do Goberno dos Estados Unidos. Xunto con Kira Fumero, publicou Lesbianas, así somos, para abordar a realidade das mulleres lesbianas.
Premios e recoñecementos Está considerada unha das Top100 Mulleres Líderes, recibiu unha Estrela da Muller e un premio LGBT da Comunidade de Madrid, un premio Baeza Diversidade e foi candidata aos premios EPIC do IE en 2018.
Notas
Categoría:Nados en 1980 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Activistas LGBT de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Carlos III de Madrid