Manuel José Quintana nado o 11 de abril de 1772 e finado o 11 de marzo de 1857, foi un poeta, biógrafo, político e literato español de orixes estremeñas.

Traxectoria

Formación Na Universidade de Salamanca estudou Dereito e Filosofía, sendo discípulo de Juan Meléndez Valdés. Na súa formación, asimilou un marcado carácter neoclásico e racionalista, sendo admirador do enciclopedismo francés. Viviu na Universidade cos escritores Gaspar Melchor de Jovellanos e Nicasio Álvarez de Cienfuegos.

Vida profesional e literaria Despois de completar os seus estudos en Salamanca, exerceu a avogacía, pero interesouse pola boa literatura, publicando poesía e obras dramáticas e implicándose cada vez máis na vida política, especialmente durante e despois das invasións francesas.

En 1801, Quintana publicou sen grande éxito unha traxedia titulada El duque de Viseo, inspirada no Castle Spectre de Matthew Gregory Lewis. A continuación seguiu a obra patriótica de inspiración histórica Pelayo (1805) sobre o personaxe de Paio de Asturias, que tivo moito éxito naqueles tempos convulsos, no contexto das guerras napoleónicas. Despois dedicouse á escritura biográfica, publicando Vidas de Españoles Célebres (Madrid, 1807), unha colección biográfica de marcado carácter patriótico.

Os seus 34 poemas están inspirados en sentimentos de filantropía e patriotismo. Aínda que o seu estilo é ás veces afrancesado e considerado superficial, achegándose ao neoclasicismo da xeración anterior, a súa nobreza de sentimento e a forza retórica da súa escrita cativaron a varias xeracións de españois. A temática da súa obra achégao aos escritores románticos posteriores.

Como mecenas, favoreceu o acceso e integración do galego Nicomedes Pastor Díaz nos círculos literarios en Madrid.

Política No medio da crise provocada polas invasións napoleónicas, foi nomeado secretario das Cortes españolas e da súa Junta Suprema, publicando odas e proclamas que serviron para inflamar o sentimento patriótico español. En 1808 publicou as súas Poesías patrioticas e fundou o Semanario patriotico, que publicou primeiro en Madrid e despois en Cádiz.

Foi nomeado en 1814 membro da Real Academia Española, gozando dunha gran sona entre os intelectuais liberais e sendo considerado un dos seus grandes poetas patrióticos.

Malia o seu evidente patriotismo, tras o regreso de Fernando VII de España foi detido e recluído no cárcere de Pamplona entre 1814 e 1820. Tras ser liberado e rehabilitado, tras a sublevación de Riego, foi nomeado funcionario, reiniciando o seu ascenso social.

Restaurado nos seus cargos, foi ministro do Consello Real (1834) e presidente da Dirección de Estudios (1836). Nomeado titor da nova futura raíña Isabel II de España (1840), foi elevado a senador e laureado co título de poeta de España en 1855.

Pasamento Quintana morreu en Madrid aos 84 anos, sendo considerado un dos autores destacados da literatura española de principios do século XIX. Hoxe o seu traballo está moi esquecido.

Obra publicada Ademais de múltiples discursos e pregóns, Quintana é autor das seguintes obras principais:

A la paz entre España y Francia (1795), ode; Al combate de Trafalgar (1805), ode; Colección de poesías castellanas (1807), antologia poética; Poesías patrióticas (1808), poesia de combate político; La musa épica (1833), antologia poética, El duque de Viseo (1801), teatro; Pelayo (1805), teatro; Vidas de Españoles Célebres (1807, 1830 e 1833), 3 volumes de biografias e panegíricos; Cartas a lord Holland (1852), polémica política.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Manuel José Quintana na páxina Biografías y Vidas.

Categoría:Políticos de España

Categoría:Poetas de España Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Biógrafos Categoría:Nados en 1772 Categoría:Finados en 1857 Categoría:Nados en Madrid