A mutaxénese etiquetada con sinatura (signature-tagged mutagenesis, STM) é unha técnica xenética utilizada para estudar a función dos xenes. Nesta técnica insírese no xenoma un transposón que contén unha secuencia "etiqueta" que o identifica. Os recentes avances en secuenciación do xenoma permitiron catalogar unha gran variedade de xenomas de organismos, pero a función dos xenes que conteñen aínda é en gran parte descoñecida. Usando esta técnica, a función dun produto dun determinado xene pode inferirse ao desactivalo e observar o efecto sobre o organismo. O uso orixinal e máis común da STM é descubrir que xenes dun patóxeno están implicados na súa virulencia na célula hóspede, para axudar ao desenvolvemento de novas terapias médicas e fármacos.
Premisa básica
O xene en cuestión é inactivado por medio dunha mutación insercional. Utilízase un transposón que se autoinsire na secuencia do xene. Cando ese xene se transcribe e traduce a proteínas, a inserción do transposón afecta a estrutura das proteínas e (en teoría) impide o seu funcionamento. Na STM, os mutantes créanse pola inserción aleatoria dun transposón e cada transposón contén unha secuencia "etiqueta" (tag) exclusiva que o indentifica. Se unha bacteria mutante insercional mostra un fenotipo de interese, como a susceptibilidade a un antibiótico ao que anteriormente era resistente, o seu xenoma pode ser secuenciado e poden buscarse (usando un computador) as etiquetas usadas no experimento. Cando se localiza unha etiqueta, o xene que foi alterado queda tamén localizado (atoparase nalgún lugar entre un codón de inicio e de parada que marcan os límites dun xene).
A STM pode utilizarse para descubrir que xenes son críticos para a virulencia dun patóxeno inxectando un conxunto de diferentes mutantes aleatorios nun animal modelo (por exemplo, un modelo de infección en rato) e observar cales dos mutantes sobreviven e proliferan no hóspede. Eses mutantes patóxenos que non sobreviven no hóspede deben ter un xene inactivado, que cómpre para a virulencia. Por tanto, este é un exemplo de método de selección negativa.
Foi aplicada para buscar xenes de virulencia en especies como Mycobacterium tuberculosis, Salmonella typhimurium, Staphylococcus aureus, Vibrio cholerae ou Streptococcus pneumoniae.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Mutaxénese insercional Mutaxénese de transposón
Categoría:Xenética Categoría:Mutaxénese Categoría:Bioloxía molecular Categoría:Técnicas de bioloxía molecular