José García Martínez, máis coñecido como Rabadeira, nado na Rabadeira, Cerceda, o 11 de abril de 1952 e finado o 31 de maio de 2022, foi un futbolista galego que xogaba como extremo. Desenvolveu case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, co que xogou en tres categorías diferentes (Primeira, Segunda e Terceira División).
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Cerceda, aínda sen federar, pasando logo ás filas do Celas de Peiro. En 1969 ingresou no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que xogou unha tempada. A continuación pasou ao Fabril, da Serie A, co que logrou o ascenso á Terceira División na súa primeira campaña.
Rabadeira, coñecido así polo seu lugar de nacemento, debutou co primeiro equipo en partido oficial o 10 de setembro de 1972, na segunda xornada da tempada 1972/73 da Primeira División, saíndo de titular contra o Granada en Riazor. Disputou un total de 23 encontros esa tempada e marcou un gol na Copa do Rei, contra o Hércules, pero o equipo de Arsenio acabou descendendo ao remate da competición. Na tempada 1973/74, na Segunda División, disputou 23 partidos de liga e 3 de Copa, e marcou dous goles, o primeiro deles o 27 de xaneiro de 1974 ante o Real Valladolid. Malia todo, o Deportivo encadeou un novo descenso, neste caso a Terceira División.
Titular na maioría de partidos da tempada 1974/75 na Terceira, logrou regresar á Segunda División. Militou na categoría de prata durante as seguintes tres tempadas, e acadou os 149 partidos oficiais e 24 goles co club. Na campaña 1978/79 foi cedido ao Levante, onde se proclamou campión do grupo II da Segunda División B, conseguindo así o ascenso. Tamén chegou a viaxar a Suíza para probar cun equipo dese país, pero o día da proba lesionouse e acabou volvendo a Galicia. Colgou as botas con só 27 anos por mor das lesións, aínda que máis tarde xogou ao fútbol sala.
Trala súa retirada traballou na mina das Encrobas. Faleceu o 31 de maio de 2022, aos 70 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en Cerceda Categoría:Nados en 1952 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Futbolistas de Cerceda Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Levante UD