Ignacio Medina y Fernández de Córdoba, nado en Sevilla o 27 de febreiro de 1947, é un arquitecto e restaurador español, décimo noveno conde de Ribadavia e tamén décimo noveno duque de Segorbe.

Traxectoria Ignacio Medina naceu nunha familia da alta aristocracia, ademais vencellada ao franquismo. A nai, Victoria Eugenia Fernández de Córdoba, era duquesa de Medinaceli e de Segorbe, e seu pai, Rafael Medina, era un político falanxista que chegou a ser alcalde de Sevilla e procurador en Cortes (deputado) nos anos corenta. A casa onde naceu é a Casa de Pilatos, un dos pazos máis importantes da capital andaluza.

Era o máis novo de catro irmáns; o seu irmán terceiro era Rafael Medina, duque de Feria, importante figura da vida social española que casou coa modelo Naty Abascal e que acabou os seus días cunha sobredose de barbitúricos, na casa familiar.

Ignacio Medina casou en 1976, e no pazo de Oca, coa deseñadora bilbaína María de las Mercedes Maier, pero Medina conseguiu a nulidade matrimonial aos dous meses. Pero máis importante foi o seu matrimonio posterior, en 1985, con Maria da Glória de Bourbon de Orléans e Bragança, princesa da casa real brasileira e curmá do rei español Xoán Carlos I, pois consolidará con este matrimonio a súa relevancia social e económica.

Como arquitecto e restaurador o seu traballo centrouse na recuperación de edificios históricos da cidade de Sevilla, como a xudaría, e das propiedades familares, entre elas o pazo de Oca. Mais a parte máis importante do seu labor profesional foi o mantemento e xestión da fundación familiar: en 1978 constituíuse a fundación da Casa Ducal de Medinaceli, para xestionar o patrimonio da familia, e en 1980 foi nomeado o seu presidente. Pouco e pouco irán finando os seus irmáns (2001, 2011 e 2012), a súa nai a duquesa (2013) e o seu sobriño e vicepresidente da Fundación Marco de Hohenlohe-Langenburg, en 2016. esquerda|miniatura|200 px|Torre de Torés, fortificación das Nogais, propiedade da Fundación Casa Ducal de Medinaceli

Como xestor da Fundación, xestiona gran cantidade de propiedades en España, ademais de diversos predios e edificios en Galicia, como o xa ementado pazo de Oca, ou a Torre de Torés, nas Nogais, cedida ao concello durante 25 anos.

Títulos e partillas Co falecemento da súa nai comeza unha batalla legal polo control dos títulos nobiliarios familiares. Medina argumentaba que a súa nai lle cedera en vida tdos os títulos nobiliarios que non levaban aparellados unha grandeza de España, e así llelo solicitou ao goberno de España en 2015; porén, a súa sobriña neta Victoria Hohenlohe-Langenburg conseguiu que eses títulos pasasen a ela, como neta da filla máis vella da duquesa, incluído o ducado precisamente. Grazas a esta vitoria legal, Victoria Hohenhole-Langenburg é a persoa con máis títulos nobiliarios de España (43). Os tribunais tamén dirimiron a cales dos netos lles correspondían as lexítimas.

Medina mantivo pois o ducado de Segorbe, e mais o condado de Ampurias, que llo pasou á súa filla Sol María Blanca de Medina y Orléans-Bragança, e o condado de Ricla, que llo cedeu á súa filla máis nova, Ana Luna de Medina y Orléans-Bragança. Ademais, en 2003 fíxose co condado de Ribadavia (estilizado Rivadavia), que levaba vacante medio século.

Cargos e honras

Presidente da Fundación Casa Ducal de Medinaceli Académico da Real Academia da Historia Académico da Real Academia Sevillana de Buenas Letras Vicepresidente da Asociación de defensa do patrimonio Save Europe's Heritage. Membro do consello do Museo de Belas Artes de San Francisco, da Fundación Mapfre-Estudios, do padroado do Instituto de Estudos Iberoamericanos da Arxentina, do Patrimonio Veneciano, da Real Fundación de Toledo, do consello asesor da Hispanic Society of America, e do corpo da Nobreza do Antigo Reino de Galicia.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas "Orden JUS/619/2003, de 26 de febrero, por la que se manda expedir, sin perjuicio de tercero de mejor derecho, Real Carta de Sucesión en el título de Conde de Rivadavia, a favor de don Ignacio Medina y Fernández de Córdoba." BOE .

Categoría:Nobres de España Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Nados en 1947 Categoría:Arquitectos de España do século XX