Roberto Baggio, nado o 18 de febreiro de 1967 en Caldogno, Véneto, é un exfutbolista italiano, considerado un dos mellores e máis populares da década dos 1990. Tamén foi coñecido como Divino rabo de cabalo, Robertino e Codino.
Coa selección italiana xogou en tres Mundiais de Fútbol e é o único futbolista do seu país que anotou en tres copas de mundo 1990, 1994 e 1998. Ademais da selección, xogou no LR Vicenza, Fiorentina, AC Milan, Bologna FC, Inter de Milán e Brescia Calcio.
En 1994 foi un dos mellores do mundial, levando á escuadra italiana á final, o 17 de xullo, na que perdeu co Brasil a penaltis. Baggio errou o penal decisivo e converteuno nun "heroe" involuntario para o Brasil. Tamén marcou un punto baixo na súa carreira, pero, a pesar do seu erro, capitalizou o incidente a través da publicidade. Desde entón foi coñecido como "O home que morreu de pé" (Socrate morì avvelenato ma Roberto Baggio morì in piedi - Sócrates morreu envelenado, mais Baggio morreu de pé).
No ano 1993 gañou o Balón de Ouro e o FIFA World Player. Ademais, a carreira de Baggio estivo marcada por numerosas lesións.
Traxectoria Nado en Caldogno, preto de Vicenza, Baggio comeza a súa carreira no LR Vicenza, na Serie C1 en 1981. En 1985 marchou cara a Fiorentina, onde ficou por cinco anos e comezou a gañar a súa reputación de estrela.
En contra dos desexos dos seareiros foi vendido á Juventus en 1990 por uns 19 millóns de euros, o récord mundial de cartos pagados por un traspaso naqueles intres. O traspaso desencadeou protestas violentas en Florencia e Baggio afirmou que fora coaccionado para aceptar o transfer.
Os seus comezos na escuadra de Turín non foron o que todos agardaban, e nun principio dicíase que o xogador non se adaptaba ao club. Houbo unha pequena polémica cando, nun encontro contra o seu exequipo, un seareiro lle lanzou dende a bancada unha bufanda da Fiore. El recolleuna do chan e púxoa. Isto alporizou ós seguidores da Juventus, mais non tardarían en "perdoar" ó que sería o seu mellor xogador nos vindeiros anos. Con todo, Baggio nunca celebrou os goles contra o seu exequipo.
En 1993 gañou o seu único título europeo de clubs, a Copa da UEFA. A súa actuación ese ano sería premiada co Balón de Ouro e foi nomeado segundo no FIFA World Player, detrás de Romário. Baggio foi o primeiro xogador italiano en gañar o Balón de Ouro dende Paolo Rossi en 1982.
A Juventus conseguira formar unha boa escuadra, xa que xunta Baggio estaban tamén xogadores coma Gianluca Vialli, Fabrizio Ravanelli, Paulo Sousa ou o gardameta Angelo Peruzzi.
1995 é o ano no que gaña o seu primeiro Scudetto, o primeiro de moitos que conseguiría a escuadra turinesa nos anos 90. Mais Baggio non ía desfrutar destes éxitos coa Vecchia Signora xa que tras fortes presións do presidente do A.C. Milan, Silvio Berlusconi, o xogador é transferido ao club milanés por 9'3 millóns de euros. Aquí gañaría o Scudetto en 1996, sendo o primeiro en gañar dous campionatos da Serie A consecutivos con dúas escuadras distintas.
En 1997 marcha ao Bologna co obxectivo de resucita-la súa carreira, maltreita tralo seu paso polo A.C. Milan. Esa tempada bate o seu mellor rexistro anotador con 22 goles na liga. Grazas ó bo ano no Bologna consegue ser titular na selección italiana no Mundial de Fútbol Francia 1998, quitándolle o posto a un xove Alessandro Del Piero.
Despois do mundial Baggio fichou polo Inter de Milán, mais semella que non contaba co favor do adestrador Marcello Lippi, e non chegou a dispoñer de moitos minutos. Na súa autobiografía conta que Lippi o apartou do equipo por non dicirlle ó adestrador que xogadores estaban a falar mal do propio técnico.
Tras ficar dous anos no Inter, e co obxectivo de xogar o Mundial de Fútbol Corea e Xapón 2002 marchou cara ao Brescia. A pesar dunha forte mancadura, antes do final da tempada xa estaba totalmente recuperado. Aínda así o adestrador Giovanni Trapattoni non o levou ao mundial.
Baggio seguiu a xogar no Brescia ata o seu retiro en 2004. Rematou a súa carreira con 205 goles na Serie A, sendo o quinto máximo anotador da historia, despois de Silvio Piola, Gunnar Nordahl, Giuseppe Meazza e José Altafini. A súa camisola co número 10 do Brescia foi retirada, aínda que non para xogos amigábeis.
Internacional Baggio xogou un total de 56 encontros coa selección italiana, anotando 27 goles. E o cuarto goleador da selección de tódolos tempos.
É o único italiano que anotou en tres mundiais, e xunto con Christian Vieri e Paolo Rossi o máximo anotador da escuadra nas Copas do mundo con 9 tantos.
Mundial de Fútbol Italia 1990 Baggio xoga o seu primeiro mundial en 1990, e aínda que maiormente xogou saíndo do banco dos suplentes conseguiu anotar dous goles. Un deles, contra a Checoslovaquia foi alcumado o "gol do torneo". A Italia remataría en 3º posto.
Mundial de Fútbol USA 1994 Baggio era a pedra angular do combinado italiano, e así se confirmou tras unha actuación estelar nas roldas eliminatorias previas á final. Anotou un total de cinco goles, dous en oitavos contra Nixeria, un en cuartos contra España e outros dous nas semifinais contra Bulgaria. Na final contra o Brasil o encontro rematou 0-0 tralos 120 minutos de xogo. Na quenda de penaltis Baggio erraría o seu lanzamento, dándolle o título á escuadra brasileira.
Baggio rematou coma segundo na táboa de máximos anotadores do torneo.
Mundial de Fútbol Francia 1998 O primeiro encontro enfrontou á Italia contra Selección nacional de fútbol de Chile que só puido conseguir un empate a dous contra os suramericanos. Baggio deulle o pase do primeiro gol a Christian Vieri e anotou o segundo de penalti. O outro gol que marcou no torneo foi contra a Austria, grazas ao cal Italia rematou coma líder do grupo. Nos cuartos de final caeron nos penaltis contra Francia que finalmente sería a campioa do mundo.
Despois do retiro O seu derradeiro encontro coa selección italiana o 28 de abril do 2004 contra a selección española.
Baggio escribiu unha autobiografía Una Porta nel Cielo (Unha portería no ceo).
Títulos Club Scudetto (Serie A): 1995, 1996 Copa de Italia: 1995 Copa da UEFA: 1993 Individual Balón de Ouro: 1993 FIFA World Player: 1993 FIFA 100: 2004
Vida persoal Un dos seus irmáns, Eddie Baggio tamén foi xogador da Serie A. Tanto el como os demais irmáns foron chamados así como referencia a deportistas famosos. Non son familiares de Dino Baggio.
En 1985 converteuse ao budismo Nichiren da corrente Soka Gakkai, que recita o "Nam-myoho-renge-kyo", unha oración que simboliza a pureza da flor de loto que crece na lama. Porén, en 1989 casou polo rito católico coa súa muller Andreaina Fabbi, quen pensaba que o estaban a introducir nunha seita. Baggio tivo dous fillos varóns e unha filla coa súa esposa.
Baggio denunciou en 2016 ao animalista Paolo Mocavero por chamarlle "budista ignorante" e acusalo de cazar animais, afirmando que os budistas da súa corrente perseguen a felicidade de todos os seres e a caza vai en contra diso. O tribunal de Padova fallou a favor de Baggio en 2020. En 2022, Mocavero foi absolto, esta vez no tribunal de Verona dunha acusación de difamación relacionada coa colocación de pósters e publicacións en redes sociais que implicaban a Baggio por un tema similar.
En 2024, el e a súa familia foron retidos e golpeados violentamente nun asalto á súa vivenda mentres miraba o partido España-Italia da Eurocopa.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web
Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Balón de Ouro Categoría:FIFA 100 Categoría:Xogadores do ACF Fiorentina Categoría:Xogadores do Juventus FC Categoría:Xogadores do AC Milan Categoría:Xogadores do Bologna FC 1909 Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Brescia Calcio Categoría:Nados na provincia de Vicenza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Nados en 1967 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1990 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1994 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1998