A praia do Lérez é unha praia galega situada no municipio de Pontevedra. É unha praia fluvial semiurbana cunha lonxitude de 100 metros.
Localización e acceso A praia está situada na marxe esquerda do río Lérez, a uns 3 quilómetros da súa desembocadura na ría de Pontevedra, a 2 quilómetros do centro da cidade e a menos dun quilómetro do barrio de Monte Porreiro. Está situada fronte ao parque da Illa das Esculturas e moi preto da antiga ponte do ferrocarril. Aquí celébranse as tradicionais comidas campestres da romaría de San Benitiño de Lérez, onde é típico comer mexillóns.
É facilmente accesible a pé desde o centro da cidade, ao longo do paseo do Lérez e desde o barrio de Monte Porreiro. Tamén se pode chegar en coche. A ruta de sendeirismo do Lérez comeza neste punto e percorre varios quilómetros ata Ponte Bora.
Descrición É un areal recto, situado nunha contorna semiurbana. É unha praia fluvial de area branca. Ao redor da praia hai 5.000 metros cadrados de zonas de céspede e unha zona de pícnic con mesas e bancos de pedra. Tamén hai un pequeno peirao con chanzos de pedra sobre o río e un pequeno parque infantil. Toda a zona ocupa un total de 3 hectáreas.
É unha zona de augas tranquilas que se beneficia dun pequeno brazo morto do Lérez. O mar está preto, polo que está suxeita á subida e baixada das mareas da ría de Pontevedra. O Servizo de Costas autorizou a súa apertura. A praia ten aseos, duchas, servizo de socorrismo, posto de primeiros auxilios, acceso para discapacitados, un pequeno aparcadoiro, papeleiras e un quiosco. A calidade da auga é boa. O baño está vixiado desde finais de xuño ata finais de agosto, de 12:30 a 20:30.
A praia abriuse ao baño o 11 de xuño de 2009.
Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía .
Outros artigos Ria de Pontevedra Río Lérez
Ligazóns externas Praia do Lérez na web Spain.Info Praia do Lérez na web Las Playas Praia do Lérez
Lerez Categoría:Turismo en Galicia