Marie Laurencin, nada en París (10º distrito) o 31 de outubro de 1883 e finada na mesma cidade (7º distrito) o 8 de xuño de 1956, foi unha pintora e litógrafa francesa. Constituíu unha figura importante na vangarda parisiense como membro dos cubistas asociados á denominada Section d'Or.
Traxectoria Laurencin naceu en París, onde foi criada pola súa nai. Viviu a maior parte da súa vida na capital francesa.Gingeras 2019, p. 233 Con 18 anos estudou técnicas de pintura sobre porcelana en Sèvres. Máis adiante regresou a París e continuou a súa formación artística na Académie Humbert, onde se centrou na pintura ao óleo.
Durante os primeiros anos do século XX, Laurencin constituía unha figura importante da vangarda parisiense. Era membro tanto do círculo de Pablo Picasso como dos cubistas vencellados coa Section d'Or, como Jean Metzinger, Albert Gleizes, Robert Delaunay, Henri le Fauconnier e Francis Picabia. Expuxo con estes no Salon des Indépendants (1910-1911) e no Salon d'Automne (1911-1912). Foi parte da primeira exposición cubista en España en 1912, nas Galeries Dalmau de Barcelona.
Estivo vencellada sentimentalmente co poeta Guillaume Apollinaire e a miúdo era identificada como a súa musa. Amais, Laurencin relacionouse co club literario da expatriada estadounidense e escritora lesbiana Natalie Clifford Barney. De feito, tivo relacións con homes e mulleres. A súa arte reflectía a súa vida, os seus "espíritos gráciles" e "amazonas montando á muller". Deixou no mundo de arte a súa pegada de "queer femme cun toque francés".Pilcher 2017, p. 37
Durante a Primeira guerra mundial Laurencin exiliouse en España co seu marido, o alemán Otto von Waëtjen, xa que polo seu casamento perdeu a nacionalidade francesa. O matrimonio posteriormente viviu en Düsseldorf por unha breve tempada. Ela viuse moi afectada pola súa marcha da capital francesa, centro indiscutíbel da creatividade artística. Tras divorciárense en 1920 regresou a París, onde conseguiu éxito financeiro como artista até a crise económica dos anos 30. Durante esa década traballou como mestra de arte nunha escola privada. Viviu en París até a súa morte o 8 de xuño de 1956.
Obra A obra de Laurencin inclúe pinturas, acuarelas, debuxos e impresións. Malia mostrar a influencia dos pintores cubistas Pablo Picasso e Georges Braque, este último amigo íntimo seu, desenvolveu unha aproximación persoal á arte abstracta, acotío centrada na representación de grupos de mulleres e animais. A súa obra traspasa os límites do cubismo na procura dunha estética especificamente feminina mediante o uso de cores pastel e formas curvas. Orixinalmente baseada no fauvismo, simplificou as súas formas pola influencia do cubismo. A partir de 1910 na súa paleta primaban o gris, o rosa e os tons pastel.
O seu distintivo estilo continuou o seu desenvolvemento ao regresar a París en 1920 tralo exilio. As cores tenues e os patróns xeométricos do cubismo foron substituídos por tons claros e composicións ondulantes. A súa marca de identidade eran as figuras femininas etéreas e gráciles e suaves cores pastel que evocaban un mundo encantado.
Até a súa morte, Laurencin continuou a explorar temas de feminidade e o que consideraba representacións de modelos femininos.
Coleccións As obras máis célebres de Laurencin están expostas en coleccións de todo o mundo. No centenario do seu nacemento, en 1983, abriu o Musée Marie Laurencin na cidade xaponesa de Nagano. Na actualidade é o único museo no mundo que contén exclusivamente a obra dunha pintora muller na súa exposición permanente. Masahiro Takano, o fundador da pinacoteca, era un namorado da perspectiva sensual e expresiva de Laurencin, e o museo alberga máis de 600 pezas de arte dela. O museo pechou en 2011, mais puido reabrir en xullo de 2017 no barrio de Chiyoda, Tokyo, tralo éxito dunha retrospectiva da pintora no Musée Marmottan Monet de París, con obras da colección de Takano.
A obra de Laurencin tamén está exposta no MOMA (Nova York), o Ermitage (San Petersburgo) e o Tate (Londres). Algúns dos seus traballos máis coñecidos forman parte da colección permanente do Museo de l'Orangerie (París).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
ISBN 9784763081155
ISBN 978-2754106733
Ligazóns externas
Marie Laurencin Bio - Findlay Galleries Marielaurencin.com Musée Marie Laurencin, Xapón. Artcyclopedia.com: Marie Laurencin
Categoría:Pintores modernistas Categoría:Finados en 1956 Categoría:Nados en 1883 Categoría:Nados en París Categoría:Pintores de Francia