Xema Galgani, en italiano Gemma Galgani, máis coñecida como Santa Xema, nada en Camigliano o 12 de marzo de 1878 e finada en Lucca o 11 de abril de 1903, foi unha moza e mística pasionista italiana, venerada como santa pola Igrexa católica.
Traxectoria miniatura|Enrico Galgani e Aurelia Landi, os pais de santa Xema Xema foi unha das fillas do boticario Enrico Galgani e a súa esposa Aurelia Landi, quen morreu cando Xema tiña 7 anos. Quedou orfa de pai aos 18 e axudou á súa tía a criar os seus irmáns máis novos. Tras rexeitar dous pretendentes, foi contratada como ama de chaves pola familia Giannini, que lle tomou moito agarimo e practicamente adoptouna. Con eles Xema trasladouse á cidade de Lucca. Alí fíxose amiga da venerábel María Eugenia Giannini, máis tarde tamén pasionista italiana. Despois da morte da súa amiga, fundou a congregación «Fillas de Santa Xema».
Xema caracterizouse pola súa piedade e o seu amor a Cristo e a Eucaristía. Foi unha das primeiras mulleres estigmatizadas do século XX. Tres días á semana, durante polo menos tres anos, Xema mostraba estigmas nas mans e nos pés, que logo desaparecían. Tamén era famosa polas súas visións do seu Anxo da Garda, a quen mesmo lle pedía ás veces que lle levase recados se estaba demasiado ocupada. Xeralmente pedíalle que lle enviase cartas ao correo destinadas ao seu director espiritual.
Xema era unha rapariga de saúde delicada. Aos 20 anos sanou milagrosamente dunha grave meninxite. Ela atribuíulle a súa curación a san Gabriel da Dolorosa, entón venerábel, a quen lle rezou fervorosamente mentres recibía tratamento. Esa mala saúde non permitiu que fose aceptada como relixiosa pasionista, pero igualmente recibiu as honras correspondentes á Orde.
Xema morreu probabelmente de tuberculose en Lucca o 11 de abril de 1903, á idade de 25 anos.
Canonización Foi beatificada polo papa Pío XI o 14 de maio de 1933, na Basílica de San Pedro. Canonizada polo papa Pío XII en 1940, converteuse así na primeira muller santa do século XX. Os seus restos mortais descansan no Santuario pasionista de Lucca, onde se congregan cada ano miles de peregrinos.
A festa de santa Xema Galgani, segundo o calendario litúrxico, é o 11 de abril. Porén, en España, por concesión especial da Santa Sé, celébrase o 14 de maio, en recordo da súa beatificación. Desde 1985 venérase no Santuario de Santa Xema de Madrid a reliquia do corazón da santa. En Galicia, venérase en Santa Xema, na Coruña.
Xema Galgani no cinema Diversos proxectos afeccionados levaron a vida da santa á pantallas. En 2022 unha produtora española comunicou a preprodución dunha longametraxe titulada Gemma Galgani (o nome orixinal da santa). A película será guionizada e dirixida polo cineasta e médico español, especialista en cine relixioso, Óscar Parra de Carrizosa, e prevese a súa estrea para o 11 de abril de 2023.
Notas
Categoría:Nados na provincia de Lucca Categoría:Igrexa católica Categoría:Italia Categoría:Nados en 1878 Categoría:Finados en 1903 Categoría:Santos patróns de parroquias de Galicia