Lobeira é un concello da provincia de Ourense, que pertence á comarca da Baixa Limia. Segundo o IGE en 2018 tiña 807 habitantes (1.225 en 2003).
Poboación
Censo total 807 (2018) Menores de 15 anos 16 (1.98 %) Entre 15 e 64 anos 351 (43.5 %) Maiores de 65 anos 440 (54.52 %)
Xeografía
Relevo O concello de 68,9 km² abrangue 8 parroquias. Está situado no suroeste da provincia de Ourense, na marxe dereita do río Limia. Abrangue a conca do río Grou, que nace na Serra do Leboreiro e desemboca no Limia.
Está situado ao suroeste da serra de Leboreiro, con cumios de até 1.300 m, mentres que a altitude mínima son 400 m en Cabaleiros.
Climatoloxía É un concello de transición entre o oceánico e mediterráneo, presente na Galicia meridional. As choivas superan os 2000 mm de precipitación anual e son máis abundantes a medida que aumenta a altitude, polo que dentro do municipio pódese distinguir unha zona occidental situada por riba dos 900 metros onde é fácil chegar ós 2000 – 2500 mm anuais, e outra vertente oriental de menor elevación onde se alcanzan os 1500-2000 mm anuais. Na estación invernal rexístrase o 38% das choivas anuais. A temperatura media anual é de 10.5 °C cunha notable oscilación térmica, xa que no inverno a temperatura media é de 4 °C e no verán é de 19 °C.
Hidrografía A rede hidrográfica organízase en torno os ríos Fragoso, Grou e Limia. O primeiro ten a súa fonte na serra do Leboreiro, trascorre en dirección N a S e orixina, na súa confluencia con outros regatos, o Grou, tributario do Limia e principal colector dunha nutrida rede de cursos de auga que nacen no citado cordal. Pola franxa oriental do concello, bañando a parroquia de Monte Longo, pasa o río Trasentes que desemboca no Limia na zona do encoro das Conchas.
Vexetación A zona máis alta do concello está desprovista de vexetación, xa que nos atopamos unicamente con rochas mesturadas con uces, xestas e toxos. Nas ladeiras máis baixas podemos atopar carballeiras, bidueiros, freixos e ameneiros.
Comunicacións A rede viaria do concello redúcese a unha serie de camiños locais que comunica as súas parroquias e ó paso da estrada N-540, que vai de Ourense cara a Portugal e que discorre polo extremo meridional do seu territorio, en paralelo ó encoro das Conchas.
Historia
Idade Antiga Os achados arqueolóxicos ofrecen datos sobre o asentamento do home nestas terras dende o Paleolítico e da continuidade do poboamento son testemuños outros restos que pertencen á época das invasións célticas e romanas. Na parte dereita do Limia asentouse a tribo dos querquenos, establecidos no Aquis Querquennis, sobre a vía militar que ía de Braga a Astorga.
Idade Media A finais do século X, en plena rebelión da nobreza galega contra o rei Ramiro II e máis tarde contra Vermudo II, houbo unha forte resistencia en Lobeira. Máis tarde, xa no século XII, o rei Afonso VII veríase obrigado a reprimir os continuos ataques que se produciron contra as propiedades eclesiásticas en xeral, e concretamente contra o mosteiro de Celanova.
O rei Afonso IX no ano 1228 concedeulle a Lobeira, un foro, posteriormente confirmado polos sucesivos monarcas ata Filipe V en 1709 que lles permitía ós seus veciños gozar da propiedade de todo o que era de xurisdición real, mediante o pago de 300 marabedís anuais. Ademais excluíaos do sometemento a calquera outro foro e outorgáballe-lo dereito de apelar ó rei en última instancia.
Idade Moderna Como enclave fronteirizo este municipio sufriu entre os anos 1640 e 1668 continuas incursións dos portugueses que tratando de chegar a Xinzo de Limia e a Celanova instalaron en Lobeira o seu cuartel xeral. Durante a Guerra de Sucesión a poboación tivo que contribuír o aloxamento das tropas que se dirixían a protexer os lugares atacados polos ingleses e polos portugueses, o que, sumado a prohibición de comunicarse e de comerciar con Portugal e ós desprazamentos a Castela nos tempos da sega, levou o pobo a unha grave crise económica. Esta situación fixo que os habitantes de Lobeira invocasen os privilexios concedidos por Alfonxo IX no século XIII.
A principios do século XIX, durante a Guerra da Independencia contra os franceses, creouse o rexemento de Lobeira que loitou contra a invasión francesa en Castela, Vigo, Tui e Portugal; foi tamén un lugar de refuxio para os que escapaban dos invasores napoleónicos, constituíron a xunta de Lobeira, presidida polo bispo de Ourense Pedro Quevedo y Quintano. Este organismo substituíu a Xunta Suprema de Galicia e organizou a resistencia en tódolos puntos de Galicia, realizando unha intervención decisiva na defensa da cidade de Vigo. Sendo de facto e de iure a capital de Galicia uns días durante xaneiro do ano 1809, pois foi o único enclave de Galicia que permaneceu libre da ocupación francesa, representando á Xunta Suprema Central de España tras a caída da Coruña poucos días antes de constituírse. Esta Xunta apenas tivo un poder efectivo sobre as provincias de Ourense e Pontevedra, pouco despois a Xunta Suprema de Galicia estableceuse na Coruña baixo o control político do Marqués de La Romana
Idade Contemporánea O actual concello creouse na división municipal de 1835, que fusionou os antigos municipios de Lobeira, San Xes de Vilariño e parte do de Grou. Un ano despois engadíuselle a parroquia de Santa Comba, compartida esta última co concello limítrofe de Bande.
Patrimonio
Igrexa de San Martiño de Grou De arquitectura sinxela, o acceso realízase mediante un arco de medio punto de grandes doelas. A espadana adquire monumentalidade, con corpo de dobres arcos, decoración avolutada nos extremos e escaleiras de acceso ao campanario. No interior destacan unicamente as figuras de San Martiño, San Pedro e San Pablo, O Salvador e a Virxe Milagrosa.
Igrexa de San Xés Esta interesante edificación de estilo barroco tardío posúe planta de cruz latina. A fachada é austera en decoración, exceptuando algúns detalles como a fornela do Santo Patrón: San Xes. Aínda así, a súa impresionante torre compensa a devandita sinxeleza. Esta torre de 4 corpos ten dobre campanario e remata en cúpula. No seu interior podemos admirar un espectacular retablo maior de cinco rúas. No ano 1928 a igrexa de San Xés de Lobeira foi derrubada por un raio, rompendo case toda a torre mais os tellados. Reconstruírona entre toda a parroquia, formada por seis aldeas: Senderiz, Villariño, A Canle, Valdemir, Sabariz e Torneiros.
Ermida do Viso No Monte do Viso, a 852 m de altitude, está a ermida do Viso, onde se celebra a romaría do mesmo nome, unha das máis importantes da zona. Esta ermida está sobre un antigo poboado castrexo, tratándose dunha cristianización de cultos antigos. Na ermida consérvase algún resto románico, así como un retablo do século XVIII. A imaxe da Virxe é do finais do século XIX, e soamente ten talladas a cara e as mans.
O santuario constitúe un dos poucos expoñentes do románico tardío da comarca. A fábrica presenta planta rectangular e ábsida con capela e sancristía pegadas. No interior, arco de medio punto sobre columnas acaroadas, con capiteis de motivos vexetais e imposta decorando o arco triunfal. A base da ventá prolóngase ao exterior con repisa, transformándose en fornela. A sancristía constrúese no ano 1717, como indica unha inscrición; é de dúas plantas, con ventá ata o interior, servindo de tribuna ó clero. A portada do muro é románica, con arco de medio punto e grandes doelas con bolas no intradorso. Nunha das xambas mostra a inscrición “ERA MCCCXL”, correspondendo ós anos 1300 e 1309, na que debeu construírse o santuario. A fachada actual sufriu unha reedificación no ano 1741, labrándose conforma á moda barroca unha porta alintelada, resaltada con orelleiras, e fornela coa imaxe pétrea de Nosa Señora, coroada por anxos.
Capela das Quintas Capela construída en 1728 e dedicada a San Lourenzo. Destaca o seu pórtico con vertentes a tres augas soportado por dúas columnnas. Nun lateral destaca un arco tapiado.
Peto de Ánimas da Vila Este peto de ánimas está situado na parroquia de San Vicente de Lobeira. A singularidade deste peto de ánimas é que ten un cruceiro detrás. Ten un só corpo cun pórtico que protexe o peto propiamente dito, onde se sitúa unha fornela de medio punto. O teito do pórtico é de lousas de pedra a dúas augas, apoiandose en dous piares cuadrangulares sobre dous pedestais sobre bases tamén cuadrangulares.
Petróglifos No concello existen os seguintes petróglifos, entre os que destacan: o de Pena Franqueira (entre as parroquias da Fraga e Parada); As Sete Cruces do Rebolar (San Xes de Vilariño) e situado a 1.125 msnm e o de Penafiel (monte San Xes-Sabariz-San Xes de Vilariño).
Lobeira na literatura popular Á mestra de Lubeira/ morreulle a burra bermella;/ tódolos que non cantaren/ leven o camiño dela Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 36. No orixinal: bermella, todolos, de ela.. A nosa Señora do Viso/ un favor lle vou pedir;/ que os mociños de Facós,/ servir ó rei non han de ir Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 39). Facós é un lugar da parroquia e concello de Lobeira. Ademais da Virxe do Viso, en Redondela, hai moitos outros lugares con este nome. As cantigas que recolle Xaquín Lorenzo na Limia Baixa refírense á ermida de Nosa Señora do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.. A Santa Virxe do Viso/ tan alta se foi pór,/ entre toxos e carqueixas,/ carballiños darredor Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 46. A Santa Virxe do Viso/ ten os ollos de cristal,/ que los mandou Xesucristo/ do reino de Portugal . A Santa Virxe do Viso/ ten un tendel de meados;/ vente conmigo, meniña,/ ó río ver de lavalos Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 46). Os meados son as madeixas de liño fiado que, unha vez lavadas, dispóñense ó sol nun tendel de meados.. A Tupina do Rixón/ canta de alegre na Vila;/ o cabalo do pintor/ recáchalle o rabo arriba Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 51). A Vila é un lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira.. A Vila non vale nada,/ as Quintas vale un vintén,/ Santa Baia vale todo/ polas mociñas que ten Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52). A Vila, As Quintas e Santa Baia son lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira.. A Virxiña do Viso/ e mais a da Piedade,/ unha é miña madriña,/ outra é miña comadre Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52. No orixinal: e máis.. Achegaime ise candil/ anque sea cunha palla,/ que van saír a beillar/ as mozas de Santa Baia Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 29). Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira.. Adios, Calvos e Corvelle,/ adios, Taboazas i a Fraga,/ adios, Quintas de Lubeira,/ adios, demos de Parada Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30. No orixinal: Corbelle. Santiago de Calvos e Santa María de Corvelle, parroquias do concello de Bande; Taboazas é lugar da parroquia de Santa Eufemia de Parada, concello de Lobeira; San Bartolomeu da Fraga, parroquia do concello de Lobeira; As Quintas, lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, do mesmo concello; Parada, parroquia do mesmo concello.. Adios, Lubeiriña triste,/ de espaldas te vou mirando;/ non sei que me queda dentro/ que me despido chorando Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30.. Adios, lugar de Facós,/ lugar das ventanas altas;/ queira Dios de hoxe nun ano/ se non descubren as faltas . Adios, Toural de Lubeira,/ tan solo tes catro casas;/ nelas queda a miña vida,/ consolo da miña ialma Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 31. O Toural é un barrio do lugar da Vila, parroquia de San Vicente de Lobeira, onde se celebraba a feira do gando, e de aó o seu nome..