O polipéptido activador da adenilato ciclase da pituitaria (PACAP, do inglés pituitary adenylate cyclase-activating polypeptide), tamén chamado polipéptido activador da adenilato ciclase 1, é unha pequena proteína que nos humanos está codificada no xene ADCYAP1 do cromosoma 18. É similar ao péptido intestinal vasoactivo. Un dos seus efectos é estimular as células similares ás enterocromafíns. Únese ao receptor do péptido intestinal vasoactivo e ao receptor do polipéptido activador da adenilato ciclase da pitutitaria.

Función

O xene ADCYAP1 codifica o polipéptido activador da adenilato ciclase 1. Coa mediación dos receptores do polipéptido activado pola adenilato ciclase 1, este polipéptido estimula a adenilato ciclase e en consecuencia incrementa o nivel de AMPc nas células diana. Este polipéptido non só é unha hormona hipofisiotrópica (é dicir, unha substancia que induce a actividade na hipófise), senón que tamén funciona como neurotransmisor e neuromodulador. Ademais, exerce un papel na regulación parácrina e autócrina de certos tipos de células. O xene ACYAP1 está composto por cinco exóns. Os exóns 1 e 2 codifican o 5' UTR e o péptido sinal, respectivamente; o exón 4 codifica un péptido relacionado co polipéptido activador da adenilato ciclase 1, e o exón 5 codifica o péptido maduro e o 3' UTR. Este xene codifica tres péptidos maduros diferentes, incluíndo dous isotipos: unha forma máis curta e outra máis longa.

Unha versión deste xene foi asociada co trastorno de estrés postraumático en mulleres (pero non en homes). Este trastorno implica unha resposta psicolóxica inadaptativa a eventos traumáticos. Ressler et al. identificaron unha asociación dun SNP neste xene do PACAP, que implicaba este péptido e o seu receptor (PAC1), co trastorno de estrés postraumático.

Dores de cabeza

Ambas as isoformas do PACAP (o PACAP-38 e o PACAP-27) foron implicadas na patoxénese das migraña. Un grupo de investigación danés liderado polo Dr. Messoud Ashina atopou que a infusión intravenosa do PACAP-38 inducía ataques de migrañas no 58% das persoas con problemas de migrañas, mentres que a taxa de indución de migrañas correspondente era do 55% para o PACAP-27. Investigáronse tratamentos con anticorpos monoclonais que tiñan como diana o PACAP ou os seus receptores para aliviar trastornos de dores de cabeza primarios. O medicamento ALD910 de Alder BioPharmaceuticals, que ten como diana este polipéptido, comezou o seu estudo en fase I en outubro de 2019. O medicamento de Amgen AMG-301, que tiña como diana o receptor PAC1, fracasou ao non conseguir mostrar maior eficacia que o placebo en ensaios en fase II.

Interaccións

O PACAP presenta interaccións co receptor da secretina.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Adenilato ciclase Glándula pituitaria

Bibliografía

Ligazóns externas

péptidos receptores de PACAP

Categoría:Proteínas