Os Xenacoelomorpha (xenacelomorfos) son un pequeno filo de animais bilaterais invertebrados, que consta de dous gruos irmáns: xenoturbélidos e acelomorfos. Este novo filo foi proposto e nomeado en febreiro de 2011 baseándose en sinapomorfías (características físicas compartidas polos animais do clado) morfolóxicas, o cal foi despois confirmado por análises filoxenómicas de datos moleculares (semellanzas no ADN dos animais do clado).
Filoxenética O clado (agrupamento de organismos baseado nos seus antepasados comúns/compartidos mais recentes) Os Xenacoelomorpha agrupan os Acoelomorpha e o xénero Xenoturbella, debido a estudos moleculares. Inicialmente este filo era considerado dentro dos deuteróstomos, (que significa que durante o desenvolvemento embrionario o ano desenvólvese primeiro e despois faino a boca), pero debido a análises recentes do transcriptoma, concluíuse que o filo Xenacoelomorpha é o grupo irmá (dous grupos emparentados máis próximos na árbore filoxenética) dos Nephrozoa, o cal inclúe tanto os protóstomoss (nos que durante o desenvolvemento embrionario a boca se forma primeiro e despois o ano) e os deuteróstomos, polo cal o filo Xenacoelomorpha é o clado de bilaterais máis basal. Isto significaría que non son deuteróstomos nin protóstomos.
Porén, algúns estudos sinalan que a súa aparente posición basal pode ser causada por altas taxas de mutación que orixinan unha atracción de ramas longas. Estas análises suxiren que os xenacelomorfos son en realidade un grupo irmán dos Ambulacraria, formando o clado Xenambulacraria e que, malia a súa organización corporal simple, derivan en realidade dun antepasado máis complexo. Como hai un gran número de especies dentro deste grupo isto permitiría sacar mellores conclusións e realizar análises dentro do filo e en grupos estreitamente relacionados con el.
Características
Este filo consta de pequenas criaturas planas con forma de vermes que se atopan en ambientes naturais acuáticos mariños e de augas salobres, sobre os sedimentos. No filo hai especies que poden ser de vida libre, parasitos e simbióticas. Poden encontrarse a profundidades de case 4 km e preto de chemineas hidrotermais.
O filo é hermafrodita (todos os individuos teñen á vez órganos masculinos e femininos) e reprodúcense sexualmente cun desenvolvemento directo, o que significa que evitan a fase de larva, especialmente vulnerable. Todas as especies dentro do filo dos xenacelomorfos son bilaterais, o que significa que teñen un eixe corporal da parte frontal á posterior central e unha imaxe especular dos lados esquerdo e dereito, igual que os humanos. Aínda que son triblásticos (é dicir, con tres follas xerminais: ectoderma, endoderma e mesoderma). O seu plan corporal é acelomado (carecen de celoma), pois non teñen unha verdadeira cavidade corporal.
Aínda que outros animais que son diblásticos (só teñen dúas follas xerminais: ectoderma e endoderma) tamén carecen de celoma, estes tecnicamente non teñen un plan corporal acelomado porque carecen da folla xerminal do mesoderma. En acelos, a boca abre directamente nun gran sincitio endodérmico, mentres que en nemertodermos e xenoturbélidos hai un tubo dixestivo con forma de saco tapizado de células non ciliadas.
Os seus sistemas nerviosos son basiepidérmicos, localizados xusto debaixo da epiderme, e non teñen cerebro. O sistema nervioso dos xenoturbélidos consiste nunha rede nerviosa simple, sen unha especial concentración de neuronas. En acelomorfos o sistema nervioso está disposto nunha serie de feixes lonxitudinais, unidos na rexión anterior por unha comisura anular de variable complexidade.
Os órganos sensoriais inclúen un estatocisto (para o equilibrio). Algúns grupos teñen dous ocelos (ollos simples) unicelulares.
A epiderme de todas as especies dentro do filo é ciliada. Os cilios están compostos por un conxnto de 9 pares de microtúbulos periféricos e un ou dous microtúbulos centrais (padróns 9+1 e 9+2, respectivamente). Os pares 4–7 terminan antes do extremo do cilio, creando unha estrutura chamada "repisa".
Notas