miniatura|Simboloxía de devandita doutrina; a bandeira da dereita é a wiphala, e a da esquerda é a chakana utilizada por Antauro Humala no Andahuaylazo de 2005; a chakana etnocacerista ten semellanzas coa Nationalflagge do Terceiro Reich. O etnocacerismo (ou etnonacionalismo peruano) é unha ideoloxía política peruana caracterizada polo etnonacionalismo que evoca tanto o poderío e a identidade do Imperio Inca ou Tahuantinsuyo, a proxección dun neo-Tahuantinsuyo, a admiración á figura de Andrés Avelino Cáceres, a exaltación da «raza cobriza» e as civilizacións andinas, así como o nacionalismo das Forzas Armadas do Perú durante o goberno de Juan Velasco Alvarado, o antichilenismo e o irredentismo.

Ideoloxía e situación no espectro político

Trazos ideolóxicos O principal piar do etnocacerismo é a reivindicación da «raza cobriza» que, de acordo cos etnocaceristas, debe volver gobernar o Perú, algo que segundo eles non sucede desde a chegada dos españois no século XVI.

Os etnocaceristas conciben que o motor da historia está constituído polo Factor Etnocultural (FEC) e o Factor Clasista (FC), sendo predominante o primeiro, e critican aos marxistas de desatender a cuestión racial nas súas análises. Para os etnocaceristas existen catro razas, sendo a principal en «Abya Yala» (América) a «raza cobriza».

O segundo piar do etnocacerismo é o nacionalismo, para o cal se evoca como símbolo ao heroe Andrés Avelino Cáceres, quen encabezou a resistencia durante a invasión chilena na guerra do Pacífico. Debido a isto, considérse a Chile como o meirande inimigo do Perú e proclámaseo irredentismo para a recuperación dos territorios perdidos na devandita guerra. Ademais, o etnocacerismo proclama a construción dun novo Tahuantinsuyo.

Sobre a base destes dous piares ideolóxicos, os obxectivos políticos do etnocacerismo inclúen: A reafirmación da identidade andina, así como tamén a conformación dun estado que abrangue os antigos territorios do Imperio Inca (principalmente o Perú e Bolivia). A nacionalización da industria peruana (comezando por reverter as privatizacións). A aplicación da pena de morte en caso de traizón á patria durante guerra externa, estabelecida pola constitución. A legalización do cultivo da coca xunto a unha loita implacable contra o narcotráfico. Facer fronte á ameaza que representa Chile, considerado inimigo do Perú, así como a recuperación de Tarapacá e Arica. Ser un país bilingüe obrigatorio (castelán e quechua). Ter como referencia o goberno de Andrés Avelino Cáceres, militar e político peruano que loitou na guerra do Pacífico e do xeneral Velasco Alvarado, impulsor do Goberno Revolucionario das Forzas Armadas na década de 1970.

Posición espectro político miniatura|250px|Estandarte imperial do movemento etnocacerista. Os etnocaceristas son antifascistas, anticomunistas e anticapitalistas, proclamando que «o comunismo se apropiou do concepto-termo socialismo; mais no enfoque "etnocultural"… Antauro Humala arrebata o socialismo aos socialistas». Os membros etnocaceristas coidan que a súa ideoloxía está fóra do espectro político convencional (transversal), empregando o concepto de terceira posición para identificala. Para os etnocaceristas, a súa ideoloxía non está «nin na dereita, esquerda, nin centro, senón abaixo». Algúns medios de comunicación —e certos etnocaceristas— perciben o etnocacerismo como de esquerda ou extrema esquerda política.

Debido a que o etnocacerismo adoita evocar símbolos andinos estilizados para semellarse á simboloxía nazi alemá, a doutrina foi descrita por varios medios como unha forma de nazismo amerindio peruano. Especificamente, o primeiro sinal palpable e relevante dese sincretismo andino, deuno o propio Antauro no Andahuaylazo, ao empregar un emblema coa chacana e a bandeira da Alemaña nazi. Ademais, o uso do concepto de «raza», o irredentismo, o antichilenismo radical e a unidade baseada no sangue e a terra (semellante ao blut und boden nazi) levou a que o etnocacerismo sexa cualificado como «unha construción nacionalsocialista orixinal e auténtica dos Andes» e, por debido a isto, un movemento de extrema dereita.

O investigador Michael Iván Mendieta Pérez propón que se pode definir o etnocacerismo como "populismo radical" polas súas propostas nacionalistas e antiimperialistas que están vencelladas cos gobernos populistas dos anos setenta, en especial o de Juan Velasco Alvarado.

No ano 2005, Agencia Andina deu a coñecer que en febreiro, un mes despois do marrado intento de golpe de estado en Andahuaylas, fíxose unha incursión nun local do distrito limeño de El Agustino, onde a Policía Nacional do Perú atopou vestimenta da Armada, armamento policial, bandeiras coa fouce e martelo en homenaxe a Jorge del Prado, así como escritos referentes á relixión inca e información alusiva ao nazismo. En 2019, a revista oficial do etnocacerismo, Antauro, cualificou a renuncia de Evo Morales á presidencia de Bolivia como un "golpe de estado", cualificando aos líderes opositores como "fascistas" e "neocolonialistas".

Historia miniatura|Militante etnocacerista co estandarte imperial e a súa bandeira respectiva. Pacificación Nacional

O etnocacerismo foi fundado polos irmáns Antauro Humala e Ollanta Humala en 1987 como doutrina militar contrainsurxente durante a época de terrorismo no Perú. Este temperán etnocacerismo criticaba o manual de combate ME 41-7 que empregaban os xenerais das forzas armadas. O ME 41-7 aplicaba as tácticas dos aliados na segunda guerra mundial e dos Estados Unidos e Francia nas súas colonias ás provincias campesiñas onde predominaba o Partido Comunista do Perú-Sendero Luminoso. Os etnocaceristas opoñíanse a este modelo que era alleo á situación particular do Perú e colonizador cara a poboación campesiña capturada por Sendero Luminoso. Ollanta e Antauro propoñían o etnocacerismo como unha alternativa máis eficaz para que o goberno vencese a Sendero Luminoso coa axuda dos pobos indíxenas.

Isaac Humala —antigo militante marxista do Partido Comunista Peruano e o Movemento de Esquerda Revolucionaria (MIR)— forma o seu Instituto de Estudos Etnoxeopolíticos (IEE) en 1989 para promover as ideas etnocaceristas. O etnocacerismo é unha forma de socialismo étnico que rexeita abertamente a democracia ao estilo neoliberal e propón un estado neo-incaico e etnocrático baseado en principios incaicos e a reivindicación da «raza cobriza» (indíxena americana).

Fujimorato

Durante o goberno de Alberto Fujimori, Ollanta Humala serviu como capitán en Tingo María en 1991, mentres que o seu irmán Antauro foi pasado ao retiro ao descubrirse que adoutrinaba baixo as súas ideas etnocaceristas a outros militares do exército. Ollanta ascendeu a comandante e pasou a ser primeiro xefe de unidade do Grupo de Artillaría Antiaérea N.º 501 no Forte Arica, situado no distrito de Ite, sede da Sexta División Blindada. Con dito cargo e xunto ao seu irmán Antauro protagonizaron o 29 de outubro o Levantamento de Locumba, percorrendo con algúns soldados a serra do Perú, e finalmente entregáronse ao goberno transitorio de Valentín Paniagua, quen lles concedeu o armisticio e os liberou pouco despois.

Goberno de Alejandro Toledo

miniatura|Reservistas do etnocacerismo pedindo a liberación de Antauro en xuño de 2022 en Chimbote. Durante o goberno de Alejandro Toledo, Ollanta volveu ao servizo activo, mentres que Antauro fundou o Movemento Etnocacerista e dedicouse a realizar actividade política en Lima. Nesta época, os etnocaceristas caracterizáronse por ser fortes opositores ao goberno de Alejandro Toledo a quen cualificaban de "chilenizador e bébedo" e ata que o seu goberno era unha continuación do de Fujimori. Finalmente, o 1 de xaneiro de 2005, Antauro ao mando de 300 reservistas etnocaceristas protagonizaron o chamado Andahuaylazo, tomaron a comisaría de Andahuaylaz e mantivéronse rebeldes pedindo a renuncia de Toledo durante 4 días. O 3 de xaneiro Antauro foi capturado e o 4 todos os sublevados rendéronse.

Dende 2005

No presente, o Movemento Etnocacerista Peruano é liderado por Antauro Humala. A maioría dos seus integrantes son reservistas do exército do Perú e veteranos do conflito de Paquisha e da guerra de Cenepa contra Ecuador e da loita contra Sendero Luminoso e o Movemento Revolucionario Túpac Amaru.

Pola súa parte, Ollanta separouse dos principios etnocaceristas e fundou o seu propio partido chamado Partido Nacionalista Peruano, co cal foi presidente do Perú.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Indixenismo Guerra do Pacífico (1879-1883)

Categoría:Política do Perú Categoría:Etnocentrismo Categoría:Indixenismo