A Casa do Correo Vello é unha casa señorial gótica do século XVI situada no casco antigo da cidade de Pontevedra.
Localización A casa atópase na praza de Celso García de la Riega, na parte norte do centro histórico de Pontevedra, moi preto da ponte do Burgo nunha das entradas principais á cidade medieval. Unha das súas fachadas laterais dá á rúa Real e ao camiño portugués de peregrinación a Santiago e á antiga vía romana XIX e a outra fachada á rúa San Nicolás.
Historia Esta casa nobre foi construída no século XVI, para dúas familias vascas procedentes de Áraba que se asentaron na cidade de Pontevedra, os Murga e os Ibaizábal.
A casa debe o seu nome á función de Casa do Correo na cidade desde a que se distribuía o correo, cun servizo postal desde 1707. Foi empregada como casa de postas no século XVIII pola súa situación privilexiada próxima á ponte do Burgo e á beira do camiño de Santiago portugués. Á casa estivo vinculada o pai de Frei Martín Sarmiento que foi Correo Maior do Reino en Pontevedra.
Descrición É unha casa gótica do século XVI que ten planta baixa e tres andares. Na súa fachada principal mostra un alfiz característico do século XVI, que percorre a fachada que dá á praza de Celso García de la Riega e bordea a parte superior dun escudo de armas de grandes dimensións coas armas dos Ibaizábal, Villegas, Aldao e Salazar. O escudo está timbrado cun casco con penacho e adornado de lambrequíns, así como unha cabeza de anxo debaixo da punta do escudo.
A porta orixinal de acceso á casa termina nun arco carpanel de tres centros cun pequeno escudo na clave. Os dous primeiros pisos teñen portas balconeiras e o terceiro posúe un balcón que ocupa toda a fachada.
Na fachada lateral esquerda, que dá á Rúa Real, hai outro pequeno escudo totalmente cadrado coas armas dos Murga, que eran oriúndos do municipio de Aiara en Áraba e parentes dos Ibaizábal.
Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Centro histórico de Pontevedra
Categoría:Arquitectura civil en Pontevedra Correo Vello