Macaca fascicularis é un primate cercopitécido nativo do sueste de Asia. Esta especie de macaco ten unha longa historia xunto aos humanos. A especie foi vista alternativamente como unha praga agrícola, un animal sagrado, e, máis recentemente, animal de experimentación médica.
Vive en grupos sociais matrilineares de ata oito individuos dominados por femias. Os machos abandonan o grupo cando chegan á puberdade. É un omnívoro oportunista e documentouse que fai uso de ferramentas para obter comida en Tailandia e Myanmar. É unha especie invasora e unha ameaza para a biodiversidade en varios lugares, como Hong Kong e o occidente de Nova Guinea. O solapamento dos lugares onde viven o macaco e os seres humanos ten como resultado unha gran perda de hábitat para o mono, vida sinantrópica e conflito inter e intraespecífico polos recursos.
Etimoloxía
Macaca é unha palabra que entrou no portugués e outras linguas derivada de makaku, unha palabra da lingua ibinda de África central (kaku significa mono en ibinda). O epíteto de especie fascicularis en latín significa banda ou franxa. Thomas Raffles, que lle deu ao animal o seu nome científico en 1821, non especificou o que quixo indicar co uso desta palabra.
En Indonesia e Malaisia o M. fascicularis e outras especies de macacos coñécese xenericamente como kera, posiblemente debido aos seus berros agudos.
Nalgúns países chámanlle macaco de rabo longo, porque este adoita ser máis longo que o corpo. O nome de macaco cangrexeiro que tamén recibe refírese a que nalgunhas zonas adoita baixar ás praias a procurar cangrexos. Outro nome que se lle dá, especialmente en laboratorios, é o de mono cinomolgo, polo nome da raza de homes de pelo longo e coidadas barbas que utilizaban cans para cazar segundo Aristófanes de Bizancio, que parece que deriva do palabra grega cynomolgus, do grego κύων, cyon 'can' (xenitivo cyno-s) e o vebo ἀμέλγειν, amelgein 'muxir, extraer leite' (adxectivo amolg-os), porque se dicía que muxían as cadelas.Aristophanes of Byzantium, Tῶν Ἀριστοτέλους περί ζώων ἐπιτομή. ΑΠΑΝΤΑ Ι, 2.59. ΚΑΚΤΟΣ 1998.
Taxonomía As 10 subespecies de M. fascicularis son: M. f. fascicularis M. f. aurea M. f. umbrosa M. f. atriceps M. f. condorensis M. f. fusca M. f. lasiae M. f. tua M. f. karimondjawae M. f. philippensis
Características miniatura|Un M. fascicularis en Sumatra occidental.
A lonxitude corporal do adulto, que varía entre as subespecies, é de 38–55 cm e os brazos e pernas son relativamente curtos. Os machos son considerablemente maiores que as femias, con pesos de 5–9 kg, comparados cos 3–6 kg das femias. O rabo é máis longo que o corpo, tipicamente de 40–65 cm e úsano para equilibrarse cando saltan grandes distancias de ata 5 m. As partes superiores do corpo son marróns escuras con puntas marróns douradas claras. A parte ventral é gris clara con rabo gris/marrón. Teñen pelos no alto da cabeza dirixidos cara a atrás que ás veces forman curtas cristas na parte media. A pel é negra nos pés e orellas, pero a pel do fociño é de cor rosa agrisada clara. As pálpebras a miúdo teñen prominentes marcas brancas e ás veces teñen marcas brancas nas orellas. Os machos teñen un bigote característico e longos pelos nas fazulas, mentres que as femias teñen só os pelos longos das fazulas. Teñen unha bolsa nas meixelas que usan para almacenar comida cando van na súa busca. As femias non mostran ningún inchamento perineal.
Distribución e hábitat
A súa área de distribución nativa comprende a maior parte do sueste asiático continental, desde o extremo sueste de Bangladesh cara ao sur a través da Península de Malaca e Singapur, as illas indonesias de Sumatra, Xava, e Borneo, outras illas máis oceánicas, as Filipinas e as illas Nicobar no golfo de Bengala. Este primate é un raro exemplo de mamífero terrestre que traspasa a liña de Wallace, xa que se encontra nas illas menores da Sonda. Vive nunha ampla variedade de hábitats, incluíndo as selvas primarias de zonas baixas, selvas secundarias e alteradas, zonas arbustivas e bosques fluviais e costeiros da palmeira Nypa fruticans e mangleiral. Tamén se adapta doadamente a asentamentos humanos e é considerado sagrado nalgúns templos hindús e nalgunhas pequenas illas, pero como unha praga arredor das granxas e aldeas. Prefire hábitats alterados e a periferia dos bosques.
Área como especie introducida
É unha especie allea introducida en varios países, como Hong Kong, Taiwán, Papúa-Nova Guinea, Nova Guinea occidental, Nova Bretaña, Nova Irlanda, Nova Caledonia, illas Salomón, Fiji, Tonga, Samoa, Nauru, Vanuatu, Pohnpei, illas Anggaur en Palau e Mauricio. Isto levou ao Grupo Especialista en Especies Invasoras da Unión Internacional para a Conservación da Natureza a incluír esta especie na "Listas das 100 peores especies invasoras do mundo". En Mauricio é unha ameaza para a especie de planta endémica e en perigo Roussea simplex, xa que destrúe as súas flores. Tamén dificulta a xerminación dalgunhas árbores endémicas ao destruír a maior parte dos seus froitos cando están aínda verdes e compite co raposo voador de Mauricio endémico e en perigo Pteropus niger ao comerlle a froita que necesita este quiróptero.
Onde non é unha especie nativa, especialmente nos ecosistemas de illas cuxas especies a miúdo evolucionan illadas dos grandes predadores, é unha ameaza documentada para moitas especies nativas. A inmunovacina da zona pelúcida porcina (PZP), que causa infertilidade en femias, está sendo probada en Hong Kong para investigar o seu posible uso como método de control da poboación.
Comportamento e ecoloxía
Vida en grupo miniatura|Exemplar cunha ferida no beizo superior. miniatura|Exemplar novo en Borneo. miniatura|Exemplar en Ao Nang, Tailandia.
Os macacos viven en grupos sociais que conteñen de 3 a 20 femias, xunto cos seus fillos e un ou moitos machos, pero adoitan ter menos machos que femias. Nos grupos sociais de macacos obsérvase unha clara xerarquía de dominancia entre as femias. Estes rangos de dominancia permanecen estables durante a vida da femia e tamén poden manterse a través das xeracións matrilineares. As femias teñen as súas maiores taxas de partos arredor dos 10 anos de idade e deixa completamente de concibir aos 24 anos.
Os grupos sociais de macacos son mantidos unidos polas femias, xa que os machos se dispersan ao chegaren á puberdade. Así, o coeficiente de parentesco no grupo como media parece ser menor que a matrilinearidade. Aparecen máis diferenzas en parentesco cando se comparan as liñaxes de alto rango coas de menor rango, xa que os individuos de alto rango están máis estreitamente relacionados entre si. Ademais, os grupos de machos dispersos nacidos nos mesmos grupos sociais mostran unha diversidade de parentesco, ás veces parecen ser irmáns, mentres que outras veces parecen non estar emparentados.
Ademais da xerarquía de dominancia matrilinear, tamén existen rangos de dominancia de machos. Os machos alfa teñen unha maior frecuencia de apareamentos comparados cos seus conespecíficos de rango inferior. O seu maior éxito débese parcialmente ao incremento do seu acceso ás femias e tamén debido á preferencia das femias por un macho alfa durante os períodos de máxima fertilidade. Aínda que as femias teñen unha preferencia por machos alfa, tamén teñen un comportamento promiscuo. Con este comportamento as femias arríscanse a criar fillos de machos non alfa, pero benefícianse de dous xeitos, ambos en relación co comportamento agresivo: desvalorízase o valor dunha copulación e o risco de infanticidio diminúe debido á incerteza da paternidade.
O aumento do tamaño dos grupos acrecenta a competición e a enerxía gastada tratando de buscar recursos, e en particular, comida. Ademais, xéranse tensións sociais e diminúe a prevalencia de interaccións redutoras da tensión como o acicalamento social. Así, a vida en grupo parece que só se mantén debido á maior seguridade contra a depredación.
Os macacos ás veces forman grupos mixtos con outras especies de primates, incluíndo o Macaca nemestrina, Trachypithecus obscurus e Presbytis siamensis. Observáronse dedicándose a acicalarse con outras especies de primates, como o Macaca nemestrina e os colobinos Presbytis femoralis e Trachypithecus obscurus.
Conflito intraespecífico
A vida en grupo en todas as especies depende da tolerancia doutros membros do grupo. Para unha vida en grupo social frutífera entre os M. fascicularis cómpre un modo de resolución postconflito. Xeralmente, cando se orixina un conflito os individuos menos dominantes perden perante os individuos de rango superior. Unha vez que tivo lugar o conflito, os individuos de rango inferior adoitan temer aos gañadores do conflito en maior medida que antes. Nun estudo observouse isto na capacidade de beberen auga xuntos. As observacións posconflito mostraron un tempo de vacilación entre o momento en que o individuo dominante empeza a beber e o momento en que o fai un subordinado. Os estudos a longo prazo revelaron que o tempo que pasaba entre o momento en que os dous individuos empezaban a beber era máis curto a medida que pasaba o tempo e se esquecía o antigo conflito.
O acicalamento e o apoio nas liortas entre primates considérase un acto de altruísmo recíproco. No caso de M. fascicularis realizouse un experimento no cal se lles deu aos individuos a oportunidade de acicalarse uns a outros baixo tres condicións: despois de ser acicalado polo outro, despois de acicalar ao outro, e sen previo acicalamento. Despois dun acicalamento, o individuo que o recibiu era máis probable que axudase ao seu acicalador que a un que previamente non o acicalara. Estes resultados apoian a teoría do altruísmo recíproco do acicalamento nos M. fascicularis.
Os M.fascicularis mostran dúas das tres formas suxeridas de comportamento posconflito. Tanto en estudos en catividade coma na natureza, os monos mostraban unha reconciliación ou unha interacción máis amigable entre anteriores opoñentes, e unha redirección ou actuación agresiva cara a un terceiro individuo. Non se observou consolación en ningún dos estudos realizados.
A ansiedade posconflito tamén se observou nos M. fascicularis que actuaran como agresores. Despois dun conflito dentro dun grupo, o agresor parece rañarse o corpo el mesmo con maior frecuencia que antes do conflito. Aínda que o conportamento de rañarse non pode en xeral ser denominado un comportamento ansioso, as probas suxiren que neste caso é así. O comportamento de rañarse dun agresor diminúe significativamente despois da reconciliación. Isto suxire que a reconciliación e non unha propiedade do conflito é a causa da redución do comportamento de rañarse. Aínda que estes resultados parecen contraintuitivos, a ansiedade do agresor parece estar baseada no risco de arruinar as relacións cooperativas co opoñente.
Altruísmo de parentesco e prexudicación
miniatura|220px|Macaca fascicularis fascicularis na Reserva da Natureza de Bukit Timah, Singapur. Vídeo clip Nun estudo, a un grupo de M. fascicularis déuselle a posesión dun obxecto cheo de alimento. Non sorprendentemente, se o obxecto o tiña a nai, esta favorecía aos seus propios fillos ao pasivamente pero preferentemente deixarlles alimentarse cos obxectos que mantiña na súa posesión. Porén, cando eran os fillos pequenos os que estaban en posesión dun obxecto, as nais roubábanos e actuaban agresivamente con maior frecuencia cara aos seus propios fillos en comparación con outros individuos novos. Entre os machos, non había nesgo de parentesco, pero os rivais roubaban preferentemente ao máis vello dos dous rivais. Estas observacións indican comportamentos con influencia da estreita proximidade na posesión de obxectos, xa que os parentes da nai están máis próximos a ela como media que outros. Aínda que a hipótese segue sendo que as relacións nai-fillo poden facilitar a aprendizaxe social da propiedade, os resultados combinados apuntan claramente á agresión cara ao individuo menos ameazante.