Luís Pérez Barral, nado en Ribeira o 7 de maio de 1990, é un político galego do BNG, alcalde de Ribeira dende 2023 até 2025.

Traxectoria Compatibilizou os estudos co emprego de camareiro. Grao en Lingua e Literatura Galegas (2017) con Mínor de Lingüística Xeral. Traballou nunha tenda de telefonía e na Mesa pola Normalización Lingüística, onde dirixiu algunhas campañas. A partir de 2018, dirixiu o Servizo de Normalización Lingüística de Outes.

Militante do BNG dende 2009, presentouse na candidadura do BNG de Ribeira nas eleccións municipais de 2011 e aínda que non foi elixido concelleiro entrou na corporación en 2012. Foi responsable de Política Institucional de Galiza Nova (2012-2016). Foi responsable comarcal do BNG na Barbanza e membro do Consello Nacional do BNG. Volveu ser elixido concelleiro en 2015 e 2019. Nas municipais de 2023 encabezou a candidatura do BNG e alcanzou un acordo de goberno co PBBI e o PSdeG-PSOE polo cal foi elixido alcalde.

Moción de censura O 29 de setembro de 2025 presentouse unha moción de censura contra o alcalde, cos votos dos 10 concelleiros do PP e 3 dos 5 do PBBI. Días despois, Tania Redondo, unha concelleira do PBBI asinante da moción de censura, desmarcouse desta, sinalando que fora coaccionada. O xoves 9 de outubro, uns días antes do pleno da moción, o BNG celebrou un acto en apoio ao alcalde saínte. O 13 de outubro de 2025 levouse a cabo a moción de censura nun ambiente social moi bronco e foi substituído no cargo por Mariola Sampedro, do Partido Popular.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Ribeira

Ligazóns externas Ronsel do Nordés, bitácora de Luís Pérez Barral

Categoría:Alcaldes de Ribeira Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG

Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Ribeira

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes