Antonio David Álvarez Rey, coñecido como Davo, nado en Vilariño (O Pereiro de Aguiar) o 18 de decembro de 1994, é un futbolista español que xoga como extremo dereito e dianteiro no Alcorcón, da Primeira Federación.
Traxectoria Naceu na parroquia de Vilariño, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, e pouco despois trasladouse coa súa familia a Tenerife e logo a Luarca. Criouse na vila asturiana e aos 7 anos comezou a xogar ao fútbol na canteira do Luarca CF, onde estivo ata rematar a súa etapa infantil, ingresando a continuación no equipo cadete do Real Avilés. Na tempada 2011/12 os seus 23 goles co xuvenil do Avilés na Liga Nacional colocárono como o segundo máximo goleador do seu grupo, só por detrás de Carlos Castro, e permitíronlle debutar co filial na Rexional Preferente, o 26 de febreiro de 2012, nun partido ante o Valdesoto.
No verán de 2012 fichou polo Real Oviedo para xogar co seu equipo xuvenil, no que militou unha campaña, chegando a debutar co Oviedo Vetusta na Tercera División. Comezou a campaña 2013/14 nas filas do filial oviedista, pero o 8 de outubro de 2013 saíu cedido ao Langreo, da mesma categoría.
Co equipo dirixido polo veigués Pablo Lago, disputou un total de 24 partidos e marcou 5 goles, conseguindo o ascenso á Segunda B. Para a seguinte campaña seguiu a Lago ao Caudal, de Terceira, onde disputou un total de 38 partidos, anotando 9 goles.
Na tempada 2015/16 fichou polo Zamora, onde incrementou os seus rexistros ata os 13 goles nun total de 43 partidos, case todos como titular. O equipo adestrado por Balta Sánchez proclamouse campión do Grupo VIII da Terceira División, pero non conseguiu ascender ao caer eliminado na promoción. En 2016 regresou ao Oviedo Vetusta, co que marcou 16 goles nos 37 partidos que xogou durante a campaña.
Na 2017/18 fichou polo Rápido de Bouzas, co que debutou na Segunda División B. Ás ordes de Borja Jiménez, contribuíu con 14 partidos e un gol á mellor tempada da historia do club, pero deixou o equipo no mercado invernal, pasando ás filas do Cerceda, da mesma categoría, co que acabou descendendo.
No verán de 2018 volveu ao Zamora e alí conseguiu a mellor cifra goleadora da súa carreira, con 20 tantos en 36 encontros. En xullo de 2019 regresou ao Langreo, desta vez na Segunda B, co que marcou 13 goles, sendo o cuarto máximo anotador do Grupo I, por detrás de Rufo, Gabarre e Joselu.
Na tempada 2020/21 púxose ás ordes de Juan Carlos Carcedo no Ibiza e con dez goles foi o máximo goleador do equipo, que conseguiu o primeiro ascenso á Segunda División da súa historia. Na primeira xornada da tempada 2021/22 debutou na categoría de prata, nun empate sen goles ante o Zaragoza na Romareda, onde saltou ao campo na segunda parte como substituto de Ekain Zenitagoia.
En xuño de 2022 deixou por primeira vez o fútbol español e puxo rumbo a Polonia, onde asinou un contrato de dous anos co Wisła Płock da Ekstraklasa. Con todo, xogou só medio ano no club de Płock, pois en xaneiro, sendo naquel momento o máximo goleador da liga con 9 dianas, foi traspasado ao Eupen, da Primeira División de Bélxica. No equipo valón apenas tivo protagonismo, participando só en sete partidos, saíndo en todos eles dende o banco de suplentes.
En xullo de 2023 anunciouse a súa cesión con opción de compra obrigatoria ao Deportivo da Coruña, o terceiro club galego da súa carreira. Na primeira metade da tempada foi titular na maioría das aliñacións do adestrador Imanol Idiakez e a pesar das críticas recibidas tivo un papel importante en decembro cos seus goles ante o Barcelona Atlètic e o Arenteiro, que salvaron unha complicada situación na clasificación e unha posible destitución de Idiakez. Perdeu protagonismo na segunda parte da campaña, que culminou co ascenso do Deportivo á Segunda División. Pechou a tempada cun total de 39 partidos e 8 goles. En xuño de 2024 o club exerceu a opción de compra obrigatoria que tiña sobre o xogador en caso de ascenso.
Militou co club coruñés en Segunda durante a primeira metade da tempada 2024/25, pero apenas disputou 100 minutos en liga repartidos en nove encontros, polo que en xaneiro saíu cedido ao Real Murcia, de Primeira Federación. No club murciano contou con máis oportunidades, pero non conseguiu ver portería nos 16 partidos que disputou. Ao remate da tempada anunciouse a súa saída do club galego e a súa fichaxe polo Penafiel portugués, club que viña de ser adquirido recentemente polo tamén propietario do Deportivo, Juan Carlos Escotet.
Co conxunto portugués disputou un total de 34 encontros, anotando 5 goles. No verán de 2026 regresou a España para xogar no Alcorcón, da Primeira Federación.
Palmarés Zamora Terceira División (1): 2015/16.
Ibiza Segunda División B (1): 2020/21.
Deportivo da Coruña Primeira División RFEF (1): 2023/24.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División B, final de campións de Primeira Federación e Copa Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesAvilés B2011/12Preferente Asturias31-- - -31Oviedo B2012/13Terceira10 - - - -102013/14Terceira30 - -1242Langreo2013/14Terceira195 - -60255Caudal2014/15Terceira369 - -814410Zamora2015/16Terceira3713-- 4 04113Oviedo B2016/17Terceira3716-- 4 13817Total club411600534619Rápido de Bouzas2017/18Segunda B13110 - -141Cerceda2017/18Segunda B15000 - -150Zamora2018/19Terceira331800 - -3318Total club703100607431Langreo2019/20Segunda B271310 - -2813Total club461810505218Ibiza2020/21Segunda B231030 2 028102021/22Segunda36222 - -384Total club591252206614Wisła Płock2022/23Ekstraklasa18920 - -209Eupen2022/23Jupiler Pro7000 - -70Deportivo da Coruña2023/241ª Federación35720213982024/25Segunda9010 - -100Total club4473021498Murcia2024/251ª Federación1500010160Penafiel2025/26Segunda Liga33510 - -345Total carreira 400 109 13228 5 441116
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados no Pereiro de Aguiar Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Real Oviedo B Categoría:Xogadores do UP Langreo Categoría:Xogadores do Caudal Deportivo Categoría:Xogadores do Zamora CF Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do CCD Cerceda Categoría:Xogadores do KAS Eupen Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Penafiel Categoría:Xogadores da AD Alcorcón