A Melanargia lachesis é unha especie de lepidóptero ditrisio da familia Nymphalidae e, dentro desta, da subfamilia Satyrinae. É unha das especies dun xénero que se diferencia moi claramente do resto de Satyrinae por ter as ás unha cor predominantemente branca, con manchas negras moi marcadas que debuxan sobre a á un patrón axadrezado.http://www.asturnatura.com/especie/melanargia-lachesis.html Melanargia lachesis

Descrición Diferénciase da maioría de especies do mesmo xénero pola ausencia de barra negra transversal no medio da cela da á anterior. Comparte esta característica con Melanargia galathea, da que se diferencia, con todo, por non presentar na parte superior da cela unha franxa de cor gris tan ancha e por non presentar na base das ás a mesma importante difusión escura. As manchas negras son máis reducidas que nesa especie. É unha bolboreta relativamente grande, podendo alcanzar os individuos máis grandes unha envergadura de 6 cm, aínda que rara vez o fan.

Ademais posúe unha peculiaridade, os seus cromosomas (2n: diploides) son 24, dous xogos de 12 cromosomas.

Área de distribución Trátase dunha especie esencialmente ibérica tamén presente no sueste de Francia, onde chega até o Ródano.

Ciclo vital Univoltina, tan só se observa unha única xeración, que voa en pleno verán de xuño a agosto. Inverna como eiruga.

Plantas nutricias As eirugas aliméntanse de diferentes especies de gramíneas.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Tom Tolman & Richard Lewington (2002). Guía de las mariposas de España y Europa. Lynx Edicions

Categoría:Animais descritos en 1790 Categoría:Bolboretas de Galicia