Vulpes ferrilata é unha especie de raposo endémica do altiplano do Tíbet, a chaira de Ladakh, no Nepal, a China, Sikkim, e Bután, presente até alturas de 5.300 m. O seu estado de conservación está clasificado como pouco preocupante na Lista Vermella da IUCN, debido á súa ampla distribución nas estepas e semidesertos da meseta tibetana.
Características O Vulpes ferrilata é un raposo pequeno e compacto, cunha pelaxe suave e densa, un fociño visiblemente estreito e unha cola mesta. O seu fociño, coroa, pescozo, costas e patas inferiores son de cor marrón avermellada, mentres que as súas meixelas, flancos, patas superiores e grupa son agrisadas. A súa cola ten as puntas brancas. As orellas son curtas e de cor marrón a agrisado no dorso, mentres que o interior e a parte inferior son brancas. Os exemplares adultos miden de 60 a 70 cm de longo, sen incluír a cola, e a súa cola mide de 29 a 40 cm. O peso dos adultos rolda os 4 a 5,5 kg.
Entre os raposos, a súa caveira é a máis especializada no carnivorismo; é máis longa na lonxitude condilobasal, así como na lonxitude da mandíbula e dos dentes das meixelas, ca as dos raposos dos montes. A súa rexión cranial é máis curta ca a dos raposos dos montes, e o arco cigomático é máis estreito. As súas mandíbulas tamén son moito máis estreitas, e a fronte é cóncava. Os seus dentes caninos tamén son moito máis longos ca os dos raposos dos montes.
Notas
Categoría:Mamíferos de Bután Categoría:Mamíferos do Nepal Categoría:Mamíferos do Tíbet Categoría:Vulpes Categoría:Animais descritos en 1842